Onte 293: Premios Lois Peña Novo

O foxo do castelo de Soutomario foi o espazo de privilexio escollido para a cerimonia de entrega dos Premios Lois Peña Novo 2012. Os autores do Dicionario Xurídico Galego, editado por Xerais; o escritor e funcionario redondelán Gonzalo Amoedo López; e o Luís Villares Naveira, maxistrado da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Pronvicial de Lugo foron os galardonados. Especialmente memorable e punxente resultou a intervención de Luís Villares defendendo a necesidade dunha acción xurídica positiva a prol da lingua galega e un traballo social eficaz para desmontar os prexuízos existentes sobre o seu uso en todos os ámbitos. Agardo que a Fundación Lois Peña Novo publique decontado os vídeos de todas as intervencións, moi valiosas, dun serán no que se defendeu con paixón e razón o emprego da lingua galega no eido da Xustiza e o consumo responsable dos produtos etiquetados en galego. Parabéns aos premiados e aos organizadores.

Eu falarei

Moi interesante é esta experiencia da comunidade educativa do IES de Chapela que gravou o Lipdub «Eu falarei». Amosa, outra vez máis, o valor dos procesos colectivos e compartidos para superar os prexuízos lingüísticos. Unah peza moi recomendable.

Onte 292: Universo Dragal

Presentamos en Cangas, nas instalacións de FECIMO, a última entrega da triloxía do «Universo Dragal». Toda unha proeza de Elena Gallego que en apenas dous anos publicou mil páxinas trepidantes cheas de sorpresas, segredos, poderes e alquimias enfiadas por unha trama engaiolante de realismo fantástico. Con todo, o máis interesante da triloxía é a iconografía de estripe nosa que recupera, amosando que Galicia, dende hai case un milleiro de anos, é un país de dragóns, gárgolas, grifóns, cocas, serpes ou tarascas. Un mito aínda vixente na nosa tradición oral popular que Elena encarna nun rapaz de instituto do século XXI. Eis a clave do éxito de tan valioso «Universo Dragal». Tres novelas de aventuras moi recomendables, non só para lectorado xuvenil.

Onte 291: Castelao na Unión Soviética

Presentamos Castelao na Unión Soviética en 1938, o libro no que don Xesús Alonso Montero defende o filocomunismo e prosovietismo de Castelao durante a Guerra Civil. Como xa é adoito nas súas presentacións, o Profesor ditou unha conferencia sobre os principais contidos do libro. Comezou relatando a viaxe que realizou o rianxeiro, acompañado da súa dona e durante vinte e seis días, a tres repúblicas da Unión Soviética, formando parte dunha delegación plural que representaba á España leal. Logo, analizou os dous textos principais incluídos no libro: a entrevista preparada por Luís Soto para a revista Nueva Galicia –para don Xesús escrita polo propio Castelao– e a carta ao seu amigo Rodolfo Prada, que achega interesantes matices para comprender o seu esquerdismo durante este período. O carácter táctico da colaboración do Partido Galeguista coa Frente Popular, coa intención de acadar a Autonomía, estratexia na que acreditaban Castelao e Bóveda, e a influencia da teorización de Stalin no concepto de nación acuñado en Sempre en Galiza foron outros dos temas principais abordados con afán didáctico por Alonso Montero na súa clarificadora intervención.

[Alfonso Paz-Andrade na presentación de «Castelao na Unión Soviética en 1938», 25 de xuño de 2012]

Os libros son a creación máis egrexa que fixo a humanidade. Os libros son a soá dunha cultura que ha ser modulada pola lingua.

Un Son

Excelente peza creada en «stop motion» por un equipo de alumnas de 3º de ESO do Colexio Andersen de Vigo. Un modélico proxecto de educación musical e de posta en valor da lingua galega. Merece ser divulgada. Parabéns.

Onte 290: #ForzaLugo

Tras vinte anos o C.D. Lugo regresa a Segunda División A. Despois dun partido épico fronte a un rival durísimo, que conta cunha afección incansable, foi a grandeza emotiva dos penaltis a que certificou un ascenso que o equipo branquivermello xa debeu acadar por calidade de xogo a pasada tempada. O do Lugo de Quique Setién, xunto ao do Deportivo, Celta e do Ourense, é o cuarto ascenso dunha tempada soñada para o fútbol galego. Gocemos destas horas de ledicia efémera e agardemos que a vindeira tempada celebremos os ascensos do Pontevedra e Racing de Ferrol.