«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», o booktrailer
Parabéns a Ramón Nicolás e Iago Nicolás polo excelente booktrailer de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.
Parabéns a Ramón Nicolás e Iago Nicolás polo excelente booktrailer de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.
Dentro do excelente labor de ampliación da oferta de obras traducidas para o galego realizado dende 2005 por Rinoceronte Editora, a colección de novela gráfica dirixida por Breixo Harguindey é un dos seus maiores acertos. Tras a publicación de Persépole e Na procura de Ed o Riseiro, a do Contrato con Deus de Will Eisner, en magnífica tradución de Eva Carrión, supón a consolidación do proxecto e a súa apertura a un público amplo. As catro historias protagonizadas por un tenement da Avenida Dropsie, un edificio de inmigrantes do Bronx novaiorquino, constitúen un espectacular retrato da loita pola vida dos máis humildes durante aqueles sucios anos trinta. A morte, o amor, a cobiza, a gloria efémera, o fracaso son algúns dos temas das historias que se desenvolven entre os límites deste «barco aboiando sobre o comento». Como La ciudad de Frans Masereel, esta de Eisner é obra fundacional dun xénero que o autor das tiras de The Spirit bautiza como «novela gráfica», o relato literario de vidas humildes combinando palabras e imaxes. Hoxe, en pleno proceso de tránsito entre soportes, a novela gráfica representa un dos xéneros máis punxentes na industria internacional do libro. Un fenómeno ao que non é allea a edición en galego, tanto polo esforzo de editoras especializadas como El Patito Editorial, Demo editorial, BD Banda ou Retranca Editora, como polas coleccións específicas das editoras xeralistas como esta de Rinoceronte ou a que abriremos en Xerais en outubro coa publicación de Cartas de inverno de Antonio Seijas e a primeira entrega da serie infantil Marcapola de Jacobo Fernández Serrano.
VilaWeb lévame a un interesante artigo de Teresa Iribarren en Núvol, un dixital de cultura en catalán, cuxa tese é sinxela de resumir: hoxe no mundo a catalá é «a lingua de Guardiola». O comportamento lingüístico do adestrador de Sanpedor, instalado decote no catalán, mais con expresión moi fluída en inglés e español, permitiu á lingua e á cultura catalás gañar unha visibilidade e un prestixio internacionais que sabemos serían imposible acadar cunha estratexia só cultural e diplomática. Máis aínda, para Iribarren no inminente futuro a visibilidade internacional da lingua catalá non dependerá tanto de iniciativas culturais tan loables como a nominación de Pa negre aos Óscars ou as publicacións do Instituto Ramón Llul, senón do compromiso co catalán de Tito Vilanova, o novo adestrador do Barça, que moi pouco ten que ver co mundo da cultura. Outra responsabilidade que herdou de Guardiola, de quen se fala que podería adestrar á selección brasileira de cara ao mundial 2014. Non hai dúbida que nas estratexias normalizadoras que precisa o galego, como para acadar a visibilidade internacional da nosa cultura, hai que ter moi en conta os comportamentos lingüísticos dos clubes deportivos coma destes modelos sociais de prestixio, sexan deportistas, artistas ou xentes con presenza habituais nos medios. O futuro do galego tamén depende da lingua que utilicen estas persoas e institucións.
A iniciativa colaborativa de The Guardian de debuxar o mapa europeo dos recurtes cutlurais vai collendo corpo. Son os lectores e lectoras os que sitúan (por medio deste formulario) xeograficamente os recurtes que coñecen nos diversos eidos da cultura (teatro, música, museos, festivais, protección patrimonio, iniciativas educativas…). A iniciativa (recollida por El País, Público, Le Monde e La Stampa, entre outros) evidencia que é España o estado europeo máis afectado polos recurtes orzamentarios das súas iniciativas culturais, mesmo a pesar de que no mapa faltan por incluír moitos dos retallazos, como a maior parte dos realizados en Galicia. Consultar este mapa interactivo achega información moi relevante, como a existencia do oasis francés, onde a pesar da crise mantéñense a maior parte dos orzamentos culturais, ou a debacle sen paliativos que se produce en Portugal, Italia e España. Non estaría de máis que todos colaborásemos en actualizar esta información, un xeito de defender o patrimonio e as industrias culturais europeas.
[Martín Luther King, citado por Carlos Taibo nunha anotación publicada o 15-08-2012]/en Autores, Citas, Educación_para_a_Paz/por bretemas
A detencion brutal de Rafa Estévez, o fotoxornalista de Diario Pontevedra, produciume indignación e unha enorme preocupación. Poñer un xeonllo na cabeza a un fotógrafo, que pretendía realizar o seu traballo en moi difíciles condicións, non pode ser considerada, baixo criterio ningún, unha utilización proporcionada da violencia. Todas as informacións dispoñibles, como as declaracións das testemuñas (incluídas as das autoridades), que asistiron atónitas ao sucedido, amosan que a actuación policial no momento da detención foi desproporcionada. Como hai coincidencia en que a organización da recepción aos olímpicos galegos –entendo que o dispositivo de segurirdade é responsabilidade da subdelegación do Goberno– foi un auténtico caos. Como semella a todas luces inverosímil a presunta agresión da que a policía acusa ao fotoxornalista. O delegado do Goberno debe dar explicacións e algunha desculpa sobre o sucedido onte en Peinador.
A cerimonia de peche dos xogos olímpicos careceu da brillantez e da emotividade da inaugural. O estadio, transformado outra vez en xigante set televisivo, ofreceu un espectáculo baseado no poderío da música popular británica. Porén, onte non estoupou sorpresa ningunha e nin sequera a aparición de Monthy Phiton, Pelé e a presenza da grande Mariza Montes, recollendo o testemuño de Río, foron capaces de levantar o interese de tan decepcionante e previsible velada. Lembroume o momento «disco» das interminables vodas británicas, nas que o dj comeza cos temas para os picariños, logo outros para satisfacer a nostalxia dos avós, para logo saltar durante tres horas toda a tralla dos grandes éxitos das cinco últimas décadas. Equivocáronse os organizadores, non era ese formato axeitado para pechar uns xogos excelentes. Abondaban unhas cancións de despedida emotivas, que non souberon ofrecer. O chauvinismo é unha doenza que se transmite con moita facilidade.
Tras a medalla de ouro en vela de Echegoyen e Toro, as pratas do histórico Cal e do formidable Noya, ademais do bronce que Begoña Fernández obtivo como membro da selección de balonmán e do diploma (esa maldita cuarta posición) da padeixeira Teresa Portela, Galicia culmina unha excelente participación olímpica. De contar con delegación propia estariamos no medalleiro á altura de países como Irlanda, demostrando, ademais, que en Galicia existe moito máis deporte e deportistas tras a muralla do fútbol profesional dos Celtas, Deportivos, Lugos, Obradoiros ou Breogáns. Non hai dúbida de que os deportes náuticos, vela e piragüismo sobre todo, son dúas potencialidades que poderiamos aproveitar aínda mellor do que o facemos. Parabéns ao olimpismo galego, si señor!
Aproveito os días de descanso para me mergullar nas páxinas de Con el agua al cuello, a entrega máis recente da serie do policía Kostas Jaritos creada polo escritor grego Petros Márkaris. Unha obra que reitera a idea de que a novela negra é a novela realista do noso tempo, a que achega unha ollada máis próxima e verdadeira sobre a realidade. Escrita a comezos de 2011, en plena crise do rescate grego, esta novela de Márkaris expón con claridade meridiana o proceso brutal de emprobrecemento da sociedade grega e a situación crítica que vive a súa cidadanía. Os suicidios, as constantes manifestacións e folga, a paralización da vida cidadá, a fractura social, o caos da sanidade e da educación pública, a miserización do funcionariado, a corrupción de banqueiros e políticos son algúns dos temas abordados nesta obra de lectura engaiolante. Temo que o que está sucedendo e o que nos poida aocntecer no futuro é moi semellante ao aquí relatado. Con el agua la cuello sobarda con moito o interese dunha lectura de entretemento na que o entrañable Jaritos investiga varios asasinatos de responsables de importantes bancos. Recomendo a novela e outras da serie protagonizada por este policía ateniense de carne e óso.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).