RIDÍCULO
O Éibar gañou con todo merecemento e autoridade a un Celta ridículo, sen corazón nin cabeciña ningunha, un equipo o noso que hai un mes perdeu o horizonte do seu soño. Tras seis partidos sen coñecer a vitoria, anotando na táboa clasificatoria só dous puntos de dezaoito posibles, o equipo de Pepe Murcia descartouse onte de forma definitiva das candidaturas ao ascenso, colocándose na perigosa desputa dos postos de descenso a segunda división B. A de onte foi unha noite importante para os apenas cinco mil celtistas que contra vento e marea resistimos en Balaídos. Tras a primeira media hora de xogo, cando afogando ao Celta no medio do campo os eibarritarras bailaron os nosos até deixalos en completo ridículo, comprendimos que estabamos asistindo á cerimonia do definitivo fracaso da tempada e, por ende, do proxecto deportivo acuñado por ese nefasto personaxe para o celtismo chamado Ramón Martínez, responsable primeiro da confección dun cadro de xogadores moi frouxo e desequilibrado e da contratación dun adestrador que xornada a xornada demostra non estar á altura técnica que precisa un club que pretende ascender a primeira división. Foi, outra vez máis, a entrada no terreo de xogo de Trashorras no minuto trinta e dous da primeira parte a que permitiu que os celestes gañasen o control da pelota e os dianteiros comezasen a visitar a área vasca. A piques de rematar a primeira parte, Ghilas, moi desafortunado e nervioso, non soubo aproveitar en dúas ocasións senllos magníficos servizos de Dani Abalo e Dinei. Porén, o Éibar tivo a fortuna de abrir o marcador dous minutos despois de comezada a reanudación, grazas a un golazo de Carlier que soubo aproveitar un fallo garrafal de Trashorras. Mais a xogada clave do encontro chegaría só uns minutos despois, cando Ghilas errou no lanzamento dun penalti cometido contra David Rodríguez. Antes do lanzamento, como sucedera tamén hai quince días fronte ao Castelló, o arxelino, Trashorras e David Rodríguez litixiaron sobre quen debería facelo, liorta vergonzosa que amosa a total falta de autoridade e criterio do técnico. Desaproveitado o penalti, os celestes quedaron noqueados, dominaban sen chispa e sen convicción de obter a remontada, febleza que aproveitou Sutil convertindo unha formidable volea, moi aplaudida polos afeccionados galegos, que deixou sentenciado o encontro. A partir dese momento, consumouse o divorcio dos seareiros co equipo, especialmente co adestrador, que recibía estrondosos asubíos solicitando o seu cese. Pouco importou que faltando tres minutos, David Rodríguez conseguise marcar, cando xa ninguén acreditaba nas posibilidades nin sequera dun empate. O ridículo, e a vergonza que nos fai pasar cada semana este Celta de Mouriño e Ramón Martínez, é infinito. Seguimos co pesadelo.