Morreu Lois Barros

Gonzalo Amoedo, o noso bo amigo de Redondela, envíanos este correo dando conta do falecemento de Lois Barros:

Durante esta madrugada morreu, logo dunha longa doenza que o foi murchando pouco a pouco, Lois Barros, autor de Galeguismo e sociedade na Redondela da IIª República, así como da páxina web Indiredo, dende a que propulsou a Liga Veciñal polo Voto Nulo nas derradeiras eleccións municipais, en Redondela. Lois, vello militante da ANPG que nunca renunciou ao nacionalismo, pero si a súa militancia política, foi o ideólogo e alicerce desta Liga Veciñal polo Voto Nulo, que conseguira daquela recoller un nada desprezable dez por cento do desencanto dos veciños, cansados de tanto mal uso da política, e foi tamén, xunto ao desaparecido Jaime Serín, un dos fundadores do Colectivo Republicano de Redondela. Esta tarde, a última hora, o seu corpo será trasladado ao tanatorio de Mañó, desta vila.

As nosas condolencias para todos os seus.