O mercado dos libros en lingua galega

Carlos Callón publica unha anotación no seu blog e un artigo en Galicia hoxe sobre a situación do sector editorial en galego moi ben documentadas e atinadas. Agradécese o rigor. Beizóns.

Actualización (05-01-2009): Outrosí, coa anotación de Lándoa.

Dor sobre Gaza

Recomendo moi vivamente a lectura desta extraordinaria anotación recompilatoria de Eifonso Lagares sobre os desastres de Gaza. Proporciona varios vieiros alternativos na rede. Este é o caso da noticia sobre o blog conxunto que publican dous blogueiros, «Peace Man» dende Gaza e «Hope Man» dende Sderot. Publícase, tamén, un enlace cun estremecedor vídeo dunha explosión nun mercado que en todo caso, como nos informa Carlos Callón, non corresponde con este conflito. Outra anotación interesante é esta dos Futuros do libro sobre o seguimento do conflito na rede por parte de blogs palestinos e israelitas.
Diante de todas estas informacións sobre a invasión, semella que para o exército israelita –que, por certo, ao mesmo tempo que continúa pechando a entrada a Gaza aos xornalistas occidentais, abriu unha canle en you tube e un espazo en Facebook e outro en Myspace para difundir a súa visión da súa durísima invasión, como informa Juan Varela– a súa estratexia é infrinxir a maior dose de dor sobre a poboación de Gaza. Non hai dúbida que o poderoso exército israelita controlará a Faixa de Gaza (non sabemos en cantos días,) máis co seu proceder sementa as raíces do odio na poboación palestina durante moito tempo. Para romper esta espiral de dor insuperable (e dunha impresionante traxedia humanitaria), só vexo a posibilidade de que a Comunidade Internacional (os EE.UU., a Unión Europea, o Consello de Segueridade das Nacións Unidas) impoña decontado a súa autoridade sobre o goberno de Israel. Desgraciadamente, non vemos por ningures esta determinación para coutar este desastre.

Campo do Fragoso LXIX

BENVIDO OUBIÑA
Todo o encontro co magnífico Hércules foi moi desputado e igualado. Se ben na primeira, os dous conxuntos acusaron os efectos da paradiña do nadal, a segunda parte foi excepcionalmente competida e emocionante ata o seu derradeiro minuto. Os alacantinos xa avisaron no primeiro cuarto de hora, cun xute perigoso dende fóra da área de Taborda, que non viñan a Vigo a pecharse diante da súa área, querían a vitoria para coller o liderado. Durante toda a primeira parte sucedéronse os ataques visitantes, aínda que as mellores oportunidades de gol foron celestes, grazas, sobre todo as subidas polas bandas de Abalo e Óscar Díaz, cada vez máis atrevidos nas súas evolucións. O partido rompeu tras o descanso xa que o Celta marcou na xogada do saque do centro, cando apenas transcorreran quince segundos. Dinei enviou longo sobre David Rodríguez para que este dun xute cruzado abrise o marcador. Cun gol no peto, o Celta animouse a resolver o partido, o que conseguiu Óscar Díaz de forma espectacular aproveitando un polémico roubo de balón de Dinei na liña de fondo. Co marcardor tan adverso e faltando aínda media hora, os do galego Mandiá non deron o partido por perdido e empurraron con moita afouteza, aseñorearon o xogo e acurralaron ao Celta diante da meta de Notario. Froito deste esforzo chegou o gol de Rubén Navarro, tras unha combinación de ata catro dianteiros, outro de Taborda (anulado por “fóra de xogo”) e varios remates de Tote que Notario salvou de forma asombrosa. Nestes minutos finais, angustiosos para os celestes e para a bancada, as saídas de Trashorras, Oubiña e Noguerol axudaron a recobrar alento e conter a avalancha herculina. Felizmente, os nosos souberon resistir e mesmo tiveron oportunidade de aumentar o marcador, durante o desconto, grazas a un xute formidable de Trashorras que pegou no pao. En definitiva, a bonita matinal de onte déixanos tres puntos e dúas excelentes noticias. Primeira: a fórmula que ensaiou Pepe Murcia fronte ao Zaragoza de xogar con dúas puntas e dous extremos profundos demóstrase que é moi competititva para esta segunda división; este fútbol máis directo e sinxelo (quizais, tamén, menos elaborado e vistoso) facilita vitorias que, amodiño, van colocando ao Celta no espazo dos soños. Segunda: tras unha dificilísima travesía do deserto en solitario e durante quince meses, Borja Oubiña debutou esta liga en Balaídos e demostrou, en apenas dez minutos, que volve ser futbolista decisivo, xa que cada vez que toca a pelota, o Celta é un equipo con sentido e maiores argumentos de xogo colectivo. Este regreso de Borja pode axudar moito a acelerar a esperanzadora traxectoria que o equipo veu collendo nos últimos meses.

Idus de marzo

No artigo da semana reflexiono sobre a coincidencia elecoral provocada polo lehendakari.
Ao texto acáelle coma anel a magnífica viñeta do amigo Kiko Dasilva publicada onte en La Voz de Galicia. Grazas.

Cuarto aniversario

Hoxe estas brétemas chegan os seu cuarto aniversario. Dende aquela primeira anotación, levamos 2.240 (513 neste cuarto ano), decrecendo un chisco o noso ritmo de publicación Ben é certo que desde o pasado mes de abril, desdobramos a nosa voz coa creación do blog de Xerais, razón pola que estas brétemas abandonaron case completamente o seguimento da produción da editorial, principal eixo do meu traballo profesional. Segundo indica o contador, ao longo deste ano tamén baixaron notablemente as visitas, situándose por riba das 2.000 á semana (120.000 dende o pasado ano). Tematicamente o blog continuou polos seus camiños fundacionais, interesándose moito polo seguimento da lectura galega e as literacidades contemporáneas, así como pola educación para a paz e os dereitos humanos, o que non impediu que continuemos coas nosas entusiastas crónicas celestes ou con comentarios sobre actualidade política e cultural galegas.
Repasando o que foi este cuarto ano, atopo algunhas anotacións que merecen ser lembradas. No mes de xaneiro a da recuperación dos merdeiros no entroido de Vigo; en febreiro as dúas anotacións sobre historias de fútbol rebelde; en marzo a da economía do gratuíto; en abril a da celebración do «Serán pola paz»; en maio a da lectura en pantallas; en xuño a de editores do século XXI, a raíz do manifesto de Sara Lloyd; en xullo a realizada sobre a intelixencia de Barreras; en agosto a da polémica de Steiner e o galego; en setembro a necrolóxica in memoriam de Suso Jares; en outubro as palabras de despedida de Ramiro Fonte; en novembro as quince características óptimas dun e-book e en decembro a nosa contundente denuncia dos bombardeos sionistas sobre Gaza. Creo que o vídeo do ano no blog foi o da cincenta moribunda, a crónica celeste máis auténtica foi a do escandaloso remate da pasada tempada e a beizón máis vibrante (houbo moitas) a da posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos.
A pesar de que non mo aconsellan os especialistas, decidín continuar co proveedor e deseño inicial do blog, actualizándoo só coas utilidades que considero imprescindibles, e coa da relación dos blogs que leo, xa que sigo crendo que o valor fundamental de cada un dos blog está na permanencia da voz do seu autor, é alí onde reside a credibilidade desa identidade individual de dominio público e da comunidade que crea ao seu arredor. Iso non quere dicir que desmereza o valor deses blogs lumieiras, extraordinariamente coidados e traballados para sorprendernos cada día aos lectores co seu galano.
Dende hai catro anos, a comunidade do blogs en galego ampliouse moito e hoxe xa é imposible seguir as anotacións de todos os seus membros, como intentabamos facer daquela. O que se gañou en perímetro (cinco milleiros de blogs son moitos, a verdade), perdeuse en identidade da comunidade. Hoxe son as redes sociais e as pequenas comunidades de blogs especializados tematicamente as que protagonizan aquel espírito entusiasta do primeiro blogomillo, tendencia que penso se intensificará aínda moito máis no futuro inmediato.
Aproveito esta anotación recompilatoria e de autobombo para agradecer a participación a todos os comentaristas do blog (máis de tres mil ao longo deste ano), a pesar de que nalgunhas ocasións discrepo abertamente das súas posicións, mais tamén considero que deben ser respectadas, xa que este espírito tolerante e aberto é o propio da nosa cultura blogueira. Beizóns, tamén, para os lectores e lectoras anónimos, que tantas veces me fan arroibar cando din que seguen as brétemas. Aquí continuaremos, mentres teñamos algo interesante que contar e tempo (iso é o máis escaso) para facelo, coa mesma esperanza, ilusión e humildade do primeiro día.

Berger, «Un home afortunado»

Aproveitei os tempos mortos destes días de festa lendo Un hombre afortunado de John Berger. Asombra a modernidade da prosa e da estrutura deste libro, publicado hai máis de corenta anos e traducido agora ao español. En 1966, Berger e o seu amigo, o fotógrafo Jean Mohr, conviviron durante un tempo con John Sassal, un médico rural. Baixo a aparente crónica literaria e fotográfica da vida cotiá deste doutor, Berger propón unha reflexión radical sobre a profesión médica que o leva a escrutar con enorme lucidez cáles son os límites e manifestacións do «humano», dende o pracer até a dor. En realidade, máis alá da narración das anécdotas do doutor, das relacións cos seus pacientes, do protagonismo no seo daquela comunidade pobre (onde era considerado un «heroe popular»), o tema central deste libro, fermoso e extraordinario, é tratar de responder a pregunta tan fulcral: cál é o valor que ten unha vida humana? Berger asume ese reto empregando as categorías do literario, dende o relato de ficción ao ensaio antropolóxico (onde acuden na súa axuda escritores como Gramsci, Piaget, Conrad ou Sarte), e a súa resposta non pode ser máis clarificadora: «Non afirmo saber canto vale a vida dunha persoa: non se pode responder con palabras a este cuestión, senón só con obras, coa creación dunha sociedade máis humana». Berger, outra vez máis, demostra que no relato contemporáneo esváeronse as fronteiras entre a ficción e a non ficción, entre o imaxinado e o vivido. A de Berger é literatura como forma de coñecemento. Un home afortunado é un libro serio, deses que falan de cousas importantes. Recoméndoo moi vivamente.