Hoxe estas brétemas cumpren o seu
terceiro aniversario. Dende aquela primeira anotación inocente e temerosa (paréceme agora) levamos publicadas outras 1.727 (590 noventa neste terceiro ano), un ritmo moi semellante aos dous anos anteriores. O blog medrou nas súas preocupacións temáticas, exploramos algúns
camiños novos, aínda que no fundamental seguimos fieis ao interese pola
lectura galega, concibida como ferramenta para comprender a
cultura textual contemporánea, e ao fío do meu
traballo cotián (quizais o principal argumento do relato) e das miñas
preocupacións como editor en lingua galega. Non podemos queixarnos, tampouco, polas nosas visitas (unha media de tres mil por semana), 210.000 desque en setembro de 2006 colocamos un
contador, aínda que o número de comentarios (uns oito mil dende o inicio) diminuíu este ano de forma notable (unha tendencia que observamos na maioría dos blogs). A principal novidade foi o inicio da nosa colaboración na rede social multilingüe de
Blogs e libros, un dos camiños que me parecen máis colaborativos de cara un futuro que sei virá preñado de moitas mudanzas neste soporte comunicacional de identidades individuais. Agradezo moi sinceramente e coa maior humildade a lectura e os comentarios de todas aquelas persoas que se achegan a estas brétemas, beizóns para todas elas. Seguiremos navegando sempre que teñamos vento abondo nas velas.