Álvarez Blázquez, editor de Monterrei

Co artigo da semana inicio unha pequena serie no Faro de Vigo sobre Xosé María Álvarez Blázquez As vindeiras entregas abordarán o seu traballo de editor en Edicións Castrelos e a súa autoría e edición de La ciudad y los días, texto monumental de seiscentas páxinas que estamos rematando de traducir e ocupa moitas das nosas horas de traballo nocturno e da fin de semana.
Precisamente, onte á noitiña, fixemos un descanso na tradución para asistir ao acto de relectura do discurso de ingreso de XMAB na RAG. Foi esta celebración evocativa moi fermosa, e mesmo emocionante ao escoitar as palabras de XMAB e Fermín Bouza Brey pronunciadas polo seu fillos Xosé María e Fermín; como tamén o foron as palabras do alcalde Abel Caballero (que recordou que a RAG non celebraba unha sesión dende 1910 e ofreceu a cidade como unha das sedes da institución) e do presidente Barreiro (que fixo unha homenaxe ás catro xeracións da familia Álvarez polos seus servizos patrióticos ao país). Ao remate comentei con algúns académicos e familiares de don Xosé María as magníficas perspectivas que se están abrindo na celebración deste 17 de maio, chamada pola envergadura poliédrica da figura homenaxeada a converterse nunha das máis brillantes e populares das celebradas nos últimos anos.
Os nosos proxectos editoriais arredor de XMAB seguen o curso previsto. Despois de editadas xa as edicións de Poesía galega completa, a nova para os escolares de Roseira do teu mencer e a extraordinaria biografía e estudo literario de Darío Xohán Cabana (un libro que fixará, sen dúbida, o corpus investigativo da celebración), nestas semanas próximas centrarémonos en rematar as d’ A cidade e os días (para min o proxecto máis complexo) e a da Fotobiografía de XMAB, preparada polo seu fillo Alfonso (recolle case catrocentos documentos gráficos) e na que se inclúen dous ensaios, unha semblanza humana do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo (que sabemos xa entregou outro texto fundamental que editará Galaxia) e outro sobre o eido erudito e investigador de don Xosé María, tamén, preparado por Darío Xohán Cabana.
Só nos queda a espiña da ausencia de noticias sobre a celebración dun congreso sobre a figura de don Xosé María. Descoñecemos se os responsables da Consellaría de Cultura pretenden organizalo. Figura tan decisiva nun tempo menesteroso e díficil merecería maior apoio e atención por parte dos responsables da Xunta de Galicia. Non perdemos a esperanza de que se recupere a iniciativa que estimularía os estudos monográficos sobre unha obra de dimensións xigantescas, como se ven demostrado polos achados que se veñen producindo nos últimos meses. A causa de XMAB na que estamos implicados até as cellas, merece o esforzo e a xenerosidade de todos.

"Reexistencia. A obra de Manuel Rivas"

Galicia hoxe dedica unha páxina á aparición de Reexistencia. A obra de Manuel Rivas o libro da profesora da Universidade de Towson Isabel Castro que publicamos dentro da serie “Estudos literarios”. Non debera pasar desapercibida esta contribución académica, a primeira monografía sobre Rivas, que axudará a renovar os nosos estudos literarios sobre autores contemporáneos (o que é un importante paso adiante) e a proxectar internacionalmente o corpus da súa obra.

"Remoldiño vai a feira"

Como xa fixeramos o pasado ano, comezamos a nosa campaña de animación á lectura nos centros escolares de educación infantil e primeiro ciclo de primaria da man de Casa Hamlet coa obra de Manuel Lourenzo Remoldiño vai á feira, inspirada no texto de Xoán R. Cuba.

Blog da sección de Crítica da AELG

A sección de Crítica da AELG animouse a abrir un blog. A súa primeira anotación sae ao paso das manifestacións do académico Franco Grande. Recollo un parágrafo ben significativo do seu contido:

“Na súa opinión a crítica literaria galega debería contar cos atributos de ser orientativa e non pedante, no caso de que ela existise, pois a súa mesma existencia é posta en dúbida. O sr. Franco Grande, daquela, non infravalora senón que denigra, invisibiliza e despreza o traballo de interpretación crítico e valorativo daqueles que a exercemos, con maior ou peor fortuna, e sempre coa máxima honradez intelectual.”

Benvida sexa na polémica a opinión dos críticos, unha peza clave no funcionamento da nosa literatura e sector editorial. Beizóns para eles e moito pulo para tecer a rede dende este blog colectivo.


Anuncio contra a SIDA

Manuel Gago descúbrenos este impresionante anuncio contra a SIDA promovido pola asoción francesa Sidaction. Outra vez podemos comprobar as posibilidades comunicativas da publicidade (aínda que sei que o mestre Pawley non comparte moito esta idea). Moi recomendable.
Etiquetas:

Os libros de mañá (III)

Foi moi interesante e viva a mesa redonda de onte sobre “Novas tecnoloxías e novas linguaxes“. Moderou con moito xeito e coñecemento Manuel Gago que de saída presentou o estado da cuestión. Nas primeiras intervencións, conformáronse dúas posicións non antagónicas, aínda que si ben perfiladas na lectura do problema: a dos escritores (Francisco Castro e Rosa Aneiros) e a dos blogueiros (María Yáñez e Óscar Sánchez). Mentres os primeiros fixeron fincapé nos contidos e nas posibilidades de creación (a a literatura electrónica) e da palabra que permiten as novas tecnoloxías, os segundos insistiron nas mudanzas, para eles irreversibles, que provocará a dixitalización (“unha revolución semellante a de Gutemberg”, “a reconversión da industria editorial é inevitable” para Yáñez; “todo o que sexa tecnoloxicamente posible, acontecerá” para Óscar). Na segunda quenda e nas réplicas, as intervencións xiraron arredor das mudanzas da cadea de valor do libro que supoñerá a dixitalización, nas posibilidades dos novos estándares de lectura e na aposta polo papel do editor e pola excelencia dos textos e do libro como obxecto. Arume dos piñeiros fixo hoxe unha crónica completísima do debate (extraordinariamente recomendable).
Varios medios fixéronse eco deste debate. Vieiros completa hoxe a súa reportaxe sobre a cuestión e Faro de Vigo achega novas opinións dos participantes. Un debate necesario que segue aberto (como demostra estoutros realizado en Barcelona).

Etiquetas:

Os libros de mañá (II)

Recomendo a lectura da reportaxe de Vieiros, a raíz da mesa redonda de hoxe, sobre cómo serán “os libros de mañán”. Recollo un parágrafo das miñas declaracións que resumen opinións verquidas no blog:

“E mais un exemplo: dende hai dous anos a Editorial Xerais está producindo libros que non se imprimen, que se distribúen directamente en pdf, fundamentalmente dirixidos a centros educativos. Para Manuel Bragado, director de Xerais, “o futuro do libro xa está aquí”. Bragado afirma que “debemos quitarnos da cabeza o concepto de que o libro é un soporte impreso; non está definido polo soporte, senón pola actividade cognitiva que suscita”. Así, Bragado amósase convencido de que se vai modificar a cultura escrita, vixente nos últimos 500 anos, porque cada tempo ten unha forma de lectura e escritura propia, unha literacidade de seu.”

Etiquetas:

Salvar as palabras

Sei por Marcos do magnífico proxecto da AELG de salvación de palabras en desuso e en perigo de extinción. A iniciativa “Palabras con memoria” pretende recuperalas e poñelas de novo en vixencia e incluídas nos dicionarios. Esta iniciativa é semellante á que promoveron o pasado 23 de abril a Escuela de Escritores de Madrid e a Escola de Escriptura do Ateneo de Barcelona co nome “Apadrina una palabra en peligro de extinción”. Quen queira colaborar no fermoso proxecto da AELG debe dirixirse a Isidro Novo (palabra.con.memoria@aelg.org). Nos comentarios da anotación de Marcos aparece xa unha importante relación destas palabras e o modelo de colaboración (solíctase significado ou significados, zona onde é utilizada e outras consideracións para a súa recuperación). Aí van algunhas:

acomerar, anudún, babuxo, broas, castre, cencellar, conaipas, escampaviar, escornapitos, facer xixa, filusmías, gabuxas, quilar, porén á rebendía, sifate, xarbote…

Creo que podería ser bonito que a AELG habilitase un espazo no seu web para a publicación destas palabras recuperadas, convertendo o traballo colaborativo que se fai na rede nunha ferramenta útil para esta empresa solidaria. Pola miña banda apadriño a recuperación de “marrucho” (non está aínda no Gran Xerais) como sinónimo de “filloa” (doce feito de masa moi delgada, composta de fariña, leite ou auga e ovos, todo mesturado, que se frite na tixola en láminas finas, podendo engadirlle logo azucre, mel ou outras lambetadas). A palabra “marrucho” emprégase aínda na parroquia de San Pedro da Ramallosa (Nigrán): O domingo comeremos un bo prato de marruchos.

Os libros de mañá

Mañá acompañaremos a un fato de bos amigos e a unha mestra blogueira que debatirán sobre “Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes”. Semella moi interesante.