Postal de Natal

Lisboa editora publicou este vídeopostal para felicitar o Nadal ao profesorado. A verdade é que o resultado non é moi orixinal. Porén, quedámonos coa idea de empregar este formato no sector editorial.
Vía Blogtailors.

Trancazo

Prego desculpas por non ter actualizado o blog nos últimos días. Primeiro una viaxe a Madrid e despois un trancazo febril impedíronme facelo. Hoxe conseguín escribir a trancas e barrancas o artigo semanal do Faro. Agardo poder recuperar a normalidade canto antes.

Fran Alonso, «Un país a medio facer»

Atina de cheo o meu compañeiro Fran Alonso cando na entrevista que lle fai Vieiros, a raíz da aparición d’ Un país a medio facer (o seu libro máis recente, que moito recomendo), afirma valentemente: «A automoción e a banca reciben moitas máis axudas públicas cá cultura». Efectivamente, a pesar de que sectores como o da lectura é considerado na recente Lei do Libro como un «sector estratéxico» para o país e a pesar de que os que nos dedicamos á edición padecemos o «sambenito» prexuizoso de ser constantemente acusados de recibir subvencións, as axudas públicas que recibimos son escasas e o futuro do noso sector cultural deféndese no mercado co apoio do pobo lector. O maior éxito do noso sector cultural durante estas dúas décadas, ás que se refire Fran no seu libro, radica na consolidación dun público que, aínda de dimensións cativas, vai dialogando cos produtos da industrial cultural en lingua galega, xerados polos nosos escritores, músicos e artistas. Pasar dese país a medio facer a do país orgulloso do que fai é o reto actual que afronta a cultura en galego.

O galego na RTP

Unha interesante reportaxe sobre o galego emitida na RTP.

Nova Escola Galega, cos vellos amigos e amigas

O encontro do pasado sábado, con motivo do vinte e cinco aniversario de NEG, foi unha entrañable reunión de compañeiros e compañeiras que compartimos dende hai máis de dúas décadas o celme común da escola das pombas que fala galego. Alén do carácter emotivo da reunión, o acto permitiu recoñecer a traxectoria de seis educadores (Xesús Alonso Montero, Rosa Liñares García, Valentín Arias, María Luisa de la Torre Gómez, Cristina Álvarez Rodríguez e Xoán Babarro) que foron declarados socios de honra e aprobar un interesantísimo documento (A nosa palabra para as novas xeracións de educadores/as) no que se reactualiza o noso documento de Escola Pública Galega. As ideas de renovación pedagóxica e galeguización educativa que defenden os trescentos membros de Nova Escola Galega continúan sendo imprescindibles para o noso sistema educativo público.

Campos do Fragoso LXVIII

AUTOESTIMA
A merecidísima e clara vitoria de onte fronte ao poderoso Zaragoza, con toda seguridade o máis claro favorito ao ascenso, serve ao Celta para recuperar a autoestima perdida nas Palmas e para volver engancharse no territorio dos soños, o único onde os esforzados seareiros celestes queremos velo disputar esta competición de segunda división. Sorprendeu Pepe Murcia cun cambio radical do seu esquema habitual, apostando por un novidoso 4-4-2, no que David Rodríguez acompañaba na punta ao goleador Dinei e Dani Abalo e Óscar Díaz subían descarados polas bandas. A aposta do adestrador celeste tivo un éxito rotundo. No primeiro cuarto de hora –cunha saída fulgurante e arrolladora, onde os dianteiros nosos tiveron até catro ocasións de gol (a primeira de David Rodríguez, unha man a man co porteiro, nada máis comezar o partido)–, como case durante todo o encontro, o Celta amosou un ritmo, unha intensidade, unha verticalidade e unha colocación sobre a lameira excelentes. Non se notaron as ausencias de Trashorras e Ghilas (até agora as nosas referencias máis creativas), nun conxunto ben construído dende a defensa, onde o traballo extraordinario de Ariel Rosada, axudado por Michu, proporcionaba seguridade e magníficas recuperacións ofensivas. No entanto, o Zaragoza, mediada a primeira parte, conseguiu espertar e nun dos seus ataques Ewerthon enviou ao pao un xute dende a central da área, que deixou a bancada sen alento. Foi a mellor e case única oportunidade aragonesa. O partido, até entón, moi entretido polo afán atacante dos dous equipos, entrou nunha fase aburrida, que beneficiou as aspiracións célticas. Tras o descanso, coincidindo coa chegada do ballón, Rosada aseñorou o encontro, cunha visión do xogo incriblemente intelixente e un sacrificio na presión extenuante. Cos vimbios desa disciplina fabricouse o primeiro gol galego, un xute contundente de Dinei, dende fóra da área que entrou pola escuadra, tras un oportuno servizo de tacón do xenial Rosada. Co marcador adverso, un Zaragoza desconcertado adiantou liñas e atacou irreflexibamente até con cinco xogadores que se esnafraron diante dunha defensa céltica que non perdía a súa orde e tampouco renunciaba a dirixir o contraataque. Maris, que substituíu a Rodríguez, puido sentenciar, tras un peiteado de Dinei. Mais foi o arousán Dani Abalo quen, ao primeiro toque, soubo aproveitar unha parede de Dinei para pechar o marcador. Esta vitoria, tan ben construída dende a disciplina de todas as liñas celestes, aumenta considerablemente a fortaleza emocional do equipo. Algo, até agora, excepcional que hoxe celebramos co maior entusiasmo.

Nova Escola Galega, vinte e cinco aniversario

Hoxe participaremos no vinte e cinco aniversario de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica no que levamos participando dende a súa fundación. Un día para reatoparse cos vellos amigos do corazón.

Literatura Galega pola Paz

A verdade que foi moi emocionante e ao tempo sereno o acto conmemorativo do 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos no que presentamos en Vigo o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz e recordamos a Xesús R. Jares. Ademais da lectura do texto completo da declaración, por parte de dez estudantes de ESO e Bacharelato, foron magníficas as intervencións literarias e institucionais. A guinda foi o extraordinario o concerto da Agrupación de Mestres da Escola de Música Tradicional do concello de Vigo. Grazas a todos polo apoio solidario e pola lembranza saudosa da figura do noso benquerido Suso Jares.