Homenaxe a Voces Ceibes

Tratamento subordinado

Mais que recomendable a longa conversa que manteñen Agustín Fernández Paz e Manuel Vidal Villaverde este luns en Galicia hoxe. Entre as moitas cousas a salientar das palabras sabias de Agustín recollo estes dous fragmentos imprescindibles:

O primeiro sobre a lingua:

Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que poidamos vivir en galego coa mesma normalidade coa que o pode facer unha persoa castelán falante. Para iso, entre outras moitas medidas, é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Pois non se debe esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.

O segundo sobre algúns dos problemas da lectura e escrita en galego:

Escribir nunha lingua minorizada socialmente leva aparellados serios problemas de visibilidade, tanto na propia sociedade (e penso agora nos libros galegos en Galicia, confinados coma nunha reserva india nunha parte significativa das librarías, ou no tratamento subordinado que reciben nos medios de comunicación, ou no insidioso mantra de que somos unha literatura subvencionada) como na posibilidade de ser traducidos a outras linguas e chegar así aos potenciais lectores doutros países do mundo. Así que esta cuestión é política, e son as medidas de política económica e cultural as que poden axudar a solucionala.

Todos con Marcos

Neste serán, antes da homenaxe, presentaremos Historia de Ourense, o libro máis recente de Marcos Valcárcel. Recomendo a magnífica reportaxe de Vieiros, as entrevistas de Soitu, La Región internacional e a anotación do propio Marcos no seu blog. Todos con Marcos.

Respecto para a nosa literatura

Na entrevista de Vieiros Rivas expresa hoxe con moita claridade unha preocupación que compartimos nestas brétemas sobre o enfoque actual da proxección da literatura galega. Esta frase é fulcral:

Creo que o máis importante segue sendo tratar con respecto á literatura no propio país. Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior.

Como ten, tamén, moita razón cando di:

Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroporto xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico. Iso si, ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o seu redescubrimento no interior.

Se non pulamos con todas as nosas forzas pola saúde do noso mercado interior do libro (na calidade dos seus produtos e no seu atractivo para o público), se non coidamos con agarimo as nosas bibliotecas pública e librarías culturais, se non visibilizamos a nosa produción nos medios de comunicación galegos, de pouco servirá a voluntariosa presenza de editores, autores e políticos da cultura en feiras do libro internacionais. Estou con Rivas, non hai mellor proxección exterior para a literatura galega que as maiores doses de respecto e de autoestima que consigamos para ela no propio país.

Sesenta Aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos

O vindeiro 10 de decembro celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Caixanova un acto cívico, con motivo do sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no que se presentará o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz, coordinado polo recentemente desaparecido Xesús R. Jares.

O acto, que será conducido por Manuel Romón, contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Abel Caballero (alcalde de Vigo), Manuel Bragado (director de Xerais) e unha representación dos trinta narradores e poetas galegos que participan no volume de Literatura Galega pola Paz. Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e os profesores da Escola de Música Tradicional de Vigo, compoñentes da agrupación Son de seu, interpretarán diversas pezas. Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.

Este acto de conmemoración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e de presentación de Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz está organizado pola Concellería de Educación do Concello de Vigo, por Educadores pola Paz de Nova Escola Galega e por Xerais, contando coa colaboración da Consellaría de Cultura e Deporte e de Caixanova.

O cartel do acto, así como a portada do libro, foron deseñados por Ángel Cerviño.

Retrasocero.com



Espectacular comezo publicitario do do Xornal de Galicia. Moi ben, moi ben!

Libro en galego: menos títulos en 2007

A edición de Vieiros dá conta hoxe dos datos, referidos ao ano 2007, extraídos do Anuario de Estatísticas Culturais do Ministerio de Cultura. Os datos amosan un crecemento da edición en Galicia (previsiblemente, a maior parte en castelán) e unha diminución da edición en galego, como xa adiantáramos no blog nesta anotación de comezos do pasado mes de outubro.
Os datos (tan teimudos) amosan un retraemento da actividade do sector editorial privado, máis notable, aínda, no eido do libro literario (que enfeblece as súas posicións). Os datos do barómetro de hábitos lectores en Galicia tampouco son mellores. Nin se avanza nunha solución corresponsable sobre o futuro do libro escolar (sobre o que pivota case a metade do noso mercado), unha cuestión que quedou aparentemente esquecida e sobre a que ninguén agora quere pronunciarse. Nin se desenvolven coa premura precisa os compromisos asumidos pola Lei do Libro e polo seu plan de lectura. Nin se concretan as medidas da declaración do libro como «sector estratéxico»…
Como non podemos permitirnos caer nin na desolación nin no conformismo, nin a cultura do país pode asumir o devalo melancólico do seu primeiro sector cultural, os profesionais (autores, editores, bibliotecarios, libreiros e distribuidores) debemos ser capaces de consensuar un novo programa para os futuros do libro e da lectura en galego coa intención de proporcionarlles un pulo renovado nos vindeiros anos. A lectura en galego (por riba de formatos e soportes) debe volver ocupar a centralidade no debate sobre o futuro da nosa industria cultural, primacía que perdeu ao longo desta lexislatura.

25-XI: Non a violencia machista

Recomendo os arquivos de Trafegando ronseis, blog que fai diariamente un traballo admirable de seguimento de todos os recursos existentes na rede contra a violencia machista. Beizóns!