Vigo: Mercado da Laxe

O meu amigo Celso López Pazos envía unha nova foto do arquivo Pacheco. Reproduzo o seu pé de foto:

A esquerda da foto, ao fondo, vese a casa dos Irmans Suarez (1920), obra de José Franco Montes), onde no baixo estivo a cafeteria Sol y Mar e a casa de cambios Etchevarria. Ao seu carón, a casa de Rodrigo Sanchez Padín, obra de Pacewicz (1901) demolida a mediados dos sesenta e que hoxe é a casa construída por Bar Boo. O mercado da Laxe foi deseñado e planificado por Benito Gómez Roman e inagurado en 1905. Posiblemente a foto de Pacheco, pero publicada por PPKO, sexa de mediados dos anos vinte. A dereita xurde a insinuante silueta do edificio da Mala Real Inglesa (Durán) construído en 1912 por Jenaro de la Fuente y Dominguez. Entre a casa dos Suárez e o Mercado, está o Hotel Continental, tamén obra de Jenaro de la Fuente, o mellor de Vigo, ata que en 1904 entrou a funcionar El Moderno, obra de Pacewicz para o primeiro Conde de Torrecedeira (Manuel Barcena y Franco). O lugar do Maercado ocúpao, desde 1967/68 , o Hotel Bahia.

Premer na imaxe para vela grande.

Por que ler, se non me gusta?

Mariela Ferrada recomenda nesta anotación catro textos claves para animar a ler e entender o fenómeno da lectura:
A esta elección eu engadiría, canto menos, outros dos moitos textos galegos de referencia sobre a lectura:

Nos vindeiros días, completaremos esta anotación, importante para o arquivo.

Estravagante Club Financeiro

Hai case dous meses expresei a miña preocupación polo feito de que unha parte da nosa clase empresarial se deixase agarimar polos brazos castelánofobos. Desgraciadamente a información da que dispoñía daquela non estaba errada. Onte o presidente e o xerente do Club Financieiro de Vigo deron a coñecer un documento (vinte páxinas, poden baixarse en pdf) no que defenden con escasas matizacións as posicións da asociación Galicia bilingüe (e do Partido Popular) sobre o emprego do galego no sistema educativo, ao tempo que aproveitan para realizar estravagantes afirmacións sobre os prexuízos que para competitividade das empresas e para a fragmentación dos seus mercados supoñen normativas lingüísticas semellantes as de Galicia.
É moi significativo que o documento do Club Financeiro de Vigo (asinado no mes de xullo) apareza coincidindo co inicio do curso escolar (máis leña para a fogueira!), cando é clamoroso o silencio desta entidade sobre cuestións que lle serían propias a un colectivo empresarial, como, os efectos da crise económica, as deficiencias do noso sistema educativo ou por citar outro exemplo que me puxo esta mañá un bo amigo nun correo, “a sangría de profesionais novos e preparados que cada ano marchan a moreas de Galicia, entre outras cousas, pola incapacidade deses empresarios de crear un tecido produtivo que os acolla”.
Con todo, a pesar de utilizar argumentos resesos, enchidos de prexuízos, falsidades e lugares comúns, debemos recoñecer que o Club Financieiro de Vigo abre con este documento outra liña de argumentación moi novidosa e audaz na loita castelanófona contra a normalización da nosa lingua: “a política lingüística dana a competitividade das empresas” (o que imaxinamos supoñerá que ao longo prazo tamén será para os membros deste distinguido club de empresarios a causante do aumento do paro, do peche dalgunhas empresas e do decrecemento do PIB en Galicia…) ou “prexudica a internacionalización das nosas empresas”. Con esta liña de argumentación volvemos, sen dúbida ningunha, ás posicións lingüísticas asumidas antes da Constitución (da que por certo no documento non se cita nin o seu artigo nº 3): “Falar galego pode emprobecernos”, “Falar galego aumento o desemprego”, “Falar galego prexudica o futuro das empresas”, “Falar galego baixa as vendas”, “Falar galego… “. Pobre lingua proletaria do meu pobo causante de todos os males que sofre ou pode sofrir no futuro a economía nosa! Isto xa é o delirio.

Viva a vida!

Descubro hoxe con enorme ledicia este texto de Uxía Fernández sobre a homenaxe que se lle tributou a Ramiro Fonte o pasado 28 de xullo. Na súa casa viguesa do Areal, Ramiro ultima estes días o orixinal de Reversos, o seu novo libro de poemas (de formas clásicas) que teremos a fortuna de publicar proximamente en Xerais.

A literatura galega ante o mundo

Alfredo Ferreiro afonda hoxe no debate cunha importante anotación de síntese: “A literatura galega ante o mundo”. Comparto plenamente a proposta de Ferreiro e Casas, resulta inadiable a creación dunha institución pública destinada á proxección exterior da nosa lingua e da nosa literatura no exterior, ben sexa baixo a forma primeira dunha Oficina do libro galego ou do Instituto Rosalía de Castro previsto na vixente lei do libro e da lectura (e que os responsables políticos da actual Consellaría de Cultura e Deporte quixeron adiar na presente lexislatura), institucións públicas que deberían contar co traballo das redes sociais dixitais da creación literaria galega. Unha proposta que na vindeira lexislatura non debería ser desbotada.

Sobre este mesmo debate aconsello a lectura destoutra longa anotación de Mario.

Concept Borders, a libraría do futuro

Borders, unha das cadeas máis importantes de librarías dos Estados Unidos, presenta o seu novo modelo de libraría. A moitos pode chamarlles a atención que, ademais de mudar a denominación do establecemento (“Store media room”), haxa máis pantallas ca andeis. Algunha importante razón haberá: libros, música , dvds. Un modelo prospectivo para tomar en conta.

Vía El bibliómano

TioVivo

O amigo Fausto Isorna envíame esta páxina recuperada de TioVivo. Non ten desperdicio.

Pode lerse máis comodamente premendo sobre a imaxe.

Actualización (16:00 horas): Arume dos piñeiros e Cesare preguntan sobre a data de publicación desta portada de TioVivo, sen dúbida, unha cuestión moi importante para sacarlle ao texto e ao contexto (sociolingüístico e identitario) máis miga. Os datos que atopei son os seguintes:

– A revista TioVivo comezou a publicarse semanalmente en 1957 promovida por un grupo de historietistas da editorial Bruguera (entre eles Peñarroya, o autor desta portada), agrupados na Cooperativa D.E.R. (Dibujantes Españoles Reunidos). A partir de 1961 foi adquirida por Bruguera que iniciou unha nova numeración. Entendo que esta plana corresponde a esta segunda etapa. Sendo a numeración da plana que reproducimos, 176, o ano previsible da súa publicación debería ser 1964.
– A empregada galega recórdalle a Pepe “El Hincha” que Luisito Suárez e Amancio son os mellores xogadores do mundo. Recordemos que Amancio Amaro, o memorable extremo do Deportivo da Coruña, fichou polo Real Madrid (formando parte da selección española que en 1964 gañou o campionato europeo) en 1962 e Luis Suárez (quizais o mellor xogador galego de todos os tempos), fichou polo Barcelona en 1953 e logo polo Inter en 1961. Outra referencia a un futbolista galego na plana é a de Pahiño (o afouto goleador de Navia, fichado polo Real Madrid ao Celta no ano 1948).
– Cruzando esta información, semella que é verosímil afirmar que esta plana de TioVivo está datada en 1964, un ano no que competiron en primeira división o Pontevedra (liga 1963-64) e o Deportivo da Coruña (liga 1964-65), ambos os dous descendidos ao remate de senllas tempadas. Razón pola que ese simpático “Panduriño”, apupado pola empregada, podería ser o Pontevedra ou o Deportivo da Coruña.

"O caso somos nós"

Continúa o debate arredor do chamado “caso Steiner”. Ao novo comentario sobre a nota do Pen Clube aparecido en Galicia hoxe, ao artigo de Alfredo Conde e á anotación de Xosé Manuel Eyré, engadíronse esta madrugada un lucídisimo e clarificador texto de Arturo Casas (publicado como comentario no blog do Levantador de minas) e un artigo magnífico de Miguel Anxo Fernán Vello. Aconsello vivamente a lectura dos textos de Casas e de Alfredo Ferreiro que sitúan a polémica no terreo, utilizando palabras de Casas, “da nosa representación exterior e a afectación diso sobre a nosa lexitimidade cultural/nacional”. Moito agradezo esta chamada á racionalidade.

Polo seu interese reproduzo o primeiro texto dos publicados por ARTURO CASAS:

“Non desexo polemizar sobre un asunto que me parece menor ao pé de tantos outros de dimensións máis serias, pero non me resisto a presentar aquí algunhas observacións que talvez fosen xa mencionadas por outras persoas en relación co que comezou sendo “caso Steiner”, derivou axiña a “caso Cruz” e eu estaría interesado en reorientar como “caso nós”. Dado que o espazo é breve, permítome enumerar unhas notas nas que concreto o meu criterio:

1. Non parece apropiado, xusto nin intelixente cualificar a George Steiner de ignorante. Tampouco o é dirixir a artillaría toda contra Juan Cruz polas liñas e as omisións da entrevista nas que hai referencia á lingua e á literatura galegas. Outra cousa é cuestionar a intervención dun e outro en cousas que aos axentes da cultura galega nos afectan de xeito directo ou indirecto.

2. Comezo observando que son excepcionais os casos de comparatistas que entenden a fondo e de verdade de máis de catro ou cinco literaturas. Fóra deses límites, bastante estreitos se temos unha idea non xerarquizada das culturas, o que os comparatistas citan provén adoito dun coñecemento parcial e non directo de textos e contextos, mediado en realidade polo dito por historiadores, críticos, antólogos e polo aprendido en enciclopedias ou a través de traducións (no de mediación emprego a propia terminoloxía de Steiner). Os comparatistas tradicionais, que son case todos incluído o autor de Language and Silence, dialogan en realidade cun canon pre-postulado como universal, trufado se acaso con casuais apuntamentos e contrapuntos menores tomados dalgunha literatura igualmente menor.

3. A literatura galega carece dun espazo propio e definido na cartografía dos comparatistas de prestixio e nas dos máis reputados historiadores das literaturas europeas ou da literatura europea como entidade, sexa isto o que for. En realidade, existe unha dobre alfándega —a portuguesa e a española— que é moi difícil salvar e que se concreta en primeiro lugar na desaparición ou inconcreción das raíces literarias medievais na construción dunha identidade propia (propia para os galegos e propia tamén para os portugueses e para os españois). Pode resultar sorprendente que a romanística non alcanzase a vencer eses atrancos, porén esa é a realidade que temos. Os alumnos portugueses de Bacharelato, p.e., poden chegar a ignoralo todo sobre o que significa Galiza en relación coa súa propia literatura nacional ou a súa nación. Hai poderosísimas razóns simbólicas, históricas e políticas de fondo, claro. Igual que na construción da idea de España. Igual que na da cultura occidental. Construír identidades, postular realidades históricas… ten moito de invención narrativa e de acordo máis ou menos imposto nunha determinada comunidade. Outras veces, ten tamén moito de xustificación e de lexitimación histórica, en particular se manexamos a vara de medir colonial e poscolonial.

4. O problema de fondo do caso Steiner tal como se veu desenvolvendo na prensa e nos blogs galegos semella ser dobre: a nosa representación exterior e a afectación diso sobre a nosa lexitimidade cultural/nacional. Iso é o que verdadeiramente debería interesarnos, alén de leas nas que os asuntos persoais ou corporativos —en sentido positivo ou negativo— desfiguren o debate. Un debate que, por certo, entendo oportuno e que, segundo observan Brétemas, o Levantador de Minas e outros bloggers, podería actuar como catalizador para unha auténtica discusión sobre a planificación da proxección exterior da cultura galega. Aquel dobre problema complícase nos dous discursos combinados na entrevista de Juan Cruz a George Steiner. Parece doer (a algúns) que aquel a quen tacitamente se concede algo semellante ao título de “maior humanista vivo” (MHV) ignore ou minimice a existencia da literatura galega e trivialice ou mesmo criminalice (a través da pouco fina alusión ao concepto de balcanización e da apelación latente á suposta violencia de certas gramáticas) algunhas linguas, algunhas actitudes, algúns dereitos, algunhas leis. Acaso axudase a entendelo, esa reflexión sobre a violencia e as linguas, a lectura das páxinas sobre o alemán de Heidegger e de Celan. Celan, o talismán da súa vida, ten dito Steiner. En segundo plano, parece doer asemade que aquel que algúns presentan como “amigo de Galiza” (p.e. o editorial de Xornal.com) non chegase a mediar nalgún sentido para que a agresividade verbal, moral e política de Steiner ou ben non chegase así a nós (ao público, e iso non é censura) ou ben recibise algunha clase de contraargumentación ou matización minimamente eficaces no contexto da entrevista (previsíbeis se o desprezo se dirixise á cultura española, ou, noutra escala, p.e., á canaria). Un terceiro plano de dor ou de molestia derivaría da comparación: Cataluña e o catalán, si; nós, a nosa lingua e a nosa literatura, non.

5. Vaiamos coa primeira dor ou afrenta. Como se ten observado por parte doutras voces, é evidente que Steiner posúe informacións escasas e terxiversadas sobre a realidade social e cultural galega. Fala de oídas e comete erros grosos na descrición dos feitos e da realidade. É algo común entre os comparatistas europeos cando falan de Galiza e da súa cultura. Non creo que por ser Steiner, talvez oínte da COPE ou lector de El Mundo, debamos prestarlle moito caso máis. E desde logo, discrepo absolutamente de quen propón enviarlle libros ou documentación para “sacalo do erro”. Non logro entender esa asunción aparentemente inxenua de subalternidade nin ese propósito de alcanzar por fin unha mirada xusta, beatífica ou cómplice do MHV. Se xeralizamos esa praxe quedamos sen fondos para a Biblioteca Nacional do Gaiás, pois son moitos os maiores humanistas vivos que xogan na liga de Steiner. Entón: afecta á nosa lexitimidade ou a nosa dignidade nacional a invisibilidade ou a escasa visibilidade coa que somos detectados en certos radares? Radicalmente, non. Temos que contestar como grupo/colectivo/nación esta clase de erros? Entendo que non. É máis, dou por sabido que a maior parte dos que se manifestan publicamente a raíz de episodios coma este, saben que falan no fundamental de portas adentro, para os de
dentro, para nós. Steiner disto nin se entera. Cruz, en cambio, si.

6. Segunda dor, segunda afrenta. Con independencia do xuízo persoal que Juan Cruz merecese a cada un de nós antes do episodio —algo excesivamente presente nalgunha columna de opinión e na nota pública do PEN (por que dedicaría a metade da nota a presentarse?)—, nesta película el é un actor secundario. A súa actitude como entrevistador só debería molestar a quen considere que alguén co seu perfil público está para defender ou amparar referencias a terceiros, a terceiros coma nós, por poñer un caso (porque nós somos terceiros nos operativos mediáticos que Cruz xestiona; ou alguén ignora isto?). Malia Cruz, en efecto, formar parte dunha empresa e duns intereses determinados, en absoluto creo que nesta partida iso constitúa un referente fundamental das regras do xogo ou da estratexia de fondo. Orabén, hai outras facetas á marxe do acto e do momento da entrevista, outras prácticas, outros habitus… Hai unha traxectoria. Hai un aceptarse e postularse como interlocutor privilexiado coas provincias. Hai un sentirse cómodo co papel de canonizador do extrarradio. Hai un regusto aduaneiro. Hai unha funcionalidade apaciguadora, redutora e redutiva da pluralidade que hai fóra. Só pasan uns poucos, e de un en un. Cruz, un tipo simpático, seica, un tipo que vén de dicir que se sente ferido polo PEN galego, fala con algúns intelectuais e escritores, preséntaos no centro, delimita mesmo antecámaras nas que pode ir situando suplentes como Bieito Iglesias, un crack. A Cruz gústalle conversar, gústanlle as historias. Préstalle o ambiente Verines, como a moitos dos nosos autores e axentes. Naqueles mesmos días fala, tamén en El País, de Galiza = Praia de Santa Cristina e escolle informantes: Rivas, Reixa, un restaurador… Ve o que ve. Procura o sabor local, folcloriza, cata langostinos… O método non variou tanto no que vai de Pardo Bazán (De mi tierra) para aquí. Hai quen contemporiza con isto. Hai quen asente. Para o que fai e quere facer Juan Cruz non precisa máis. Ás empresas ás que se debe tamén lles é abondo porque conflúen con Cruz na lei básica da partida: o centro é rico, plural e irredutíbel, non admite limitación a un par de nomes; os outros centros son homólogos en riqueza e pluralidade; nas marxes rexionalizadas abonda con sinalar unha representación en singular, o seu mundo é menos rico, máis uniforme, é un complemento (isto asúmeo tamén a prensa local e actívao como mecanismo permanente de representación da realidade cultural). Esta é a política, non só en PRISA, claro, non só en España, non só en Galiza. Todo centro exerce ese control porque, se non, non é centro. Todo centro aspira a asimilar e metabolizar o que os seus vixías sinalan como valioso no extrarradio, e se de paso se consegue minorar iso que era alleo e se fai propio pois mel na filloa (v.g.: “100 escritores en español [Manuel Rivas, Carme Riera, Bernardo Atxaga e outros…] eligen los 100 libros que cambiaron su vida”, EPS). Quen descoñece estas regras?

7. Terceira molestia: que eu saiba Steiner ten seis libros traducidos ao catalán, entre eles o último da súa produción. A produción traducida forma parte da produción cultural. Steiner é xuíz e parte neste caso. Que eu saiba Steiner non ten libros traducidos ao galego nin ao éuscaro. Os límites da súa linguaxe ou das súas linguas —as que sabe, as que entende, as que lle menciona o seu axente— son tamén nel os límites do seu mundo. Parece ser que nunca estivo aquí, onda nós. En Barcelona si estivo, non hai moito. E foi ben recibido e moi celebrado. Unha súa conferencia transmitiuse en directo nunha web municipal. Pero, ollo, non creo que agora sexa tempo de pensar en invitalo a que veña. Atención, AELG: nin cantigas nin agarimos, por favor.

8. O caso somos nós. Paga a pena pechar o suplemento dominical e entrar con forza na segunda feira para tomar decisións adiadas durante excesivo tempo por institucións, medios e gobernos: como identificarse e autorrepresentarse?, como proxectarse e dialogar coas representacións que as outras culturas fan de nós?, como xestionar o noso desigual legado cultural e literario (da Idade Media ao século XIX) e a excelente hora presente (séculos XX e XXI)?, como convencer(nos) de que tras o hiato histórico de séculos seguimos sendo nós e somos tamén outros?, que interlocutores elixirmos?, que medios?, como dialogar coa Galiza que non se identifica con esa tradición?, como suxerir a comparatistas como Claudio Guillén que se Rosalía fala mal de Castela e da súa paisaxe non é porque tautoloxicamente renuncie a calquera experiencia do outro senón porque existía a sega e existía a historia?, como marcarse un rumbo serio e firme e non entreterse con Steiner nin con Cruz nin co sexo políglota dos anxos?” Arturo Casas.