Campo do Fragoso LX

RIR OU CHORAR?
Aínda
que os resistentes celestes temos coiro abondo para encaixar unha nova derrota, hai unha coincidencia xeralizada nas bancadas de Balaídos en que o mellor que podemos agardar é que remate canto antes esta tempada nefasta protagonizada por un Celta patético e ridículo, diante do que xa non sabemos se é mellor chorar os sete chorares pola súa falta de alma ou rir a escache pola candorosa inxenuidade dos seus xogadores e o seu cadro técnico. Diante do Málaga, un equipo máis ben simpliño (que, por certo, vai conseguir o ascenso, o que demostra, contra todo o que se di, o accesible desta categoría), repetiuse liña por liña o guión doutras tantas derrotas celestes: poñémonos por diante ao comezo da primeira parte; logo os nosos dianteiros estragan tres ou catro ocasións de gol desas cantadas; e, xa avanzada a segunda, un par de erros defensivos ridículos estragan todas as nosas posibilidades de vitoria. Sucedeu a pasada semana en Tarragona, cando o Celta tiña gañado o encontro no minuto setenta; e volveu a repetirse onte, cando o Celta fixera o máis difícil, adiantarse de chiripa no marcador (grazas a un claro penalti sobre Okkas no minuto vinte e cinco, que transformou Canobbio), tras unha saída atacante moi intensa dos malacitanos que durante o primeiro cuarto de hora non deixaron saír aos nosos da súa área e obrigaron a Esteban a sacar algunha man preciosa cando o balón se precitaba sobre as redes. Co marcador en contra o Málaga quedou grogui ata o descanso, mais os dianteiros celestes, como é adoito no guión dos seus partidos, estragaron tres claras oportunidades para liquidar o encontro. Tras a reanudación, o torpiño adestrador celeste non soubo ler que a incorporación de Sandro no medio do campo (onde, ata entón Michu e Vitolo polo menos gañaban no barullo) supoñía que os malagueños non entregaran o partido. Abondou unha perda de balón infantil de Okkas no medio campo para abrir un amplo corredor que soubo aproveitar Eliseu e, cinco minutos despois, nunha xogada de estratexia o conxunto da defensa céltica agasallou de forma elegante a Ivan Rosado toda a pelota para que os malacitanos levasen o encontro. Diante de semellante e reiterado ridículo, impropio dun conxunto de fútbol profesional, as bancadas divertíronse solicitando a marcha do propietario do club e a presenza do Celta B. Que cren que debemos facer os afeccionados: rir ou chorar?

Estado de desánimo

No artigo da semana fago unha reflexión sobre a crise societaria e empresarial do Celta para que entendo existen apenas dúas sañidas: aplicación da Lei Concursal ou disolución da entidade.

O xogo da serpe

É adoito que os anuncios de Nike sexan moi impactantes. Neste (dous minutos), protagonizado por xogadores como Cecs, Cristiano Ronaldo, Ronaldinho ou Sneijder (entre outros) ofrécese unha visión do fútbol empregando unha cámara subxectiva, dentro e fóra do estadio. Algúns malabarismos pagan a pena. Outra mostra de publicidade impactante.
Vía Julián Gallo.

Libros dixitais xa!

Vía Txetxu e Comunicación Cultural chego a este documento e a este blog que abre novas perspectivas e argumentos sobre as posibilidades do libro dixital e a lectura en pantallas como xeito de facilitar a lectura para todos. Unha perspectiva que non deberiamos esquecer.

Libro, mayday mayday

Imprescindible a lectura do fermoso artigo de hoxe de Manuel Rivas sobre o libro e a lectura. Transcribo apenas dous parágrafos:

Mais se dispoñemos dun pequeno depósito de optimismo, vemos que a historia do libro é dunha resistencia exitosa contra tanta persecución. Na actualidade, as innovacións tecnolóxicas e todas as hipotecas que gravan o tempo humano, ese modelo de “capitalismo impaciente” que todo o ocupa, semella ás veces que van provocar un afundimento das chamadas humanidades. Unha especie de holocausto do libro a mans do mundo virtual.
Cómpre ter unha concepción ecolóxica do futuro do libro e da propia literatura. Vai haber modificacións no soporte. Vanse a dar grandes adiantos técnicos que propicien a difusión electrónica e libros que condensen en pequeno espazo unha biblioteca. Mais o que non vai desaparecer é a idea de libro e moito menos a necesidade da invención literaria e do pensamento libre.

Moi recomendable.

"Anxel Casal,un editor para un país"

O pasado día do libro presentouse Ánxel Casal, un editor para un país (Catálogos de Lar e Nós), un magnífico volume, coordinado por Alfonso Mato e coeditado polo Seminario de Estudos Galegos e o Consello da Cultura Galega. A edición desta obra supón, tras o traballo de Ernesto Vázquez Souza, un paso definitivo para fixar a historia da edición en galego no primeiro terzo do século XX, xa que se compila e cataloga todo o fondo bibliográfico editado por Ánxel Casal en Lar (xunto a Leandro Carré Alvarellos) coma logo en Nós, xa en solitario, onde se recollen todos os nosos clásicos da xeración das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Ademais, a publicación desta obra ten particular importancia para a difusión do fondo bibliográfico histórico en galego (o que constitúe un formidable recurso didáctico para o ensino da literatura galega do século XX), xa que tamén se pode descargar na rede, incluíndo a reprodución da totalidade das cubertas dos libros publicados polo editor mártir. Tras o éxito rotundo da celebración do ano dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez, a edición do catálogo de Casal volve poñer sobre a mesa a necesidade de dedicarlle unha homenaxe semellante ao editor que “fixo máis que todos nós”. Beizóns a Alfonso Mato e ao seu equipo de colaboradores por tan formidable achega.