SOUBO A POUCO
Os pouco máis de catro mil resistentes espallados polas bancadas estragadas de Balaídos acudimos ao estadio con escasas esperanzas de saír minimamente satisfeitos. Habituados a unha tempada de xogo nefasto e resultados decepcionantes, a vitoria raquítica fronte ao Hércules sóubonos a pouco. Outra xornada máis, quedamos co mel nos beizos de poder gozar dunha vitoria ampla e de non sufrir o desacougo de pedir medrosos á hora nos minutos finais. Onte o Celta, sen facer un partido doutro xoves (a esta altura, os celtistas somos de moi bo conformar), mereceu un resultado máis avultado polas numerosas oportunidades que elaborou e por un xogo de calidade moi superior ao dun Hércules anémico e desorganizado. Sen ter apenas problemas defensivos e, cada vez mellor asentado no medio de campo, onde a parella Rosada-Michu vai collendo o seu punto, os nosos aseñoraron o partido durante oitenta minutos, nos que tiveron oportunidades abondas para acadar un resultado máis amplo. O gol de Okkas, no minuto trece, anticipándose na área pequena á defensa alacantina e rematando un saque de falta de Larena dende o lateral, prometía que poderíamos asistir, por fin, a un encontro tranquilo. Poucos minutos despois, Núñez culminou cun pexegazo raso, magnífico, unha combinación de toda a dianteira, acción que repetiu, ben entrada a reanudación, con outro formidable disparo, dende trinta metros, repelido pola escuadra, que botou na mesma liña de gol. Michu tamén puido marcar cun cabezazo que lambeu o poste. Outrosí sucedeulle a un Diego Costa famento de gol, mais que non tivo o seu mellor día: ao comezo da segunda parte, o poste malogrou a súa fermosa chilena dende a área pequena; tampouco tivo fortuna e serenidade suficiente, noutro par de ocasións, para canear ao porteiro no momento decisivo. O Hércules, un equipiño de veteráns, de capa caída, coma o noso, conseguiu desfacerse do control celeste no derradeiro treito do partido, no que conseguiu a súa única chegada, un formidable remate ao longueiro de Ión Vélez, que nos puxo un nó na gorxa, demostrando que este Celta, mesmo cando gaña, é un equipo agónico de seu. Con todo, a vitoria aforra desacougos e o medo a imprevistos de última hora, colocando aos celestes no camiño de comezar o proxecto da vindeira tempada. Antonio López ten a oportunidade de foguear aos canteiráns nas xornadas que restan. Unha boa oportunidade para recuperar a ilusión perdida.