O editor de Castrelos

No artigo da semana continúo a serie sobre Xosé María Álvarez Blázquez editor, abordando, coa brevidade obrigada do espazo do Faro, o seu proxecto de Edicións Castrelos, onde publicou case cen títulos e difundiu 600.000 exemplares de libros en lingua galega.
Nunca está de máis que reiteremos a nosa admiración polo traballo de xigante que XMAB desenvolveu como editor, semente da actual edición moderna en galego.
Aproveito para recomendar a actualización do espazo dedicado a XMAB polo seu fillo Celso (inclúe actualización das novidades editoriais, novas fotografías e gravacións da propia voz de don Xosé María, achegas moi interesantes que recomendo vivamente).

O atentado e a resposta da cidadanía

O asasinato de Isaias Carrasco por parte dun pistoleiro de ETA en Arrasate é unha vileza arrepiante, ademais dunha flagrante violación dos dereitos humanos e da dignidade cidadá. Indubidablemente, tamén, ao producirse no derradeiro día da campaña, constitúe unha intolerable inxerencia de ETA no proceso electoral, xa que vai ser moi difícil para a cidadanía substraerse ao impacto emocional que produce unha noticia tan brutal.
A unidade de todas as forzas políticas e sociais (mágoa que fose máis aparente que real, polo desmarque interesado do PP, algo esperable tras a súa actuación durante os catro anos de lexislatura) e, sobre todo, o exercicio de cidadanía na defensa sen fisuras dos dereitos humanos e do dereito á libre participación democrática nas eleccións de mañá (baixo a forma que cadaquén considere oportuna) semella o único camiño posible para homenaxear ao traballador asasinado.
Debemos insistir en que non podemos aceptar baixo ningún concepto a utilización da violencia con fins políticos (por respectables que poidan ser os ideais defendidos) nin tampouco a utilización interesada do atentado e da dor da familia da vítima para favorecer determinados intereses partidarios. Tanto unha cousa coma outra, dende o punto de vista moral, seméllanme totalmente inaceptables.

Transcribo o texto do comunicado de Educadores pola paz-Nova Escola Galega condenando o atentado e enviado onte aos medios de comunicación e animo a difundilo pola rede, xa que entendo pode axudar a reflexionar con serenidade sobre o atentado e a promover unha cultura de paz e diálogo sobre o conflito vasco. Recolle con claridade meridiana o que pensamos moitos milleiros de persoas na defensa teimosa dos dereitos humanos e da democracia.

“O colectivo Educadores/as pola Paz do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, quere expresar a súa máis firme repulsa e condena do atentado terrorista da banda terrorista ETA no día de hoxe en Mondragón (Guipúzcoa), que acabou coa vida de Isaias Carrasco.
Como educadores e educadoras comprometidos coa educación e a cultura de paz, proclamamos o dereito á vida como un principio inviolable que está por enriba de calquera ideoloxía, crenza ou relixión. Ningún fin xustifica a violación dos dereitos humanos, comezando polo dereito á vida.
En segundo lugar, queremos expresar a nosa máis profunda solidariedade coa familia e amigos da vítima. Compartimos e facemos nosa a súa dor.
En terceiro lugar, dadas as circunstancias de estar no último día da campaña política para as eleccións ao parlamento español do próximo día 9, requerimos a todos os partidos políticos e outras asociacións que non caian na tentación do uso do terrorismo e da dor das vítimas para fins partidarios.
En cuarto lugar, facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía para ter a coraxe cívica votando masivamente nas eleccións convocadas para o próximo día 9. ETA non pode condicionar o noso voto nin a axenda democrática da sociedade.
En quinto lugar, Educadores pola Paz-Nova Escola Galega suma a súa voz á necesaria resposta cidadá diante deste novo atentado, e fai un chamamento especial á comunidade educativa para que este atentado non pase desapercibido. Que sexa un acto do que se fale e reflexione nos centros educativos para que se convirta en semente de paz, en semente de esperanza.

Vigo, a 7 de marzo de 2008

Asdo. Xesús R. Jares
Coordenador de Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega”

Cen anos de Curros

Hoxe cúmprense cen anos do pasamento de Curros Enríquez. Moi recomendables todos os traballos que con este motivo publica hoxe Luzes. No entanto, abraia o escaso eco institucional de tan importante efeméride (supoño que será pola campaña electoral).

Etiquetas:

Bookseat

"Incertos" de Antón Dobao

Xunto coa novela de Veiga e a edición do primeiro tomo d’ O segundo sexo, a finais da vindeira semana estarán nas librarías outras novidades literarias que entendo de moito interese: Incertos, primeiro libro de relatos de Antón Dobao; Diario dun pai acabado de nacer de Henrique Alvarellos; A cultura do pan de Xosé Lois Ripalda; Obra dramática de Francisco Taxes (que inclúe dúas pezas ata agora inéditas) e outro volume dedicado ao teatro de Manuel Varela Buxán (que inclúe dúas pezas Se o sei… non volvo a casa e Taberna sen dono); Hordas de escritura o novo poemario de Chus Pato e Acendede as almenaras o poemario de Bernardino Graña. Completa esta remesa de novidades de fin de inverno con dous álbums infantís de grandes ilustradores europeos: Negros e brancos, a recuperación en galego do inesquecible conto pacifista de David McKee (o creador de Elmer, personaxe do que temos seis libros no catálogo) e Un barquiño coma min de Thomas Docherty. Con seguridade que sobre estas obras, nas que abordamos todos os xéneros, volveremos nas próximas semanas.
Adianto o texto de contracuberta que preparamos para Incertos de Antón Dobao (a impactante portada é de Fran Herbello, que consolida a súa contribución á renovación da imaxe da nosa colección de Narrativa):

Estes contos incertos de Antón Dobao apuntan ao horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais. Porque nada do aparente é real e a realidade habita outras dimensións. Nestes relatos, as personaxes non son apenas monecos nas mans dun fado caprichoso, senón que tecen a súa vontade, cos seus actos, cos seus desexos e os seus temores, as encrucilladas en que se verán atrapadas as súas vidas. Para o lector, o inesperado accede en toda a súa naturalidade, con toda a crueldade, con absoluta fereza; fai agromar os recantos menos coñecidos evidenciando o principio de incerteza. Mais sobre todas estas historias aboia inevitablemente aquilo que nos caracteriza como humanos: a necesidade de comunicar, de amar, de negar a presenza imperial da morte. E as múltiples faces do poder.

Etiquetas:

"Protexta" co "Ideal Gallego"

Unha moi boa noticia para a visibilidade do libro galego: o vindeiro sábado, Protexta, o suplemento trimestral de libros de Tempos Novos, aparecerá inserido xunto aos catro xornais do grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños). Con esta iniciativa, Protexta adquire unha difusión de 50.000 exemplares e se converte na revista de libros galegos de maior tirada.

Etiquetas:

"O profesor de vegliota" de Manuel Veiga

Coa que está caendo sobre o futuro da lingua, a aparición d’ O profesor de vegliota, a nova novela de Manuel Veiga, ven como anel para levar o debate ao espazo da creación cultural. A novela, que está nas librarías antes de semana santa, propón, entre outros temas, unha reflexión moi dura sobre o papel da lingua na sociedade e o seu futuro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparei para presentala:

“Tras ser depurado e coa intención de non poñer en perigo a súa muller e a súa filla, o profesor de idioma regresa a Puebla, a súa cidade natal, na derradeira viaxe do tren arrancatravesas. En Puebla pretende ocultar os dous mecanoscritos, que conseguiu salvar tras a última incautación da súa computadora, onde recolleu as súas investigacións sobre o vegliota, unha lingua que durante un tempo chegou a ter a súa pequena idade de ouro, mais que agora desaparece irremediablemente tras a imposición da lingua oriental como a única oficial. O profesor de vegliota de Manuel Veiga é, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita.”

Etiquetas:

"Memoria contra Alzheimer", presentación

Onte presentamos en Vigo Memoria contra Alzheimer a novela curta de Rafael Laso publicada en Fóra de Xogo. O acto celebrouse na sede Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Vigo, entidade profesional á que pertence o autor, coa presenza dun público numeroso. Rafael Laso sinalou na súa intervención que na novela pretendeu que unha partida de xadrez xogada ás cegas, unha das máis famosas da historia, marcase o ritmo dos capítulos dunha obra na que pretendeu abordar a patoloxía do Alzheimer, unha das patoloxías sociais que nestes momentos máis preocupa. “O xadrez é un deporte honesto, no que se precisa moita capacidade e moita memoria, á de dúas persoas que se enfrontan nunha batalla sen danos colaterais, baseándose na súa memoria”. […] “Quixen describir as fases do esquecemento que se van producindo no Alzheimer por medio dunha personaxe que non sabe se é un xogador ou unha peza, ao tempo que vai abandonando os recordos que o acompañaron ao longo da súa vida. Unha xogada na que o protagonista é consciente de que ten a partida perdida”. Rematou a súa intervención sinalando que pretendeu propoñer aos lectores unha reflexión sobre o esquecemento: “cando hai alguén capaz de lembrarte, existirás”, aínda que “como sinalaba o meu querido Carlos Casares, non hai maior certeza, xa que non sabemos a razón pola que toda a xente ao final acaba esquecendo”.

Etiquetas:

Galicia profunda

Encontrado nunha parede dun edificio de Tomiño. Incrible!
Foto: Manuel Forcadela.

Campo do Fragoso LV

ACABOUSE
Un minuto fatídico de desconcentración abondou para que un dos mellores Celta da tempada dilapidase case todas as súas posibilidades de engancharse á goma do ascenso. A primeira parte do Celta foi moi xeitosa, sobre todo a media hora inicial, na que amosou a maior intensidade e o mellor equilibrio entre ataque e defensa que lle vimos en Balaídos ao longo de todo o campionato. Durante este período, mandou con autoridade grazas ás recuperacións de Ariel Rosada e os bos servizos de Suárez que proporcionaron balóns avantaxados para que o triángulo atacante, formado polos dous extremos (Sales e Quincy) e os dous atacantes (Okkas e Perera), se lucise nas súas combinacións e tivese nas súas biqueiras unha media ducia desas ocasións cantadas, malogradas in extremis polo gardarredes do Elxe. Grazas a este fútbol fluído e sinxelo, onde cada cambio de orientación do xogo de Fernando Sales, dunha banda a outra, supoñía unha oportunidade, chegaron os dous goles de Perera (como case sempre, o máis eficaz, concentrado e traballador dos celestes). Mais aquela ledicia e bo xogo foron só un espellismo. López Caro confiouse cun cómodo marcador de dous tantos a cero e media hora por diante. Mais o adestrador andaluz errou nos trocos: desfixo o debuxo do triángulo atacante, colocou a Quincy na media punta (unha nulidade que confundiu ao equipo) e, porén, non viu a necesidade de reforzar o medio campo, no que Rosada esgotado comezaba a fraquear fronte ao empuxe imparable dun Elxe cada vez máis adiantado. Pola contra, o galego David Vidal foi moito máis afouto e non deu o partido por perdido. O adestrador de Portosín sacou a toda a súa artillaría dispoñible (incluído o ex-deportivista Víctor) e, dous minutos despois dos seus trocos, conseguiu que o seu equipo igualase o marcador nun plis-plas. Aí quedaron estragadas todas as esperanzas de ascenso celestes. Volveron a impotencia, o barullo, as presas, as subidas atoladas de Rubén (máis voluntariosas que acertadas) e o convecemento na bancada que este equipo noso non é de fiar. Ao remate do partido, coincidindo cos merecidos asubíos a López Caro, o veredito de Río Alto era un clamor: “isto acabouse, a vindeira tempada outra vez en segunda”. Foi unha mágoa que rematase así un encontro que comezara de forma tan esperanzadora. Con este empate, dificilmente abondarán os dez últimos encontros para conseguir o ascenso.

Etiquetas: