O pan de Sant Jordi


Cada díada ten o seu pan ou o seu pastel.
Así os panadeiros e pasteleiros cataláns apoian a xornada e (semella) fan un bo negocio. Aos ingredientes tradicionais do pan, ao de Sant Jordi, engádenlle sobrasada (para representar as catro barras da senyera, queixo e noces para a cobertura exterior. Como sería o pan das letras galegas? Un reto para os nosos panadeiros e pasteleiros.

Etiquetas: Sant_Jordi_2007

Sant Jordi 2007





Algunhas imaxes do Sant Jordi 2007. A Libraría Sargadelos puxo con éxito á venda os libros galegos. Teresa Moure (compartindo mesa con Vila-Matas) e Manuel Rivas asinaron exemplares das súas obras máis recentes (sobre todo en catalán). Unha mobilización lectora e da lingua catalana impresionante Unha festa de auténtica primavera para o libro.
Etiquetas: Sant_Jordi_2007

A presentación de Silverio

O venres á noite a presentación da novela de Silverio Cerradelo ateigou a Galería Sargadelos de Barcelona. Máis de oitenta persoas seguiron con atención emocionante as intervencións da profesora Sabela Labraña e do autor limiao. Un grande éxito, como o do resto das actividades desta semana das letras galegas que se ven desenvolvendo con motivo do Sant Jordi. Alí estaban Helena González, Manuel Mandianes, Xosé Lois García, Xesús González Gómez, Camilo Valdeorras, entre outros moitos membros da comunidade literaria galega en Barcelona, acompañando na súa estrea ao gañador do Terra de Melide 2006.
Sabela Labraña comezou a súa intervención salientando que a novela do Silverio constituía “unha invitación a vivir, situada ao comezo da primavera”. Continuou expresando que esta era unha “novela de lectura doada, agradable, escrita nunha linguaxe sinxela e moi preciosa, organizada en pequenos parágrafos a xeito de fotogramas, propón unha reflexión sobre as profundas transformacións que no Jordi, o protagonista, provoca a relación amorosa con Eva, unha rapaza alemá que busca en Barcelona a felicidade”. Entre as transformacións que Eva provoca no Jordi, e o Jordi nos lectores e lectoras, Sabela Labraña citou, entre outras: a conciencia da presa coa que vivimos na cidade; o coñecemento de experiencias da liberdade; o descubrimento dos barrios marxinais barceloneses e a solidariedade que hai neles; o esfrozo por liberarse de prexuízos; a miradas consciente sobre os espazos; a aprendizaxe do goce de camiñar por Barcelona; a aceptación da vida tal como é; a sensualidade como parte da vida; o corpor e a experiencia sexal como parte esencial da vida. Como remate a sa intervención, a profesora Labraña propuxo unha lectura en clave taoísta da novela do Silverio: aceptar o pracer e a dor como compoñentes da vida.
Pola súa banda, Silverio Cerradelo, tras expresar a súa satisfacción polo desenvolvemento do acto, sinalou que era consciente que a súa novela era moi atrevida, tratándose da historia dun amor transgresor coa que quedara emocionalmente moi vencellado. Explicou que o seu xeito de escribir era reescribir, sobre todo grazas á enerxía que lle supoñía facelo en galego. “Para min isto é moi emocionante. Escribo en galego, sendo consciente do papel da nosa lingua, por razóns emotivas e afectivas”.
Tras unha lectura de varios parágrafos da novela por parte dun Silverio moi emocionado, abriuse unha quenda de intervencións. Entre elas, a profesora Helena González manifestou a súa ledicia pola presentación salientando “o erotismo absolutamente impactante da novela do Silverio”.
Unha presentación impactante e emocionante. Unha fermosa noite barcelonesa ás portas do Sant Jordi.

Actualización (29-04-2007): Entrevista con Silverio na Voz de Galicia.

Fracaso e perspectivas do PXOM

No artigo da semana volvo, ás portas das municipais, á reflexionar sobre o PXOM de Vigo. Preocúpame moito que despois do 26-M se volvan repetir argumentos e posicións que levaron hai tres anos á ruptura do goberno progresista. Entendo indispensable que cadaquén amose as súas cartas sobre a cuestión ao electorado, un principio de transparencia e rexeneración indispensable.
Etiquetas: PXOM_Vigo

Libros galegos no Sant Jordi

Hoxe estaremos en Barcelona acompañando a Silverio Cerradelo na presentación d’ Os paxaros tamén migran ao sur. O acto forma parte do programa da semana actividades, organizada dende hai varios anos polos editores galegos, con motivado do San Jordi. Dende e Barcelona e Tarragona anotaremos, pois, estes días.

"Cartas de inverno", 20 edicións

A 20ª edición de Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz mereceu a portada de Galicia hoxe, un auténtico acontecemento na prensa galega que se atreve a abrir a tres columnas cunha noticia da nosa literatura. A ampla información salienta que en doce anos a novela vendeu 65.000 exemplares en galego (20 edicións) e outros moitos en castelán (12 edicións) e en catalán (16 edicións), lingua na que no último ano vendeu oito milleiros de exemplares. Algo extraordinario. Agustín explica o éxito rotundo desta obra, xunto con O lapis do carpinteiro os longs sellers da nosa literatura actual, por que se trata dunha “novela intemporal, por riba do tempo cronolóxico no que foi escrita, 1994, cando non había correo electrónico, por exemplo”. “O máis importante”, engadiu, “é que o que se conta é inalterable por riba dos séculos e os secúlos, se o cambio de clima non lle pon fin: as persoas temos medo, un medo irracional que nos vai seguir acompñando como especie. Pode ser o medo ao mamut, o medo a unha pantasma ou a un virus mutante. Tanto ten: non nos separaremos deles”.
Esta viséxima edición de Cartas de inverno presentámola con nova portada (co lixeiro redeseño que fixemos á colección Fóra de Xogo chegado ao número 100), cun epílogo (no que autor reflexiona sobre a obra e a súa recepción) e cunha completa revisión do texto realizada con grande mimo polo propio Agustín. Para aqueles que non a leron, esta novela de terror lovercraftiano continúa sendo absolutamente recomendable, tanto para lectores e lectoras novos como para persoas adultas.
Agustín entregou estes días o orixinal do seu novo libro, O único que queda é o amor, unha colección de relatos, que serán ilustrados por Pablo Auladell, e agardamos ter publicados (abrindo, xunto con Xabier P. Docampo, nova colección) a comezos do vindeiro outono. Agustín, ás portas da súa xubilación como profesor a remates deste curso, acada a súa plenitude como gran narrador contemporáneo das nosas letras e como unha das grandes figuras da literatura xuvenil universal.

"Os libros arden mal", premiado polos libreiros de Madrid

Recibimos con alegría o novo premio outorgado a Rivas por Os libros arden mal. O Gremio de libreiros de Madrid premiou a novela de Manolo como o mellor libro do ano, salientando “a intensidade dun relato que percorre a historia da Coruña dende finais do século XIX ata os nosos días”. O xurado, na acta do premio, destacou que “coa queima de libros procedentes de numerosas bibliotecas da cidade nos días posteriores ao golpe de Estado de 1936 como eixe central, a novela afonda nun tempo que tinguiu de fume e negras sombras a cidade e todo o país tras a Guerra Civil. Ao longo das súas 600 páginas asoman vencedores e vencidos que, da man do seu autor, van abrindo fendas por onde se coa algo de luz nas súas vidas”.
Este novo recoñecemento únese a outros recibidos polo autor e pola obra nos últimos meses: o Premio da Crítica 2007, ao Premio Irmandade do Libro 2007, ao Premio Cálamo 2006 dos libreiros zaragozanos e ao Premio Ánxel Casal 2006 dos editores galegos. Coincide esta boa noticia co comezo dos traballos de reedición iniciados para recuperar dúas novelas de Manolo, un chisco esquecidas no noso catálogo En salvaxe compaña e Todo ben, que pretendemos publicar despois do verán.

Etiquetas: Manuel_Rivas

Gonzalo Bouza-Brey agredido

Unha chapa republicana motivou a agresión sufrida polo poeta vilagarcián Gonzalo Bouza-Brey e a súa compañeira María Isabel hai dous días. Unha noticia que nos produce enorme estupor; unha mostra alarmante de intolerancia que merece a nosa máis enérxica repulsa. Venturosamente semella que María Isabel e Gonzalo van mellorando das súas feridas. Unha aperta agarimosa e solidaria para eles dous e un recoñecemento para a edición de La Voz de Galicia de Arousa que informou puntualmente de tan lamentable acontecemento.

Campo do Fragoso XXXVIII

O VALOR DOS ABRAZOS
Despois de celebrado o derby e recuperado, por fin, o ansiado vieiro das vitorias, teño claro que o principal problema do Celta non é tanto a calidade do seu xogo como a de recuperar o equilibrio anímico perdido tras seis meses de derrotas. Fernando Vázquez, un técnico honesto e celtista de corazón, a quen temos que agradecer dúas magníficas tempadas, porén, non soubo este ano xestionar este aspecto emocional na súa relación co cadro de xogadores nin moito menos coa maioría dos afeccionados. Velaí, no eido das emocións, onde se produciron as principais mudanzas de Stoichkov, quen cos seus brazos abertos e o seu entusiasmo desbordado conseguiu que a confianza, o orgullo e a alegría volvesen ao terreo de xogo e, sobre todo, ás desanimadas bancadas. Stoichkov introduciu lixeiras modificacións no conxunto habitual, colocando a Nené polo centro, como acompañante na punta de Baiano, e distribuíndo máis xogo polas bandas. No entanto, as maiores mudanzas estiveron na actitude dos xogadores que, dende o comezo, encararon con afouteza, rapidez e determinación a portería dun moi pachorrento Coruña, que agardaba atopar a fenda do decaemento anímico celeste. Durante a primeira parte o Celta chegou cunha facilidade apabullante, mais, como é adoito, non conseguía finalizar con éxito. Venturosamente na reanudación, cando o Coruña comezaba a controlar o tempo de xogo, Baiano matou unha pelota precisa dende a esquerda dun activísimo Gustavo López. Co marcador por diante, Stoichkov non se arredrou unha miga e meteu a Bamogo para conseguir maior capacidade de contraataque. Así, os emocionantes minutos finais, co Coruña empurrando con auténtico perigo, foron unha festa nas bancadas. O derby demostrou que o Celta, se é capaz de recuperar a autoestima, ten xogo abondo para manter a categoría. Polo momento o valor dos abrazos de Stoichkov serviu para superar a primeira final.

Etiquetas: Celta

Pechou a Librería González

Onte pechou outra das librarías históricas galegas: a Librería González da rúa do Vilar de Santiago, onde será ubicada unha franquicia de vestiario. Creada en 1929, nos últimos anos supervivía coa venda de libros de agasallo e de turismo, foi un dos espazos clásicos para a venda de manuais universitarios.
A rúa do Vilar, despois do peche da libraría de Eduardo (importantísima nos anos da Ditadura e da reforma Política), da Galí (a máis vella de España) queda son con Encontros e cunha librería relixiosa. Outra anotación para o noso mapa sentimental de librarías desaparecidas, unha lista que se incrementa inevitablemente cada ano. A boa noticia, pola contra, é o anuncio da reapertura da Libraría Couceiro (seguramente a finais do mes de xuño) na praza de Cervantes, onde disporá de seis plantas e dunha proposta de animación libreira moi interesante.
Etiquetas: Librerías, Santiago