"Os paxaros tamén migran ao sur", primeira crítica
/en Autores, Críticas, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasA aparición da primeira crítica, sobre todo cando se trata dunha ópera prima, é un dos momentos máis agardados e relevantes da edición dunha novela. Nalgunhas ocasións este acontecemento pode chegar a determinar o futuro da visibilidade da obra.
Onte coñecimos a primeira valoración d ‘ Os paxaros tamén migran ao sur. O Silverio ten razóns para este moi satisfeito desta primeira valoración tan positiva. Ademais, onte á noite, Silverio visitou o programa da TVG Libro aberto (afortunadamente poden consultarse os arquivos dos últimos programas, unha documentación visual moi valiosa, sobre todo para os que non podemos ver a tele a semellantes horas da madrugada).
"Benquerida catástrofe", a volta de Teresa Moure
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasBenquerida catástrofe, a nova novela de Teresa Moure poñerase a disposición dos lectores e lectoras no Culturgal. Mañá colgaremos o primeiro capítulo en PDF xunto con outro da novela de Mario Regueira. Eis o texto de contracuberta que preparamos para presentar esta novela que supón unha indagación sobre esoutro sexo que levamos dentro:
“Adam Cairbough, coincidindo coas visitas frecuentes á consulta do doutor Castiñeira para tratar os seus problemas de pel, decide separarse de Eva, á muller que ama desde que chegou a Galiza. As vidas de Adam e Eva veranse sorprendidas por un cambio inesperado, que vai derrubar todo aquilo que xulgaban estábel, e definir quen é cadaquén.
Esta nova novela de Teresa Moure, tras o éxito rotundo de Herba moura, propón a quen le unha indagación sobre esoutro sexo que levamos dentro. Velaquí unha ficción trepidante que, xogando coa indivisibilidade dos números primos, cuestiona a identidade como algo inherente aos corpos. A reconstrución da súa identidade sexual converte as personaxes en seres máis felices, que procuran algo que ficara oculto na cotidianeidade e que rematan por descubrir ao se espiren para nós.”
Campo do Fragoso XXXIX
/en Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasO GLOBO DESINCHOU
A debacle diante do Mallorca demostra que o problema do Celta non era Vázquez, non. O globo da euforia provocado polos abrazos e a sintaxe fragmentada do simpático Stoichkov nas salas de prensa (que tanto ilusionou aos detractores do serio adestrador galego) serviron só para gañar ao Coruña. Porén, o partido de Zaragoza e, sobre todo, o de onte devólvenos a crúa realidade da situación agónica dun equipo que, na fase decisiva do campionato, carece de xogadores e de estratexia táctica solventes para atuar a rivais da súa mesma categoría. O Mallorca resolveu comodamente o partido nos primeiros vinte e cinco minutos. Abondoulle con plantarse con orde sobre o terreo, deixando que un incansable Ibagaza (que fixo o que quixo cun solitario Oubiña) empuxara a Jonás Gutiérrez e Arango sobre unha defensa e unha portería célticas que en cada ataque se desparramaba coma a manteiga. Inevitablemente, así chegarían os dous primeiros goles dos vermellóns, sen que os celestes amosaran capacidade ningunha de reacción. Coa reanudación e diante de tan contundente pallona, Stoichkov apostou por volver á fórmula tradicional de Vázquez, o dobre pivote, dando entrada ao conflitivo Pablo García (rifa ata cos seus propios compañeiros), o que supuxo un certo repunte do xogo atacante dos galegos que malograron algunhas oportunidades claras para acurtar a diferenza. Un espellismo que durou apenas dez minutos. Notouse, entón, a falta de Baiano e as escasas alternativas de remate deste equipo impotente que se precipita, se non o impide un milagre, cara á segunda división. O globo de Stoichkov (onte outro desesperado espectador máis) picábase coa mesma facilidade coa que foi inchado artificialmente pola xunta directiva celeste. Con estes vimbios tan endebles pode evitarse aínda o descenso? Unha pregunta que deberían responder o director deportivo Félix Carnero e o presidente Carlos Mouriño.
Entrevistas a Agustín Fernández Paz
/en Autores, Entrevistas, Internet/por bretemasVolve actualizarse o web de + Internet + Galego + Futuro (formidable!). Entre os moitos contidos de interese atopo esta entrevista con Agustín Fernández Paz. O autor de Cartas de inverno aborda o papel de Internet para a lingua e para a nosa creación literaria e confésase “vicioso dos blogs” e usuario de Skype. Ademais, esta fin de semana, Agustín ten outra entrevista na sección “Os favoritos” de Culturagalega.org (con recomendacións de blogs e webs moi intereantes). Dúas pezas para compartir.
"Os libros arden mal", Premio da Crítica Galicia e Premio Losada Diéguez
/en Autores, Entrevistas, Narrativa, Premios, Xerais/por bretemasNon hai dúbida ningunha que, despois do éxito de vendas e lectores, a recepción da crítica d’ Os libros arden mal tamén está sendo apabullante. Onte, nun mesmo día, recibiu outros senllos premios, o Losada Diéguez de creación e o da Crítica Galicia (a crónica dende dentro do xurado de Marcos Valcárcel é moi significativa do que alí pasou).
Estes dous novos recoñecementos únense ao premio Ánxel Casal 2006 dos editores, ao Irmandade do libro 2007 dos libreiros galegos, ao Premio da Crítica 2007, ao Premio do Gremio de libreros de Madrid e ao Premio Cálamo 2006.
Novos parabéns para Manolo que hoxe está na Feira do libro de Bos Aires (con importante presenza nos medios porteños) presentando novela tan premiada e recoñecida.
Entrevista con Rivas en Vieiros, realizada por Débora Campos en Bos Aires.
Crónica de Fíos Invisibles da presenza de Manolo na Feira do Libro de Bos Aires e na Federación de Sociedades Galegas. Lectura moi recomendable.
De Sant Jordi ao 17 de maio
/en 17_de_maio, Artigos, Artigos Faro de Vigo, Efemérides, Eventos/por bretemasNo artigo da semana fago unha crónica da experiencia do Sant Jordi 2007 e pretendo sacar algunhas experiencias que se poderían aproveitar para as nosas Feiras do Libro, Culturgal e 17 de maio.
Mario Regueira: "L' affiche rouge"
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasHoxe Rubén publica unha magnífica anotación arredor de Rebelión no inverno, o primeiro libro de Mario Regueira. Dentro duns poucos días aparecerá nas librarías L’ affiche rouge, novela da que agardo moito se falará na rede. Hoxe adiantamos a cuberta.
Actualización (01-05-2007): Adiantamos o texto de contracuberta da novela, preparada a partir dun texto do propio autor:
“L’ affiche rouge narra a chegada ao mundo adulto de varios mozos nacidos ao abeiro da transición política. Os personaxes enfróntanse a un contexto onde a conquista da esperanza é só o principio de toda loita política ou persoal, e a súa propia identidade colectiva representa un problema que hai moito tempo ficou sen resolver polas xeracións precedentes.
L’ affiche rouge é o retrato dunha xeración que vai ao encontro dunha realidade que non é a prometida, senón un mundo onde a propia identidade persoal é sometida a constantes negacións e agresións nun contexto globalizado e xerarquizado. Os protagonistas adoptarán unha serie de posturas distintas que van desde a completa inhibición até unha revolucionaria e gozosa celebración da diverxencia. Entroncando coa tradición do bildungsroman, ou novela de aprendizaxe, os personaxes atópanse inmiscuídos nun proceso de formación do que o fracaso e a ausencia dos referentes agardados é unha constante.”
Entrevista a Xabier P. Docampo
/en Autores, Entrevistas, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Política/por bretemasInteresantísima esta entrevista a Xabier P. Docampo. Como moi ben sinala Xavier Cordal, o mestre fala “o idioma da sabedoría, do afecto e da rebelión”.
Anoto algúns fragmentos das súas respostas nunha entrevista que é desas poucas para arquivar e compartir:
- “A orixe do feito literario está na palabra e esta é a esencia da oralidade. Calquera texto, por moi afastado que pareza estar do oral, aprehendémolo coma un resoar interior, coma un eco que nos vén dalgures… “
- “Hai un momento no proceso da escritura no que entras nunha voráxine narrativa que te invade e te impulsa, nese momento tes a sensación de estar escribindo ao ditado dese son ou dese eco que chega a ti desde o demo sabe onde, e faino con palabras.”
- “A aparición dunha literatura infantil e xuvenil galega tan vizosa e importante, relaciónase –non unicamente, pero entre outras cousas– moi directamente co compromiso coa lingua dos autores e autoras. E iso forma parte dun claro compromiso co pobo galego, entendendo esta expresión como o desexo de explicar o que somos e a que aspiramos. “
- “O máis alto compromiso do escritor ten que ser coa literatura, sen iso non é posible ningún outro.”
- “Vexo con dolor como todo aquilo que podería ser a base dunha nación que arma un futuro de seu, agricultura e gandaría, pesca, paisaxe, recursos naturais… foi destruído ou está a ser rapinado e, ademais, a industria que debería servir de compensación está ameazada de deslocación. Entrementres o noso capital espiritual: fala, tradición, historia… vaise precarizando. Os actuais son tempos de grandes decisións, desas que damos en cualificar como históricas; nelas, na súa aparición, reside a miña esperanza de optimismo.”
"A sombra descalza", Premio The White Ravens 2007
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Premios, Xerais/por bretemasUnha noticia que moito nos aleda: A sombra descalza de An Alfaya acaba de ser seleccionada, ademais doutras dúas obras galegas (Smara e A princesa do Caurel) para a exposición The White Ravens 2007. Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantís e xuvenís en 32 idiomas e de 47 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as información bibliográficas e reseñas dos libros seleccionados. Na certificación que recibimos na editorial a Internationale Jugend Bibliothek manifesta: “Pola calidade literaria de A sombra descalza de An Alfaya foi seleccionada para a exposición The Withe Ravens, 2007 que se organiza anualmente no marco da Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna.”
Este é o terceiro premio consecutivo que recibe An Alfaya por A sombra descalza, logo do Premio Lazarillo 2005 e do Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil de 2006, concedido polos editores galegos. Parabéns de novo para An.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Castelao 758 de Xaneiro de 2025 - 11:12 a.m.
- Aniversarios 20257 de Xaneiro de 2025 - 10:51 a.m.
- Brétemas 20 anos3 de Xaneiro de 2025 - 5:40 p.m.
- Axendas1 de Xaneiro de 2025 - 10:44 a.m.
- 2025, quere celebrado con ansia e esperanza31 de Decembro de 2024 - 4:27 p.m.