A tribuna de Borrazás
/en Artigos_Luzes, Narrativa, Polémicas/por bretemasTras a arroutada da pasada semana, é moi recomendable a lectura da sereno resposta de Xurxo Borrazás. Así comeza: “Certo. Os escritores e escritoras nunca temos a razón. Falo por min, que ninguén se ofenda. Somos egoistas, resentidos, perrenchudos, vaidosos e desagradecidos coa man que nos dá de comer. É por iso, intúo, que os lectores veñen a nós.”
"Cardume", presentacións
/en Narrativa, Novidades, Premios, Presentacións, Xerais/por bretemasHoxe en Santiago e mañá en Vigo presentaremos Cardume, a novela de Rexina Vega gañadora do Premio Xerais 2007. O acto de mañá no Marco, será tamén unha homenaxe á figura de Urbano R. Moledo, o escritor galego fusilado, xunto a outras doce persoas, no monte do Castro o 1o de decembro de 1936, a quen lle foi incautada polos militares unha peza dramática, A volta da perdida, agora editada por Ediciós do Castro (dentro da Biblioteca do 36) e prologada pola propia Rexina. Neste acto cívico, organizado por Xerais, Ediciós do Castro e pola Asociación Viguesa pola Memoria do 36, intervirán Manuel Forcadela, Xavier Moreda e Rexina Vega, ademais de contar coa lectura dun texto preparado polo profesor Xesús Alonso Montero e coa actuación da cantante Rosaida.
"La Mar de Letras", premio libraría cultural 2007
/en Librarías, Literatura infantil e xuvenil, Premios/por bretemasOnte participei no xurado do IXº premio Libraría Cultural, organizado por CEGAL. A experiencia foi moi bonita. Entre novas propostas, todas elas moi interesantes, e despois de estudar as sús correspondentes memorias, escollemos (case por unanimidade) o proxecto presentado por “La Mar de Letras“, unha libraría especializada en promoción da lectura e fondo infantil e xuvenil, situada no centro de Madrid. Consultando no web que manteñen (hai moita información) pode coñecerse algunhas das iniciativas que relizan. Especialmente interesante é o premio “Microcrítico”, destinado a promoción da crítica literaria realizada por nenos e nenas. Recomendo emular esta iniciativa.
Oficina do Libro Galego
/en Cultura, Narrativa, Polémicas, Traducións/por bretemasA exportación de textos literarios (especialmente narrativos) é unha das maiores preocupacións actuais do debate cultural galego. Para animar un debate máis sereno e construtivo ofrezo as seguintes reflexións e propostas:
–“A literatura galega é perfectamente invisible fóra de Galicia”. Concordo plenamente con esta afirmación de Xosé Luís Méndez Ferrín, a pesar de que ao longo da última década, algúns dos nosos narradores fosen traducidos a diversas linguas (especialmente Manuel Rivas, Suso de Toro e, máis recentemente, Teresa Moure). Para poder exportar textos literarios con normalidade non abonda a “estratexia de autor”, precísase unha estratexia de país para desvelar a súa literatura nacional. Desmontar os tópicos existentes fóra de Galicia sobre a nosa literatura e proporcionar información veraz e suxestiva sobre a súa excelencia deberían ser os primeiros obxectivos desa estratexia compartida por autores, editores, tradutores e administracións.
–A exportación de textos é a única vía posible para a profesionalización dun narrador ou narradora galegos. As cifras do mercado interior do libro galego (mesmo daqueles autores con vendas importantes) non abondan para permitila. Quizais aí resida boa parte da lexítima e comprensible obsesión dos autores e autoras por ser traducidos, moito máis que os discursos que se constrúen “ad hoc” para xustificala. Non vexo contradición ningunha en pertencer ao tronco dunha literatura nacional como a nosa e, ao mesmo tempo, poder ser traducido a cantas linguas sexa posible.
–Cómpre acuñar un manual de boas prácticas entre autores e editores que facilite a exportación de textos narrativos galegos, ao tempo que preserve a identidade da obra orixinal: obrigatoriedade de realizar a tradución dende o orixinal en galego, preservar título orixinal, facilitar axuda aos tradutores, confeccionar paratextos en inglés…
–Cómpre contar cunha “Oficina da Literatura Galega” ou “Oficina do Libro Galego no Exterior” (a denominación é o de menos), un organismo público (dependente da Consellaría de Cultura e Deporte), apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e por todo o entramado asociativo do sector do libro (AGE, AELG, Pen Club, ATG, AILG) como entidade que xestione toda a estratexia. Nunha primeira fase podería emularse o exitoso modelo de funcionamento do “Ireland Literature Exchange” (ILE).
–As funcións a desenvolver por esta OLG ou OLGE serían as de coordinar de forma permanente todas as actividades de promoción da literatura e do libro galego a realizar no exterior: sexa na presenza nas Feiras Internacionais do Libro (xunto aos editores); fose coas actividades desenvolvidas polos diferentes lectorados e centros de estudos galegos das universidades; sexa por medio da información electrónica e impresa enviada a editoras internacionais, axencias literarias, “sherpas” e tradutores; fose apoiando a presenza de autores e editores en eventos literarios internacionais (“Festival de Poesía de Paratí, Congresos do Pen Club…); sexa apoiando a xestión das candidaturas de autores e autoras da nosa literatura a premios internacionais (Astrid Lingren, Nóbel ou Príncipe de Asturias das Letras); fose axudando a xestionar as axudas proporcionados pola Consellaría de Cultura á tradución de textos da literatura galega a outras linguas; sexa organizando ou apoiando a realización de Encontros Literarios Internacionais en Galicia; fose promovendo as candidaturas de Galicia como cultura convidada dos eventos e feiras internacionais (Guadalaxara, Frankfurt, Líber, Saló do Libro de Barcelona), organizando aqueloutras onde xa estamos convidados (“Festival Intercéltico de Lorient 2009” ) ou acompañando coa nosa cultura literaria outras actividades de proxección internacional de Galicia (especialmente con motivo do Xacobeo 2010).
–Trátase, en definitiva, de pasar da táctica curtopracista actual (tan ben intencionada, como escasamente eficaz e onerosa) destinada ao consumo político interno, a deseñar unha estratexia (canto menos a cinco ou dez anos) que consiga acuñar internacionalmente a marca “Literatura Galega”, asociándoa aos valores da excelencia e da calidade.
"O único que queda é o amor", presentación na Coruña
/en Autores, Narrativa, Presentacións/por bretemasMañá, despois de viaxar pola mañá a Madrid, volverei por Coruña para acompañar a Óscar Sánchez na presentación do novo libro de Agustín. O acto desenvolverase baixo a fórmula da entrevista ao autor e promete ser moi interesante. A compañía é inmellorable e o libro de enorme interese.
Narrativa en galego, algúns datos de 2006
/en Comercio do libro, Edición, Narrativa/por bretemasOs editores privados publicamos 314 títulos literarios (entre novidades e reedicións, dos xéneros narrativo, poético, dramático e ensaístico), cifra que supón o 19,7% de toda a súa oferta, imprimimos 440.000 exemplares (o 14,5% do total) e facturamos 3,80 milóns de € (o 13,8% do total en galego e apenas 0 2,52 % do mercado en Galicia). O noso catálogo literario vivo en galego acada os 2.704 títulos (o 25,9%), dato moi significativo, xa que supón que un de cada catro libros nos fondos das librarías debería ser estritamente literario.
Dentro da oferta literaria en galego, a narrativa é, sen dúbida, o xénero primeiro. Así, en 2006 publicáronse 197 títulos narrativos (o 12,4% da oferta do libro galego), fabricáronse cerca de 300.000 exemplares (o 10% da produción) e facturáronse 3,35 millóns de €, o 12,2% de todo o mercado en galego. A tirada media dos títulos de narrativa en galego é de 1.523 (fronte a 1.891 do conxunto do sector galego, 1.401 do libro literario, 900 de poesía, máis moi lonxe do 6.696 da edición española, aínda que superior a da narrativa en éuscaro, 1.096).
O mercado da narrativa en galego sendo a dimensión sobranceira do eido literario en galego, con case trescentos mil exemplares vendidos, supón apenas o 2% do mercado do libro en Galicia. Esta é a dimensión real da narrativa en galego que ten que competir co xigante dunha edición en castelán que factura 558 millóns de €, vende máis de 56 millóns de exemplares e supón o 18,5% do mercado do libro en España. A batalla entre David e Goliat.
Campo do Fragoso IXL
/en Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasIN EXTREMIS
Non hai dúbida de que ao Celta se lle atragoan as mañás en Balaídos. Tres matinais e senllos empates, sete encontros na casa e só dúas vitorias, son un pobrísimo balance para un equipo que pretende ascender, incapaz de enganchar dúas vitorias consecutivas. Saíu como é adoito, desque López Caro tomou as rédeas do plantel, moi ordenado, despregándose sobre o terreo cun impecable 4-2-4; un esquema que resultou claramente ineficaz diante dun Nástic que se plantou cun so punta, mais que soubo tecer unha malla tupidísima con catro mediocampistas feroces –o que impediu a fluidez e perigosidade dos toques e máis toques dos nosos dous apáticos estilistas (Larena e Canobbio)– agardando que un roubo de balón lles permitise sorprender por algunha das bandas. E así o conseguiron os cataláns no minuto dezaoito. Antonio López superou a Lukas e rematou dende o lateral esquerdo con moita intención un balón que Pinto rexeitou inocentemente cara adiante para que Calle (un pesadelo para a defensa nosa) rematase a pracer. Co encontro costa arriba e cos cataláns pechados, dende entón, a cal e canto, os celestes dominaron con claridade intentando unha e outra vez chegar á porta de Roberto (soberbio porteiro, o mellor xogador tarraconense). Houbo oportunidades a moreas, algunhas moi claras (como as de Canobbio, a porta baleira, varias dun Quincey bastante centrado ou unha de Lequi nun córner); outras malogradas por Perera, a quen lle ven grande a responsabilidade de ser primeiro dianteiro. Na reanudación, foron os trocos de Suárez, Costa e Okkas (preguntámonos se non deberon saír os tres dende o inicio?) os que permitiron aumentar a intensidade e profundidade do noso ataque. Tras a expulsión de Lequi e despois de que o arbitro embarullase o encontro de tarxetas, iniciado o desconto, chegou o remate de Rubén nunha das súas arroutadas atacantes. Tal como estaban as cousas de atoadas, o gol do defensa picheleiro foi celebrado como se dunha vitoria se tratase. A este Celta de López Caro, tan ordenadiño, como pouco organizado, faille falta un chisco máis de coraxe e xenialidade no remate, xusto o que lle permitiu a Rubén evitar in extremis unha derrota cantada dende a bancada.
Galicia: 61,30 € gasto en libros por habitante
/en Comercio do libro, Lectura/por bretemasEn Galicia padecemos un problema de lectura e dos hábitos de compra de libros. Así o demostra os datos proporcionados polo Anuario de Estatísicas Culturais do Ministerio de Cultura. Entre unha faramallada de datos interesantes, escollemos este que nos parece significativo do noso estado carencial: en 2005 os galegos gastamos 61,30 € por habitante na adquisición de libros e publicacións periódicas, aínda lonxe da media estatal de 70, 30 € (é dicir 10 menos, ou 27 millóns de euros menos do que nos correspondería, cifra case idéntica a que nos gastamos en libros en lingua galega).
Se comparamos este dato (insisto 61,30 €) co doutras comunidades podemos tirar algunhas conclusións: 139, 30 € (Euskadi), 91,26 € (Comunidad de Madrid), 73,80 € (Cataluña), 49,00 € (Andalucía). En palabras sinxelas: a lectura e a compra de libros está vencellada co nivel de renda per cápita e benestar. Mágoa que no estudo do Ministerio de Cultura, non se desagreguen máis estas datos, xa que se descontásemos o que gastamos en libros de texto e publicacións periódicas, aventuro que a nosa posición aínda estaría máis afastada da media.
Book trailer VIII
/en Book_trailer, Promoción do libro, Publicidade/por bretemasManuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.