12 indicacións para favorecer o hábito lector

Vía Hora de ler, o blog da campaña Hora de ler da Asesoría de Bibliotecas Escolares, coñezo estas doce indicacións para promover o hábito lector de inequívoco sabor brasileiro (o blog de Alessandro Martins é outra descuberta que moito aconsello). Entre todas elas, escollo estas que fan referencia á lectura nos soportes electronicos (dunha anotación toda ela moi útil e suxestiva):

Etiquetas:

Xosé María Álvarez Blázquez

No artigo da semana realizo unha primeira semblanza da figura de don Xosé María Álvarez Blázquez. É a miña intención publicar nas vindeiras semanas novos traballos no Faro sobre o “Xosé María, editor” e o “Xosé María, cronista oficial da cidade de Vigo”. Comecei estes días a versión galega d’ A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo, tarefa que asumín con enorme interese, que me permite aprender moito nese pozo de sabedoría histórica viguesa artellada polo meu admirado don Xosé María.
Aconsello a lectura da reportaxe fotobiográfica publicada hoxe no Estela de Faro de Vigo, preparada por Salvador Rodríguez.

Cámara Café, Siglo de Oro

Sempre crin xenial este espazo. Vaia traballón dos guionistas!
Via: R.R.

Xosé María Álvarez Blázquez: un activista cultural

En El Pais de Galicia aparece hoxe unha moi recomendable a entrevista a Pepe Álvarez Cáccamo na que fala do seu pai. Tamén é de interese estoutra aparecida onte no Faro.

A presentación d’ A lingua galega na cidade no século XX de Gabriel Rei-Doval, celebrada onte no Consello da Cultura Galega, supuxo unha reflexión sobre o futuro social da lingua nos medios urbanos, as posibles consecuencias da ruptura do consenso arredor do decreto de uso do galego no ensino e as medidas máis axeitadas para a planificación lingüística.

Etiquetas:

Ser urbanita e falar galego

Camilo Franco entrevista a Gabriel Rei-Doval con motivo da presentación hoxe en Compostela d’ A lingua galega na cidade. Recollo para o arquivo esta afirmación de Gabriel:

Quizais agora haxa menos falantes, pero os que o fan son máis leais e máis competentes. Pero a outra cousa que cambiou radicalmente é a percepción que a xente ten do galego. Agora case todo o mundo é receptivo e positivo coa existencia do galego. Unha percepción que hai trinta anos non era así para nada nas cidades. É posible que a xente non queira falar en galego, pero está mesma xente é favorable ás políticas de normalización ou á presenza do galego na escola. Na historia social da lingua, este é un cambio moi importante.

Etiquetas:

Unha máis!

Cun pouco de retraso souben hoxe deste artigo tan alporizado.

Libro branco sobre a edición

Vía Txetxu sei deste interesante informe sobre a edición publicado en Francia no pasado mes de abril. Para ler devagariño, inclúe a maior parte dos temas de maior actualidade no noso eido profesional. Unha boa peza para o arquivo.

"Limpeza de sangue", tertulia en Moaña

R.R. dá conta no blog da súa experiencia na tertulia da Lonxa Literaria de Moaña. A crónica do autor de Limpeza de sangue (un texto dramático que non me canso en recomendar vivamente) sobre o acto non ten desperdicio ningún. Eis o protagonismo dos lectores e lectoras, velaí as posibilidades dos clubes de lectura, chamados a converterse na peza ancillar da revolución lectora que pretendemos. Lean a crónica de R.R. e quedarán tan abraiados e entusiasmados coma min:

Encontreime con catorce ou quince lectores de Limpeza de Sangue que, por catro horas e pico –a primeira vez que mirei o reló era a unha da mañá e comezáramos ás nove– fixéronme disfrutar dos comentarios, das críticas e das discusións arredor do texto e do teatro. Incluso, como non puiden ler o texto antes de ir, e ademáis andaba algo adurmiñado, redescubríndome cousas sobre el que xa esquecera. Estaban alí Sole, que foi o meu contacto, Alba, que fixo a miña presentación, Benxa e Asun da Librería O Pontillón, Paco e o seu fillo Marcos –ó que lembro como organizador de funcións de teatro na Escola de Forestais de Pontevedra–, outra Asun, unha mestra coa que coincidira en tempos nalgunha función do Café do Real e que non sei se é a mesma Asun, Lucía –á que animo a que siga facendo teatro– e varios rostros máis ós que non dou posto nome pero cos que compartín o pracer dunha conversa que me gustaría repetir cada semana. Un daqueles rostros ós que non lle teño asignado o nome pero que pronto cataloguei como mariñeiro do Morrazo –forte, con barba, moreno, pel curtida– fíxome a crítica máis fermosa que ata o de agora escoitei sobre Limpeza de Sangue: díxome que cando o empezou a ler pronto puxo cara a cada un dos personaxes e que se tivese que levala á escena el xa sabía qué viciño de Moaña faría cada un: Fernando, Pantaleón, Mucha… Estaba tamén Antón Lamapereira, un auténtico e apaixoado home de teatro ó que tiven a oportunidade de mostrarlle na dedicatoria do libro a miña admiración polo seu traballo. Quero desde aquí agradecerlles a todos –moi especialmente a Sole, coa que o pasei pipa discutindo de política cultural– [….. ] esta primeira presentación pública do libro. Por catro horas me sentín como aqueles negros enmascarados e volvín para casa con folgos para poñerme a escribir. Agora o que me falta é tempo. Pero xa chegará o ano en que poda mandar ós pequenos á escola (e ben que os hei botar de menos). ¡Adiante coa Lonxa Literaria de Moaña!

"Case perfecto", a presentación da FNAC

Alfredo Ferreiro publica unha crónica moi atinada sobre a presentación de Case perfecto de Marina Mayoral, o primeiro acto que realizamos na FNAC coruñesa. Ana Abelenda fixo a presentación da novela e mantivo unha conversa completísima coa escritora mindoniense na que se foron debullando os temas e os enfoques deste trhiller psicolóxico sobre as lealtades no seo da familia. Interpelada pola xornalista da Voz, Marina confesou que escribía fundamentalmente por dúas razóns: para chegar á xente e para deixar tras dela unha pegada, recordando, entón, os versos cos que finaliza o soneto “Me destierro a la memoria” de Miguel Unamuno:

Aquí os dejo mi alma-libro,
hombre-mundo verdadero.
Cuando vibres todo entero,
soy yo, lector, que en ti vibro.

Etiquetas: