Limpeza de sangue: primeira crítica na rede

Xa advertimos hai máis dun mes do interese de Limpeza de sangue o premio Álvaro Cunqueiro 2005 de textos teatrais. Hoxe, cun pouco de retraso, coñecín a primeira crítica na rede. Inma López Silva valóraa moito, moito. Transcribo o parágrafo de remate da gabanciosa crítica:

“Non quero deixar de lembrar que Limpeza de sangue vai dedicada, entre outras persoas, a Roberto Vidal Bolaño. Sen dúbida, Roberto semella mestre en moitos aspectos desta obra, fundamentalmente na literariedade das acoutacións e na estrutura secuencial, pero tamén é verdade que Ruibal ten luz propia e amósase orixinal nun texto dramático cuxa gran virtude é saber oscilar entre a literatura, o teatro e mesmo o cine. Pode que sexa herdeiro teatral de Vidal Bolaño, pero Rubén Ruibal ten xa entidade propia no panorama teatral galego, ben acreditada a través de Limpeza de sangue. E seguro que Roberto se aledaría de que o baleiro que nos deixou no nivel creativo comece a ser menos espazoso.”

Parabéns, Rubén. Un moi bo comezo ( e decontado en Libro aberto).

Etiquetas:

Encontro do Plan de Bibliotecas

A asesoría de Bibliotecas Escolares preparou un gran programa para o novo Encontro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que terá mañá en Compostela. Mágoa non poder escoitar a Celaya e a meu admiradísimo Daniel Cassany, que impartirá unha conferencia co suxestivo título “Ler no século XXI”.

Vía: Comunicación Cultural.

O merchandising de Penguin


A mítica editorial Penguin, con motivo do seu setenta aniversario, acaba de sacar ao mercado unha liña de merchandising (tazas, bolsas, lapis e hamacas). Un fetichismo literario moi British do que tirar algunha boa idea. Hai que recoñecer que esta xente segue parindo magníficas ideas.

Vía: Laie.

Etiquetas:

Longa noite de pedra

Este cartel sobre un texto de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro formará parte da campaña “Libros a la calle 2007″ que durante o mes de abril se desenvolverá no metro e nos autobuses públicos de Madrid, Zaragoza (xestionados pola mesma empresa de Vitrasa) e Segovia. A lingua galega viaxará nestes medios para animar á lectura de poesía dos cidadáns. Hoxe día da poesía (parabéns, Fran) sería ben que as empresas de transportes municipais galegas emulasen a idea.

Armesto

X.F. Armesto proporcionoume a oportunidade de publicar a miña primeira colaboración en Faro de Vigo, hai agora vinte e catro anos, un feito que nunca poderei esquecer e non saberei como agradecerlle. Armesto foi o meu primeiro director, daquel Faro de comezo dos oitenta do Vigo de Soto que el quixo plural e galeguista.
Mais, Armesto pasará con letras de ouro á historia da literatura galega por ser autor de Cunqueiro. Unha biografía, unha das máis brillantes achegas á literatura biográfica escrita na nosa lingua. Un libro excepcional, unha rara avis, –premio da Crítica Galicia na categoría de ensaio e finalista do Premio Nacional– que tivemos a oportunidade de publicar en Xerais en 1987 sendo editor noso Luís Mariño, outra figura inesquecible.
Aquel libro ventureiro, escrito coa potencia e orixinalidade que lle correspondía ao biografado, reeditado en 1991, uniu para sempre as figuras de Josito Armesto e don Álvaro Cunqueiro, o seu mestre na redacción de Faro. Porén, non é feito menos relevante, que estas dúas figuras quedaron unidas no oficio de fabuladores do cotiá, no labor de contadores do extraordinario das pequenas cousas, oficios artesáns da literatura oral que Armesto desenvolveu alí onde o destino profesional o levase, fose durante tantos anos na redacción de Faro, e máis tarde, na dirección de Castrelos ou na da Universidade Popular ou como membro do Instituto de Estudos Vigueses, cátedras onde exerceu tan extraordinario maxisterio.
Armesto era un mestre en sacarlle ferro, coas armas do humor e da ironía que manexaba con galanura, aos acontecementos máis dolorosos ou complexos, mais, sabía, tamén, afiarlle a punta aos aparentemente menos relevantes que sucedían ao seu arredor. Narrados por el, todos parecían igualmente extraordinarios e relavantes. Unha marabilla!
Estou convencido que a biografía de Armesto, escrita dende a admiración e a profunda amizade con don Álvaro, contribuíu decisivamente a que moitos membros da miña xeración puidésemos redescubrir, fóra de prexuízos, a figura do mindoniense universal. Armesto, dotado dunha grande capacidade narrativa (mágoa que non se ocupase do xénero novelístico), artellou un relato vibrante, depurando milleiros de artigos e anécdotas, para ofrecernos a imaxe dun Álvaro de carne e óso que perdurará mil primaveras máis.
No entanto, Armesto, non é autor só dese libro, insisto excepcional nin de moitos outros traballos indispensables para entender a biografía cunqueirán. Publicou ademais unha fecunda obra arredor doutra das súas paixóns non menos oculta. Vigo, a nosa cidade revolcada de sal, ese volcán de dinamismos e contradicións que a todos nos vencella e que a el lle facía vibrar. Apupado polo editor Gonzalo Allegue de Nigra, Armesto publicou hai seis anos unha das obras máis fermosas e documentadas literariamente que se teñan feito arredor da nosa abella da ribeira, Vigo paixón atlántica. Anos antes, outro gran editor vigués Bieito Ledo animouno a escribir unha monografía sobre Baiona, apoiada nas fotografías do noso amigo Manuel G. Vicente.
Armesto era un pozo profundísimo de saberes e acontecidos; feito que coñeciamos os editores e aproveitabamos para realizarlle consultas eruditas que ninguén mellor ca el podía satisfacer. Aínda recordo unha das últimas conversas con el na Escola de Artes e Oficios cando lle fun consultar a posibilidade de editar a historia de Vigo de Avelino Rodríguez Elías, o que fóra cronista da cidade durante o período da IIª República. Armesto contoume daquela a lea na que trafegada, a redacción dunha biografía de Manuel Fraga Iribarne, da que nunca máis tiven noticia e, quizais, algún día se poida chegar a publicar.
Narrador natural e dotadísimo, erudito concienzudo e moi ben informado, persoa tolerante, agarimeira, das que o abrazo é a súa expresión primeira Armesto deixou un vieiro de humanidade desbordada que nos fixo un pouco mellores a todos os que tivemos a fortuna de coñecelo. Sexan para el e para a memoria dos seus, hoxe todas as nosas beizóns.
Etiquetas:

Produción editorial 2006

Xa aparecen os primeiros informes sobre a produción editorial en 2006. Os datos amosan que en Galicia continúa o aumento do número de títulos editados e diminúe a tirada media, as dúas variables que caracterizan o estado do sector. Se comparamos estes datos cos da semana pasada é doado concluír que vivimos instalados no paradoxo da inflacción editorial na indixencia lectora.
Eis a reportaxe de Faro e o informe do Correo sobre a cuestión.

Volta de torca

Dixéronme que o autor deste artigo é un dos valores emerxentes do BNG. As súas posicións sobre o caso Valadés supoñen unha volta de torca que mete medo. Acúsanos, como supostos “intelectuais da progresía”, de proporcionar “apoios nada espontáneos” (sic) á posición democrática dun militante nacionalista (deberiamos permanecer calados fronte a algo que nos semella inxusto?).
O artigo contén palabras mozas que rezuman posicións moi vellas no debate do nacionalismo galego. Toda unha andrómena daqueles que, despois de máis trinta de anos, non son capaces aínda de saír do seu cesarismo e volven debuxar liñas de exclusión (baseadas no que o autor do denomina “sentido común”) entre posicións “individualistas” (en “perspectiva biográfica e personalista”, as do disidente?) e colectivistas (“históricas”, as da organización?).
Sinto volver expresalo, mais manexando tan pobres argumentos como os anteriores, dificilmente imos para a frente. No es aixó, companys, nos es aixó.

Actualización (24-03-2007):

Actualización (26-03-2007):

Etiquetas: