En defensa do mandilón

A polémica do mandilón nas galescolas é moi clarificadora da curtedade de miras e dos escasos argumentos dos que tratan de minar por todos os medios ao seu alcance a valente política que se está levando dende Vicepresidencia na cuestión da Educación Infantil (EI).

A necesidade do uso do mandilón na EI (tanto por parte dos picariños como dos educadores) é algo incuestionable. A miña experiencia de oito anos como profesor de Infantil da rede pública demóstrame que o uso desta prenda é educativamente imprescindible. Dende o punto de vista da conquista da autonomía do alumnado (o primeiro obxectivo desta etapa educativa) permite o desenvolvemento das rotinas diarias de entrada e saída do centro, ademais do afianzamento de hábitos de orde, coordinación corporal e limpeza. Dende o do desenvolvemento da socialización entre iguais, o mandilón favorece a integración no grupo de todos os alumnos e alumnas, constituíndose nun dos referentes do espazo escolar. O mandilón (ou o chandal e a viseira nas saídas fóra do centro, para o caso, o mesmo) é na etapa infantil unha prenda educativa de primeiro orde (como ben comprenden as garderías privadas onde existe xeralmente un único modelo destas prenda de roupa, sendo de uso obrigatorio e, en moitas ocasións, vendidas polos responsables do centro).

Que razón existe, pois, para denostar na rede pública o que semella incuestionable na privada? Acaso sería criticable que nos sanatorios cada doente empregase o seu vestiario? Entendarían os que critican os mandilóns das galescolas que os cirurxiáns e enfermeiros non empregase as batas corporativas de cada centro sanitario? O feito de que Vicepresidencia pretenda que todos os picariños das galescolas teñan un mandilón bonito (deseñado con criterios educativos e co mellor deseño da nosa industria textil), do que se sintan orgullosas as familias e o persoal educativo, é outra mostra do esforzo por dignificar esta rede educativa, ata agora esquecida e secundarizada como meramente asistencial por parte dos gobernos conservadores (sabemos cántas prazas públicas deixaron en funcionamento os gobernos de Manuel Fraga?).

Quizais neste “matiz” se poida atopar a razón de tan absurda e ridícula polémica, coidadosamente amplificada por algúns medios e comentaristas con argumentos delirantes. Benvidos estes mandilóns de moda galega para os picariños das galescolas! Claro que si!

Etiquetas:

En Brétemas hai un ano, hai dous anos… (III)

  • Hai un ano no día de hoxe propoñiamos que na redacción do novo Estatuto se recollese o deber de coñecer o galego, o seu dereito a usalo en todos os ámbitos dentro do territorio de Galicia, ademais de promover a redacción dunha Carta de Dereitos Lingüísticos. Esta foi unha das cuestións que, teoricamente, impediron o acordo entre os lideres, a pesar (e isto está agora acreditado) que existía un acordo entre os voceiros dos grupos (o día anterior) de aceptar a fórmula da “igualdade xurídica entre as dúas linguas oficiais”.
  • Hai dous anos recuperabamos dúas frases de Eduardo Galeano sobre a memoria (“Creo na memoria como continuidade da vida. Non a memoria morta que nos convida a contemplar unha bolboreta cravada na parede.”) e sobre a esperanza esperanza (“A esperanza é unha cousa que se conquista cada día con moita dificultade e que cada día cae e se ergue cando está viva de verdade.”). Non perderon un chisco do seu interese.

Escenarios doentes

No artigo da semana recomendo a visita ás exposicións fotográficas Casas doentes de Manuel Sendón e Escenarios de Vari Caramés, das que xa temos falado no blog.

Zapatero e El Pais

O desencontro de El Pais con Zapatero, agravado tras o atentado de Barajas, é un feito ao que non parecen alleas as mudanzas que se están producindo na dirección de Prisa. A posible aparición dun novo xornal de esquerdas e o achegamento do presidente a El Mundo son síntomas de que algo importante se está movendo nos xornais de Madrid. Juan Varela ven seguindo atentamente o proceso. Recomendo as súas anotacións.

Etiquetas: ,

Os pendellos

Os pendellos d’Agolada son unha mostra do noso patrimonio vencellado á actividade dos feirantes. Xosé Vázquez Pintor reivindicounos no seu último libro da triloxía dos vellos oficios. Este vídeo –vía Falabarato (moitas grazas)– amósanos a necesidade de protección deste conxunto de arquitectura tradicional.

Etiquetas: ,

Pepe Iglesias

Desde hai anos perdéralle a pista a Pepe Iglesias, o gastrónomo asturiano-galego que hai case unha década preparara o Receitario estacional da cociña galega. Aquel fermoso e orixinal proxecto de catro títulos (hoxe difícil de atopar nas librarías) supuxo unha das achegas máis notables da bibliografía gastronómica galega. Agora, volvemos atopar a Pepe grazas ás marabillas da rede á fronte dun portal moi potente, premiado xa como o mellor web gastronómico de España. Recoméndable para os blogogastrónomos.

Etiquetas:

Dragona

Hoxe chegaron do prelo os primeiros exemplares de Dragona, a nova novela de Xabier Queipo. Presentarémola o xoves, día 8, no Dadó Dadá de Santiago (20:00 horas) e o día 9, no Verbum Jazz Café de Vigo (20:00 horas, tamén). En ambos os dous actos, Mister Choco pinchará algunha das músicas que aparecen na novela. O texto de promoción de Dragona que preparamos é o seguinte:

Na narrativa galega actual, Xavier Queipo é un dos autores que máis gravitan sobre o eixo Investigación + Desenvolvemento + Innovación Literaria. En Dragona, preséntanos unha “novela de personaxes”. Nunha cidade sumidoiro, cualificada polo autor como “A cidade do esteiro”, desenvólvese a vida dunha serie de personaxes atípicas chegadas dos catro cantos do mundo, que transitan entre a desesperación e a lubricidade, entre o comportamento fútil e as paixóns máis primarias. Dragona é unha novela con banda sonora e recreación no terreo se cada máis inexplorado da narrativa galega, aquel que analiza con precisión de cirurxián os sentimentos e as paixóns coma se fosen tecidos dun corpo único. Esta novela marca, para o autor, un antes e un despois na súa procura constante, na procura do que non se ve, deses lindeiros da incerteza, o que Cortázar chamaba “o outro lado”. Dragona é unha parábola do futuro que nos espera, que está aí, que xa chega.

Aquí pode descargarse o primeiro capítulo da obra. Boa lectura!

Etiquetas:

O novo Auster en galego

Hoxe foi un día importante para a edición en galego. O novo libro de Paul Auster apareceu simultaneamente nas catro linguas oficiais. Galaxia volve acertar, despois da exitosa edición de Brooklyn Follies, e ofrece aos lectores galegos Viaxes no Scriptorium, o que supón a consolidación da tradución simultánea no mercado noso dun dos grandes do noso tempo. Non hai dúbida que nos dous últimos anos –especialmente grazas a aparición de Rinoceronte e á decidida estratexia de Galaxia (prepara 27 traducións este ano)– vivimos un momento de euforia da tradución, un auténtico termómetro para coñecer a saúde do noso mercado. Ademais, á saída da reunión da Comisión do Libro e a Lectura (a redacción do proxecto de Plan de Lectura, previsto na Lei do Libro, quedou listo), confirmáronme o importante aumento das axudas da Consellaría de Cultura para a tradución (por primeira vez chegarán aos 200.000 euros), o que deberá permitir a consolidación desta oferta. No entanto, a clave está na reflexión que fai Gardalivros: “Cómpre agora que os leitores poñamos da nosa parte a disciplina e a práctica da leitura que se precisa para criar hábito. Non vaia ser que nos atopemos, parafraseando a Schiffrin, con traducións sen leitores.” Eu teño confianza que esta euforia se poida consolidar. Polo momento, beizóns para Galaxia pola continuidade da súa aposta pola tradución contemporánea.

Etiquetas: ,