Cervantes, Galí, Colón

Hoxe Ferrín publica en Faro esta fermosa elexía polas últimas librarías pechadas no país. Hai días, Salvador García-Bodaño tamén escribira sobre as súas librarías na lembranza. Moi recomendables estes dous textos de dous mestres.

Etiquetas:

Con Dionisio Pereira

Hoxe o historiador Dionisio Pereira viuse obrigado a declarar no Xulgado de Paz de Cercedo por mor da denuncia presentada contra el pola familia dun ex-alcalde falanxista desa localidade pontevedresa. Paréceme este un feito gravísimo contra a liberdade de expresión e contra a memoria das vítimas que o historiador recuperaba do esquecemento. Amosamos a nosa solidariedade co afouto investigador.
Dionisio redactou unha carta sobre o particular, dirixida aos seus compañeiros historiadores, que reproducimos na súa totalidade polo seu interese. O que relata dá moito que pensar sobre a estratexia dunha dereita recalcitrante que se resiste a aceptar o marco democrático.

“A familia (residente en Pontevedra) do antigo alcalde de Cerdedo (dende 1950) e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar, Manuel Gutiérrez Torres, familia que tamén está emparentada con outro falanxista de primeira hora, Francisco Nieto, tenme presentado unha demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de
Cerdedo, por publicar no libro “A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo” editado en 2006 por “Verbo Xido” a seguinte frase: “Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)….” . Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003.
Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, “en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno”.
Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a 7 veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. O problema é que só teño fontes orais, posto que como sabes, os paseos, as malleiras, os roubos, etc. non teñen a penas referencias documentais (só en casos moi excepcionais) e ficaron impunes. Ademáis, eu non utilizarei nunca as miñas fontes orais como testemuñas nun xuízo, porque non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademáis, son familiares directos dos asasinados.
En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento “per secula seculorum” da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes. A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva.
Entendo, pois, que isto sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros “incidentes” similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva.
Por algunhas informacións, me consta que a familia en cuestión tivo presións externas, non sei de quén, pero posibelmente de círculos da dereita, para presentar a demanda. Polo tanto, se temos en conta as ameazas que comezan a proliferar, podemos estar no comezo dunha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática, aproveitando os innegables trazos conservadores (por utilizar unha expresión suave) do aparato xudicial: daqueles polvos da Transición, veñen estes lodos.
Podes facer uso desta información da maneira que creas máis convinte. Envíoche tamén un comunicado que fixo a directiva da asociación “Verbo Xido” por se queredes adheriros: trataríase de envialo rápidamente á prensa co maior apoio posíbel de colectivos e persoas. En calquera caso, nós estamos polo labor de facer algo conxuntamente.
Outra cousa: o domingo 18 a partir das 12h ate as 17 h. a Asociación de Mulleres “Espadela” celebra no Pavillón de Deportes Municipal a VIIª Festa da Vincha. Pois ben, convidaron a “Verbo Xido” a que puxeramos un posto de libros de autores da bisbarra; daquela, aproveitando o convite, imos facer unha venda masiva do libro en cuestión. Como pode haber rexeites por parte dalgún elemento montaraz da potente dereita local, estamos facendo un chamamento aos amig@s e correlixionari@s a que nos fagan unha visita, tomen un viño, proben a vincha, e nos arroupen coa súa presenza e impidan que haxa ningunha saída de tono dos carcas. Así que xa sabedes, se vos animades a vir pola montaña…..
E máis nada. A ver en que queda todo isto. Saúde Dionísio Pereira”

Actualización (16-2-2007): Centos de persoas avalan o traballo de Dionisio.

Crónica dende a Habana

Indispensable esta crónica de Fran para coñecer qué está sucedendo estes días na Feira do Libro da Habana, onde o vindeiro ano seremos país convidado. As xestións que iniciara o pasado ano a presidencia da AGE deron o seu froito. “¡Sálvese quien lea. Viva el libro!”

Limpeza de sangue

A publicación de textos dramáticos non é moi frecuente no noso sistema editorial (o teatro é o grande xénero esquecido da nosa edición). Acabamos de tirar do prelo unha nova colección teatral, a “Biblioteca Dramática Galega”, unha serie de deseño renovado que substitue a veterana “Os libros do Dramático Galego” que viñamos coeditando co IGAEM. Os tres primeiros títulos son Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2005; Farsa de Bululú de Manuel María e O que ocorreu despois de que Nora abandonara ao seu home ou os piares da sociedade de Elfriede Jelinek (a premio Nobel austríaca). No vindeiro mes de marzo aparecerá Ocaso Otero de Manuel Guede, premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2006; Boas noites de Paula Carballeira, premio Manuel María para textos dramáticos infantís 2006 e a tradución de Casa de bonecas de Ibsen. Tamén temos case rematadas as obras dramáticas de Francisco Taxes e Manuel Varela Buxán, que aparecerán dentro da Biblioteca das Letras Galegas. Entre esta oferta dos tres primeiros títulos entendo moi relevante a publicación da peza de Rubén Ruibal, unha peza que esculca os límites dunha amizade inimaxinable entre dúas persoas que coinciden azarosamente no cuarto dun hospital. Recoméndoa moi vivamente.

Colombia e o fomento da lectura

Parolei en dous momentos diferentes do día con senllos amigos que me relataron a súa alegría diante do esforzo de animación lectora que viviron en Colombia, especialmente en Bogotá, Cali e Medellín, cidades que dedican un parte significativa do seu orzamento á lectura. Xa a pasada semana escoitara dúas entrevistas radiofónicas a Sergio Fajardo, o alcalde de Medellín, un político atípico (el autodenominábase “político do seculo XXI”), nas que explicaba que o proxecto de rexeneración cívica e democrática no que estaba comprometido o seu equipo (Compromiso Ciudadano) baseábase na educación e, moi especialmente, no fomento da lectura e das bibiotecas. Mágoa que este discurso esperanzado aínda non calara o suficiente na nosa clase política que considera a lectura como unha parte máis das políticas culturais. Debemos insistir, emulando o lema do Plan Nacional de lecturta do país de Gabo: “GALICIA tamén debería medrar lendo”.

Etiquetas: ,

A crise libreira

Onte mantivemos unha importante reunión dos tres sectores profesionais vencellados co libro en Galicia: editores, libreiros e distribuidores. Compartimos estratexias sobre a nova Lei do Libro, Lectura e Bibliotecas (a chamada “lei do prezo fixo” con carácter xeral, coa excepción do libro de texto dos niveis obrigatorios, en trámite no Congreso), ademais de poñer ao día a información dispoñible sobreos dieferentes modelos de gratuidade (especialmente alentador foi coñecer que xa son numerosas as comunidades que este curso implantaron o cheque libro, Asturias, Cantabria, Murcia ou Madrid).
O miolo da xuntanza foi o traballo sobre o informe, promovido pola AGE, que investiga sobre a viabilidade industrial do libro en Galicia e as consecuencias que supuxo a implantación da modalidade de préstamo do libro de texto. Cremos que este informe proporcionará datos para comprender a envergadura da crise na que está inmerso o sector. A pesar dos datos moi preocupantes que van chegando, na reunión mantívose un ton esperanzado. Como tantas veces temos expresado aquí, non é o momento de deixarse caer nos brazos da desolación. Promover mudanzas profundas na política cultural é a estratexia na que estamos comprometidos.
Recomendo a información publicada hoxe por medios sensibles a estas preocupacións:

En Brétemas hai un ano, hai dous anos… (IV)

  • Hai un ano no día de hoxe celebrabamos a vitoria do Celta fronte ao Villarreal nun gran partido no que presentaba a súa candidatura europea. Nada que ver coa triste situación desta tempada.
  • Hai dous anos faciamos a crónica da presentación no Ferrol de Veu visitarme o mar. Precisamente estes días comezamos a edición de Ao pé do abismo, o novo libro de Rosa Aneiros que aparecerá na colección Crónica na primavera.

O deber de coñecer o galego

Este artigo, publicado hoxe na edición de Galicia de El Pais, non me parece inocente. Baixo a aparencia dunha documentada argumentación xurídica, cuestiona a constitucionalidade do deber de utilizar o galego como lingua vehicular da Administración Educativa Galega. Ben sería que outras voces autorizadas no eido da lexislación sobre o uso da lingua galega ofrecesen o seu criterio de autoridade.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXII

Á DERIVA
A pesar de que acudimos a Balaídos ilusionados, a inapelable derrota diante do Espanyol volveunos demostrar que o Celta desta tempada padece unha grave doenza. As mudanzas no once inicial, incorporando as dúas discretas fichaxes de inverno, e a utilización, durante a primeira parte, dun novo esquema (4-4-2) modificaron moi pouco a fasquía dun equipo que volveu ofrecer un tristísimo espectáculo. As tenues melloras que supuxo esta estratexia fóronse ao garete aos vinte minutos cando Luis García marcou o primeiro gol dos periquiños, facilitado por tres erros consecutivos no despexe dunha defensa en permanente período de rebaixas. Tras o descanso, coa entrada de Gustavo López pola banda esquerda (á que lle é propia), a colocación no centro dun Canobbio moi activo e coa recuperación do seu esquema táctico tradicional (4-2-3-1), o Celta recuperou autoridade atacante e creou as mellores ocasións de gol de moitos meses. Un espellismo que durou só dez minutos. A incomprensible entrada de Nené (o que levou a Gustavo á dereita) e o gol de Pandiani, tras un contragolpe moi ben levado por Rufete, murcharon todas as esperanzas dos celestes de marcar. A partir de entón, amosaron a faciana da súa impotencia e a bancada a división que suscita a continuidade do adestrador. A indefinición na dirección técnica (onte demostrouse que Vázquez vacila por ónde tirar) e a falta de compromiso do cadro de xogadores (con algunhas honrosas excepcións, como as de Pinto e Oubiña) semellan ser os dous problemas principais deste equipo de cristal, que despois de vir amosando a súa preocupante fraxilidade nos tres últimos meses, esnaquizou nas dúas últimas xornadas toda a súa credibilidade diante dos seus seguidores. O Celta continúa á deriva, sen temón nin máquina dentro e fóra do campo. Nas vindeiras xornadas, a posibilidade do descenso vai pesarlle coma unha lousa. Que medo, mi madriña!

Etiquetas: