Ten moita razón Náufrago lamentando o escaso consumo de produtos culturais da poboación galega. Os datos presentados polo Ministerio de Cultura son contundentes: no ano 2004 cada galego gastou en cultura unha media de 160 €, moi lonxe da media estatal de 224 €. Un índice que nos sitúa nos tres últimos lugares entre as Comunidades Autónomas, superando só a Castela-León e Extremadura.
Os editores galegos xa botáramos esta conta no referente ao consumo de libros é o resultado é moi semellante. En 2004 cada galego gastou en libros unha media de 47 € (inclúense os libros de texto con só dous cursos de préstamo), mentres que a media española foi de 65 €; cifras que volven a colocar a Galicia entre as tres comunidades que menos gastan en libros por habitante. Outro dato a ter moi en conta é que o total das vendas de libros (a prezo de libraría) supuxo en Galicia 144 millóns de euros, un 5% das totais do Estado, cifra moi inferior á da nosa poboación (6,6%) ou a porcentaxe da achega do noso PIB (5,8%) ao do Estado. Se a estes 144 millóns lle quitamos os 40 que se gastan en libros de texto, quedamos cunha facturación de pouco máis de 100 millóns de euros para todo o mercado do libro non escolar. Noutras palabras, os galegos gastamos moitos menos en libros do que nos correspondería por poboación e por capacidade adquisitiva.
Dificilmente poderemos desenvolver un sector de edición competitivo e unha rede de librarías de cultura tupida e de calidade en Galicia cun mercado interior do libro tan perezoso (a pesar de contar con lingua propia) e raquítico. Ampliar este mercado, a base de lectores e lectoras, semella a prioridade da nosa política cultural. Sen apostar por cocer máis pan da cultura, o demais será seguir botando foguetes para a galería. Ou non?