Ánimo, Juan!

Hoxe Juan explica a razón do seu silencio durante os últimos quince días. O blog deste betanceiro, instalado en Madrid, é un dos referentes de xornalismo na rede máis rigoroso e incisivo. Todos os nosos abrazos para el.

Chuza.org

Paréceme unha iniciativa magnífica a de chuza! Un espazo que se define como

un sitio de novas galegas que emprega un control editorial non xerárquico. Calquera pode enviar historias e a comunidade de internautas é quen as valora, as comenta e decide se publicalas na páxina principal, de forma que non intervén nunca a figura do editor…

Paga a pena que sexan os lectores os que ponderemos a información. Todo un reto concienzudamente deseñado. Beizóns, outra vez para, Berto.

1º Encontro galego-portugués de blos

Vía Rogerio anúnciase a convocatoria do 1º Encontro galego-portugués de blos para o vindeiro outubro. Semella unha boa oportunidade para dar a coñecer a vizosa realidade dos 1032 blos galegos (obrigados debemos quedar a Calidonia pola súa esculca e polo seu magnífico radioblog) e establecer un maior contacto cos irmáns blogueiros de alén Miño.

Aniversario de Galicia encantada

O pasado ano dabamos noticia da posta en marcha de Galicia encantada, a primeira enciclopedia na rede da fantasía popular en Galicia. Estes días celebra o seu primeiro aniversario. Dende aquela non fixo máis que medrar e incorporar novos contidos, converténdose xa nun dos espazos máis atractivos da rede en galego. Creo que particular interese teñen os espazos dedicados á investigación e á didáctica da fantasía. Outrosí a consulta de toponimia, de lugares da Galicia desparecida e o adicado aos xogos populares. Reitero a miña recomendación a aquelas persoas que aínda non coñezan sitio tan marabilloso.
Beizóns para o traballo de Antonio Reigosa e o equipo técnico!

A ilustración da meiga dos dentes verdes é de Noemí López.

Os merdeiros de Vigo

Ás portas xa do Entroido, no artigo da semana, unha ano máis, volvo propoñer a revitalización da máscara do merdeiros.

U-la túa casa?

A túa casa está onde están os teus libros.

De que están feitas as palabras?

As palabras están feitas de material inflamable que se incendia ao rozalas coa imaxinación. (Octavio Paz)

Recomendo ver devagariño este vídeo-post de Barbol construído só con palabras e música.
Obrigado a Txetxu e a Moebius polo magnífico enlace.

Discreción

Este home case se enteira de todo. O que publica hoxe demostra que ten moita razón María, a quen onte lle oín dicir nunha entrevista, que lle fixeron na radio a raíz da aparición deste blog: “os blogueiros non poden ser persoas que deban gardar discreción”.
María: entón, que debo facer eu (non me quero comparar co MHP, madia leva!)?: abandonar a miña profesión ou deixar de escribir as brétemas?

Máis feeds novos

Incorporo aos meus feeds dous blos que deixaron hoxe comentarios: moito obrigado, Breogán (escritor) e Leco (editora).

Verderón

Onte pasei case todo o día viaxe. Ao mediodía presentamos un libro no vagón dun tren e pola tarde din dúas conferencias consecutivas na cidade guindastre.
A experiencia do tren demostroume que continúa sendo interesante procurar espazos singulares para presentar un libro. A vella locomotora santiaguesa e o coqueto Verderón (noutrora de primeira e terceira, ao tempo), reconvertido en aula de cultura, servíronos para dar a coñecer a epopea dos homes da vía e para reflexionar sobre o papel do tren na promoción da lectura. Os fotógrafos non pararon de tirar e mesmo puxémonos no posto do maquinista (preguntábame cómo se pode parar semellante bicho?).
Na primeira conferencia da tarde coñecín a dous grupos de estudantes do Ciclo Superior de Artes gráficas, moi curiosos e participativos. Sorprendeume que se interesasen tanto polas cuestións tipográficas e de economía editorial.
Na segunda, reuninme cun foro de profesoras do CEFORE para falar de cómo concibía as relacións entre o autor-editor. Comprobei con satisfacción que algúns blogueiros tiñan alí moitos seguidores. Foi un pracer debater de literatura e edición con xente tan ponderada e ben informada, o que non é moi frecuente.

Préstamo 2006/2007

Antonio Vázquez, Director Xeral de Formación Profesional, presentounos hoxe na reunión da Comisión de Seguimento de Gratuidade do Libro Escolar o que serán as maiores novidades do programa de préstamo para o vindeiro curso:
  1. Reposición do 80% dos libros de 1º e 2º E.P., do 5% do resto dos cursos do programa (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e de 2º de ESO). Ademais do 100% das áreas que cada centro de primaria imparta en galego en 5º (para adaptalos así á nova normativa ortográfica).
  2. Extensión do programa de gratuidade a 4º de ESO, cun valor estimado por alumno/a de 230 € (26.000 alumnos, seis millóns de euros).
  3. Estúdase a posibilidade de que o pagamento se realice por medio da partida de “gastos de funcionamento” de cada centro, o que para o vindeiro curso requirirá a autorización dunha modificación de partida orzamentaria. Con todo, este sistema é o que se utilizará a partir de 2007.
  4. A reposición dos libros será tramitada polas direccións dos centros.
No posterior debate entre os membros da Comisión (onde estamos presentes, ademais de representantes dos sectores profesionais do libro, representacións dos sindicatos do profesorado, de ANPAS, patronais do ensino privado e membros da Xunta Autonómica de directores de centros educativos públicos) debateuse moito sobre a posibilidade que se abre de que sexan os centros os que xestionen a compra dos libros, unha vella proposta da Xunta de Directores amparada no principio de autonomía na xestión dos centros que recoñece a lexislación educativa. Outrosí, sucedeu coa rebaixa da reposición dos libros ao 5% (a metade do que establecía o programa creado polo PP), medida xustificada tanto polas posibilidades orzamentarias como pola experiencia do bo estado de conservación dos materiais.
Ambas as dúas medida, poñen máis en cuestión o precario papel da rede de librarías de proximidade, continuando os pasos seguidos por modelos de préstamos europeos, hoxe en aberta crise.
A pesar das boas intencións, expresadas polo presidente da Xunta e da conselleira de educación na reunión que mantivemos o mes pasado, as medidas anunciadas para o vindeiro curso son claramente continuistas con respecto ao modelo anterior do PP. Semella que o seu compromiso de estudar a modificación do modelo de gratuidade e todas as alternativas que se poñan sobre a mesa quedará adiada para o vindeiro curso (2007-2008) cando comezará a implantación dos novos currículums da Reforma Educativa en marcha. Unha medida que, tal como están as cousas, parece realista.