Non hai volta de folla: gústame
A CORUÑA.
Gústame esa cidade dona-peixe que naceu da auga e do sal do mar. Gústame “a cidade que ergue a cabeza altiva sobre os mares” de Curros Enríquez. Gústame “a baía feita de azul, luz e cristal” do poeta Manuel María. Gústame sentir como rabuña alí o mar ártabro, moito máis irado ca no sur. Gústame camiñar pola súa beiramar sentindo o efecto salgado das areíñas de pedramol. Gústame camiñar dende o Orzán ata a Mariña, co desexo de atopar algún dos homes mariños ou algunha das mulleres orzanas, que fabulou o pintor
Xaime Cabanas; esa especie de sereas coruñesas, con cara de carioca, sempre pegadas ás pedras, que chaman polos mariños. Gústame esa cidade atlántica, cosmopolita e enxebre, galega de banda a banda.
Gústame percorrer os peiraos coruñeses dende o Muro ata a Dársena e comprobar que aínda existen cidades dispostas cara o mar, cidades nas que os seus habitantes poden disfrutar a plenitude euforizante provocada pola marusía. Gústame subir á Torre a enxergar o horizonte ou desviarme a buscar a raiola de punta Herminia, nos cantís onde se espetou o Mar Exeo.
Gústame coller o tranvía, que noutrora subiu as costas da Alfama lisboeta, diante do cárcere baleiro, un medio de transporte turístico que recuperou un embaixador que soubo conservar intacta a súa magnífica fonética galega, ademais de intentar mitigar os problemas sentimentais dos seus conveciños. Gústame ese seu atrevemento por abordar a síndrome Siboney, ese sentimento colectivo de perda, mesmo de culpa, por non ter evitado a desaparición do tranvía eléctrico que atravesaba os Cantóns, naquel
tempo Siboney das cancións bonitas e dos cantantes preciosistas coruñeses como
Pucho Boedo, o vocalista da orquestra Os Satélites.
Gústame perderme pola Cidade Alta, noutrora amurada, descubrindo novos cafetiños elegantes, ocultos nas rúas estreitas e empinadas ou nalgunha das súas prazas de calma, pequenas e estrañamente silenciosas. Gústame baixar á Pescadería, hoxe o centro da cidade, noutrora arrabalde de pescadores e comerciantes, ese istmo acariñado polas ondas, onde a cidade se estreita entre as praias de Riazor e Orzán e a Dársena onde atraca a flota de baixura.
Gústame pasmar nas terrazas de María Pita. Gústame entrar en Munin ou na Casa do Xamón. Gústame a tortilla e a carne asada do Penela. Gústame ir ao
Dublín e gorentar unha tostada. Gústame ir aos Mallos para gozar da tapa de orella prensada do bar Los Claveles. Gústame xantar no Pil Pil e deixarme aconsellar pola sabedoría tranquila de
Luís. Gústame subir aos Castros para probar os ribeiros da adega O Cenlle. Gústame seguir ata Monelos e pasar unhas horas nos
Peteras dos Belés, o templo da canción cascarilleira, a taberna de Cesáreo que resiste, entre os grandes murallóns dunha falsa modernidade, e onde se canta e se bebe con exquisita elegancia.
Gústame esa Coruña progresista, liberal, laica, culta soñada pola actriz
María Casares, por
Jenaro Marinhas del Valle, por Carlos Martínez Barbeito. Gústame
a Coruña das
Escolas do Insiño Galego de Ánxel Casal. Gústame a Coruña do neno
Pablo Picasso, dos pintores
Urbano Lugrís, Luís Seoane e Reimundo Patiño. Gústame a Coruña dos poetas Miguel González Garcés, Luz Pozo Garza, Xulio López Valcárcel, Manuel Álvarez Torneiro, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés, Lino Braxe… Gústame a Coruña das novelas de Luis Rey Núñez, Xosé Ramón Pena, Xosé Fernández Ferreiro… Gústame a Coruña dos artigos de
Xosé Manuel Pereiro e dos textos de
Pawley. Gústame a Coruña das repichocas de Sofía de Labañou e
Xurxo Souto, gústame a Coruña recuperada nos seus
Contos da Coruña, a memoria anónima dunha cidade distinta. Gústame a Coruña d’
Os libros arden mal de
Manuel Rivas, iluminada por una lanterna mariña.
Gústame a Coruña das librarías Lume, Xiada, Couceiro, Sisargas, Nós ou Colón. Gústame visitar a
Casa dos Peixes, o acuario coruñés, concibido como a Casa das Ciencias e a Domus, con tanto gusto arquitectónico como con interese lúdico e educativo. Gústanme as exposicións do Kiosko Alfonso. Gústame o teatro Rosalía de Castro. Gústame o museo de Belas Artes e a nova
Fundación Luís Seoane.
Sobran outros argumentos: gústame
A CORUÑA.