Federico García Lorca en Lugo
/en Efemérides, Eventos/por bretemasDediquei boa parte da tarde a revisar as primeiras probas do que será o próximo libro de Alonso Montero, Anxel Fole, García Lorca e os Seis poemas galegos. Trátase dunha edición moi actualizada dun traballo anterior do Profesor, que será editada polo Concello de Lugo con motivo dos actos que o Foro pola Memoria Republicana de Galicia organizará en Lugo o vindeiro 28 de outubro, para lembrar a celebración do noventa aniversario da primeria visita de Federico á cidade da muralla.
Este novo traballo do Profesor (estamos preparando, tamén, a edición do seu groso volume Intelectuais marxistas e comunistas en Galicia. 1906-2006) deita unha mirada moi esclarecedora sobre as presenzas lorquianas en Galicia e sobre as motivacións, o proceso de escrita, a edición e a recepción dos famosos Seis poemas galegos.
Particular interese tivo para min a lectura do testemuño de Francisco Lamas (membro destacado da revista Yunque que dirixía Fole) que afirma que Federico escribiu en media hora, o 22 de novembro de 1932, o seu primeiro poema en galego, na trastenda dun comercio de gramolas que tiña en Lugo Luís Manteiga. Interesante, aínda que achegando unha versión diferente, é tamén o testemuño de José López Cabanillas, que relata o acontecido naquela mesma noite de Federico en Lugo, despois de pronunciar unha conferencia sobre a pintora María Blanchard, afirmando que o poema foi redactado na casa de Ramón Martínez López, despois de que Federico recitase o “Rey de Harlem” (unha marabilla!) e algúns outros poemas que logo se publicarían de forma póstuma en Poeta en Nueva York. Fose nun sitio ou noutro, o que non hai dúbida é que aqueles primeiros versos lorquianos do Madrigal agromaron en Lugo, como testemuña a copia autógrafa de Federico (que reproducimos no volume) e que quedou en poder (como unha alfaia) de Francisco Lamas.
Outra importante novidade do volume, froito do traballo de furón de biblioteca do Profesor, é a recuperación da reseña de Roberto Blanco Torres (publicada en El País de Pontevedra en febreiro do 36, apenas seis meses antes de que fose cuneteado) sobre a aparición dos Seis poemas galegos. Con todo, o famoso texto de Álvaro Cunqueiro (“Poesía, craridade”), publicado en El Pueblo Gallego (tamén en febreiro do 36), constitúe unha das máis fermosas críticas sobre poesía galega que teño lido. Eis un dos parágrafos máis luminosos (dos que a actual crítica galega debería tomar boa nota):
Federico García Lorca regálanos oxe con seis poemas galegos que son gaita, nadal i-outras frescuras. A lingua anterga il apremia profonda e di con ela a i-alma finísima. Aquela ágoa que non desemboca, aquel mirar que tanto mira. I-a nosa lingua apenas tivo nunca de estraño galano maior. Eu amo no verso de Federico García Lorca a lixeireza do mundo, a lediza das froles, o amor perdido das cantigas, o decir romántico das formas i-o antiguor esmerado e fermoso. Festa é oxe na pequena lingua d-a dozura i-a craridade diste verso nos goza a todos.Etiquetas: Lorca, AlonsoMontero, Poesía
Pepa A Loba
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasNas vindeiros semanas aparecerá nos andeis das librarías Pepa A Loba, a novela de raigame histórica de Carlos G. Reigosa, sobre a muller por antonomasia do bandoleirismo galego. A verdade é que a memoria desta afouta e rebelde capitá de gavela, que acadou sona no século XIX por máis de media Galicia, medrou imparablemente nunha lendahistoria forxada polo pobo dende entón, para ofrecer, ao cabo, a imaxe libre e inapreixable que hoxe temos dela. Unha muller indómita e combativa, malia as duras adversidades que sufriu.
Enfrontamento galego
/en Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasFernando Vázquez gañoulle comodamente a partida a Luís Cesar, no primeiro enfrontamento de adestradores galegos desta tempada. Gustoume moito o espírito contra atacante do Celta, sobre todo nas combinacións dese triángulo formado por Nené e Cannobio co noso John Deere Baiano. Fronte a un rival coraxudo, amosamos que posuímos doses de calidade suficientes, alén de serenidade e disciplina defensiva dabondo, para gañar con facilidade en case calquera campo. Polo que vimos hoxe, semella que esta tempada os de Fernando van xogar máis cómodos e vistosos nos seus desprazamentos ca en Balaídos.
Mágoa desa lesión grave de Lucas (arrepiaba na pantalla ver como se esgazou o nocello, ten fractura), un rapaz que promete moito e que estaba formando unha eficaz sociedade de ataque con Gustavo (a súa velocidade é a maior sorpresa nosa deste inicio da liga). Esta vitoria dará azos aos celestes para preparar con maior confianza o encontro decisivo do xoves co Standard de Liexa (adestrado, desde hai uns días, polo antigo porteiro Michel Preud’homme, que fala un portugués moi fluído). Por certo, o xoves sairemos cediño para Bélxica coa Federación Peñas na que agardamos sexa a primeira viaxe futbolística da tempada europea.
Ler e escribir en Galicia
/en Historia, Lectura, Novidades/por bretemasEstes días rematei de ler o último libro do catedrático Narciso de Gabriel, Ler e escribir en Galicia, unha investigación (merecedora do premio Concepción Arenal) sobre a alfabetización dos galegos e galegas dende 1860 a 1990.
Como é adoito neste autor (o noso primeiro estudoso sobre historia da lectura e da alfabetización en Galicia), o traballo (moi rigoroso e metodoloxicamente ben dotado) presenta numerosos cadros de datos estatísticos que permiten reconstruír de forma moi precisa o proceso de desenvolvemento demográfico e alfabetizador do país (datos desagregados por sexos, provincias, por comarcas e mesmo por concellos, o que supuxo para o autor un esforzo hercúleo). Entre todos eles, quedeime con dous que, a pesar de ben coñecidos, me parecen moi significativos para comprender a situación demográfica e territorial de Galicia na actualidade:
Primeiro: mentres que A Coruña e Pontevedra duplican os seus habitantes desde 1860 a 1991, Lugo perde case un doce por cento e Ourense un catro, o que leva consigo unha progresiva concentración da poboación nas dúas provincias occidentais.
Segundo: a progresiva redución do peso de Galicia na poboación española, que pasa do 11,48% en 1860 ao 6,91% en 1991 (o peso da emigración foi decisivo). En 130 anos Galicia aumentou a súa poboación apenas nun millón de habitantes.
Alén da recollida dos resultados cuantitativos da investigación, tamén é de moito interese no libro o capítulo dedicado a precisar os conceptos de alfabetización (a capacidade de ler e de escribir) e analfabetismo funcional, moi útil para sinalar a importancia do dominio da mecánica da lectura, a escritura, o cálculo e a súa aptitude para utilizalas en situacións concretas. Un libro valioso, que merecería unha maior divulgación fóra da comunidade académica.
Mestre Viascón
/en Música/por bretemasRecordo de Manuel
/en Autores, In memoriam/por bretemasAlmiral Mouchez lembra neste blog, moi oportunamente, que hai hoxe dous anos morreu Manuel María. O autor de Brétemas do muiñeiro e Muiñeiro de brétemas foi quen escribiu: “Un poema é un ser vivo que anda, respira, soña, chora, salouca, ama, berra, cintila e escurece, (…) E nunca morre”. As palabras de Manuel seguen vivas connosco.
Ollo coas faragullas!
/en Sociedade, Vigo/por bretemasNon hai dúbida de que dende hai unha boa tempada os pronunciamentos da Federación de Asociacións de Veciños de Vigo sonche moi institucionais e disciplinados.
Esta semana non nos sorprendeu (xa estamos afeitos) que poucas horas despois de que a alcaldesa anunciase que o Concello de Vigo escollera Cabo Silleiro para que a Xunta ubicase alí unha macrodepuradora, a disciplinada directiva da nosa FAVEC apostase no seu comunicado entusiasta “por un modelo metropolitano para a xestión das augas” (sic). Que marabilla!, o problema do saneamento da Ría e os cheiros podres da depuradora do Lagares arranxados nun plis plas polo bendito interese da nosa incansable rexedora.
Mais, se isto non abondase para abraiarnos, o comunicado publicado onte pola vocalía de sanidade da FAVEC (como se de responsables da concellaría de sanidade ou medioambiente se tratase) pasará á antoloxía dos manuais de educación para a saúde. Pola súa contundencia e claridade non merece comentarios que o entorpezan.
Así que ben sabedes, meus amiguiños, non rabeedes coma repugnantes e facede caso a esta boa xente da FAVEC que tanto sabe: tede moito coidadiño con botar as faragullas ás pombas da Alameda ou botar as espiñas dos xurelos ao gato, podedes estar propagando infeccións e doenzas a eito.
Se mo contan, creo que é outra lenda urbana. Meu deus, en que mans está o glorioso movemento veciñal vigués! Non estará algúen facendo méritos apresa?
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Castelao 758 de Xaneiro de 2025 - 11:12 a.m.
- Aniversarios 20257 de Xaneiro de 2025 - 10:51 a.m.
- Brétemas 20 anos3 de Xaneiro de 2025 - 5:40 p.m.
- Axendas1 de Xaneiro de 2025 - 10:44 a.m.
- 2025, quere celebrado con ansia e esperanza31 de Decembro de 2024 - 4:27 p.m.