María Mariño
/en Autores, Efemérides/por bretemasUn dos momentos máis emocionantes que vivín estes días foi comprobar a gratitude que as herdeiras de María Mariño sentiron polo nomeamento da noiesa do Caurel como figura homenaxeada nas Letras 2007. As catro sobriñas da poeta, xa bastante maiores, viven en Madrid e Euskadi (onde tamén chegou a emigrar a nosa “poeta dinamiteira da linguaxe” antes de casar con Roberto Posse Carballido, mestre de Parada do Caurel). Maite Martín Barrenechea, a sobriña neta e voceiro da familia, díxome que están moi orgullosas de descubrir as súas raíces na fala nosa.
O nomeamento de María Mariño –coincidindo co centenario do seu nacemento e o corenta cabodano do seu pasamento– é unha boa oportunidade, tamén, para que a sociedade galega descubra unha voz ignorada que para Ferrín, nun artigo publicado en La Noche en 1964, é unha “poeta abisal, posuidora dunhas vivencias líricas en nivel máximo”. Creo que o vindeiro 17 de maio asistiremos a un importante pulo desta efeméride tantas veces criticada.
A Galicia desaparecida
/en Cultura/por bretemasAntonio Reigosa envíame as últimas actualizacións da súa Galicia encantada. Proponnos unha viaxe de verán por algunhas das vilas da Galicia desaparecida. Visitar virtualmente Alcaián, Gaifar, Ancos ou outras cidades mergulladas por dioivos ou maldicións paga a pena. Este sitio continúa sendo un dos máis interesantes da Galicia virtual. Insisto en recomendalo.
Libros e tecnoloxía
/en Edición, Tecnoloxías/por bretemasVía Libreros chego a este espazo monográfico de Literaturas sobre Libros e tecnoloxía. Interesante para facerse cunha idea xeral sobre o debate no que vimos insistindo.
Fallado o VIº Premio Lecturas de Galix
/en Cómic, Literatura infantil e xuvenil, Premios, Xerais/por bretemasHoxe coñecimos o fallo do VIº Premio Lecturas de Galix, outorgado por xurados de lectores e lectoras de diversas bibliotecas aos mellores libros de literatura infantil e xuvenil en galego do ano 2004. Foron os gañadores Raquel ten medo de Agustín Fernández Paz e Marina Seoane (na categoría de 7 anos e na de mellor libro ilustrado); Eu son adoptada, e que? de Xosé Antón Neira Cruz (na categoría de 8 a 11 anos); O solpor da Prehistoria de Pepe Carreiro (na categoría de 11 a 14 anos) e Campos de Cuba de Fran Jaraba (na de maiores de 14) foron os gañadores. É moi significativo que os dous últimos títulos premiados fosen libros de cómic, o que demostra a aposta dos lectores novos por esta narrativa debuxada.
Mala gente que camina
/en Narrativa, Novidades/por bretemasO día da inauguración da Feira un libreiro amigo recomendoume Mala gente camina, a novela mías recente de Benjamín Prado. A pesar de ter unha semana moi atarefada, roubei o tempo ao sono para ler compulsivamente as catrocentas páxinas desta novela expléndida que “bucea nas augas máis negras do franquismo”, a do roubo dos nenos das presas republicanas durante os días da guerra e os anos da posguerra. Ficionando a suposta biografía de Dolores Serma, unha escritora amiga de Carmen Laforet, asistimos da man de Juan Urbano, un profesor de instituto un chisco descrido, a reconstrución da miserable sociedade dos primeiros anos da Ditadura.
O título, tirado duns versos de Antonio Machado (“Mala gente que camina / y va apestando la tierra”), amosa que obras literarias como esta –ou como as recentes de Suso de Toro ou Rivas, ás que nos vimos aquí referindo– son os mellores vieiros para achegarse á verdade que nos foi ocultada. Benvidas sexan estas novelas que nos enfrontan no espello da condición humana e permiten achegarnos ao proceso de construción colectivo da memoria.
Agradezo moi sinceramente o consello deste libreiro competente e, coma el, recomendo esta importante novela de Prado.
"Gracias por mirar por mi futuro"
/en Política, Vídeos, Vigo/por bretemasRivas na Torre
/en Autores, Presentacións, Xerais/por bretemasRivas iniciou a súa intervención na torre, despois de subirmos case douscentos banzos, advertindo que a súa non era unha novela histórica nin unha novela de guerra civil. Definiuna como novela armilar –utilizando a figura da esfera armilar, construída coas diferentes órbitas dos astros– na que moitas vidas se van entrelanzando e na que os obxectos e os espazos teñen un grande protagonismo. Entre eles citou a casa de Panadeiras 12, onde viviu Casares Quiroga; o balón do “Dilligent”, o primeiro balón de fútbol que chegou á Coruña nun barco; a lanterna do policía Paúl Santos, capaz de ver por si mesma; ou a cámara fotográfica de Leica, un dos protagonistas da novela. Insistiu no carácter de seres vivos que teñen os libros na novela, xa que cando son queimados son descritos polos cheiros. A ese teor, sinalou que o episodio da queima dos libros na Dársena coruñesa, sucedido o 18 de agosto de 1936, ten un papel central na novela na medida que interrelaciona a moitas persoas de distintas extraccións sociais. “Os libros que arden cheiran a pel humana. Un cheiro que vai impregnando a toda a cidade”.
Despois de ler dúas páxinas da obra referidas ao triángulo da Torre, confesou que a novela amosa “unha escrita permanentemente en vilo, intentando que as palabras tivesen carne e óso”. Para o autor, formalmente atravesa a novela un trhiller, a cabalo da serie negra de intriga, entre o político e o policial; mais tamén, para el, ofrécese outro tipo de trhiller, o da historia dramática da cultura, xa que se realiza unha viaxe ás tripas do fascismo español e aos alicerces da Coruña de tradición republicana e libertaria. Rematou a súa primeira intervención, evocando a diferenciación que realizara Melville entre “literatura pel vermella” e “literatura rostro pálido”: “Esta novela é claramente pel vermella”.
Contestando ás preguntas realizadas polos xornalistas, Manuel Rivas profundizou en diversas cuestións. Interpelado sobre a relación entre historia e ficción, lembrou a frase de John Ford, “o que fago non é realidade, mais é verdade”, para indicar que intentara que a esfera armilar pousara na Coruña, vítima dun Farenheit real. “Pretendín escribir unha historia universal, ao tempo que pretendín universalizar a Coruña. Cada lugar é ou pode ser o centro desta esfera”. Referiuse logo a importancia da Coruña, durante o período entre repúblicas, como a cidade librepensadora do Atlántico. “Unha das historias que se contan na novela é como fanaron esa cidade. Intentei achegarme á vida real das persoas, algo que só se pode realizar dende a literatura, para proporcionar unha información esencial, un ADN ou xenoma humano que non se pode desenvolver nada máis que dende a literatura”.
Preguntado sobre cáles eran as expectativas que tiñan sobre a novela, Manuel Rivas contestou que “pretendín dar algo novo, que os lectores tivesen unha ollada máis ampla sobre certas cousas. O importante son os outros. Creo na xustiza, non na revisión histórica. Creo que se deben contar as verdades descoñecidas”.
Sobre o marcador de lectura, que se inclúe na novela, o autor sinalou que a reprodución desa primeira páxina da publicación libertaria coruñesa, “Brazo e cerebro”, correspondente ao 15 de xullo de 1936, é moi reveladora xa que anuncia tanto o golpe fascista como convida a participar nunha viaxe para participar en agosto na festa dos Caneiros. “Esta é unha grande metáfora: un río que é festa de vida, foi nese ano río de morte. Trinta e dúas persoas apareceron como descoñecidas e nunca recuperaron o seu nome. As primeiras persoas paseadas na Coruña foron unmenor de idade e un libreiro, chamado Eirís, que tiña a súa libraría en San Nicolás”.
A derradeira das cuestións sometidas á consideración do autor xirou arredor da presenza da cultura popular. Rivas sinalou que “na novela aparecen bibliófilos, xente que colecciona libros e biblias, que nos momentos decisivos da historia teñen comportamentos noxentos. Porén, aparecen persoas que nunca leron un libro e que durante o episodio da queima son as que están máis horrorizadas, porque están sentindo a dor dos que nunca leron un libro. A literatura permite abordar estas contradiccións”. Por último, sinalou que en toda a novela hai unha dimensión dionisíaca e de goce erótico, baseada nos textos da cultura popular, dende a celebración do entroido, a xente das orquestras e dos bailes, as praias nudistas dos anos vinte e trinta, as salas de festas e os teatros…
Localicei na rede informacións sobre os dous actos nos seguintes medios:
- Faro de Vigo.
- La Voz de Galicia (tamén unha magnífica crítica de Sandra Faginas no suplemento Culturas, que non consigo localizar na versión dixital deste xornal).
- El Ideal Gallego.
- El Correo Gallego.
- La Opinión da Coruña.
Mais a grande ledicia do día foi atopar as primeiras impresións da lectura da novela por parte de Folerpa.
Unha lei para a lectura
/en Cultura/por bretemasManuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- IESCHA6 de Novembro de 2024 - 8:47 a.m.
- Media táboa6 de Novembro de 2024 - 8:43 a.m.
- O manifesto atlántico de Rivas5 de Novembro de 2024 - 9:42 a.m.
- Pacto pola lingua30 de Outubro de 2024 - 9:47 a.m.
- Marta Souto29 de Outubro de 2024 - 9:34 a.m.