Marful

Este disco, que escoitei por vez primeira hoxe, é unha auténtica marabilla. Outro grande chimpo para a música de noso. Vai mercalo. Se non te chega este mundo, faite astronauta!


Blúmsdei

A vindeira semana aparecerá nas librarías Blúmsdei o novo libro de Cid Cabido. A pesar de que o autor prefire que nos seus libros non aparezan nin paratextos nin currículums (o libro aparece espido, só co título e apelidos do autor), transcribo a presentación que acabo de preparar para os medios:

“O autor narra, en tempo real de escritura, durante once días, os acontecementos nos que participou na xornada do 31 de maio de 2005, ofrecendo un texto ininterrompido de 127 páxinas que comeza coa seguinte frase: “A sociedade é unha especie de cona enorme con dentes de tabeiron”. Afastándose das convencións da narrativa de ficción clásica, empregando a adxetivación especular ou simétrica e os constantes cambios de rexistro idiomático, o autor apostando por liñas de literatura de investigación, ofrece como fío principal dun texto, que carece de argumento, o decorrer do seu blúmsdei particular na paisaxe do Morrazo. A oralidade (escribir exactamente como se fala) como ruptura coa ficción convencional, considerada como un paternalismo do autor cos lectores; e a consideración do autor como un ser humano que expresa a súa visión da realidade, caracterizan este texto de Cid Cabido, inserido nas liñas de vangarda da narrativa contemporánea. Unha clara volta ás orixes da literatura concibida como expresión artística e vía de coñecemento”.
Etiquetas: , ,

Gabanza da cereixa

Convidáronme hoxe a pronunciar o pregón da XXIª edición da Festa da Cereixa de Beade, unha festa gastronómica na que se exalta ese froito doce e carnoso que producen cincuenta mil cerdeiras viguesas. Aí vai un extracto do texto que preparei:
“A cerdeira, árbore da familia das Rosaceae, é irmá das amendoeiras e curmá dos pexegueiros e ameixeiras. Arboriña de orixe incerta, don Álvaro Cunqueiro dixo que a trouxo o xeneral Lúculo a Roma dende a localidade de Kerasos (de aí ven o seu nome latino Cerasus), ubicada na costa do Mar Negro, espallándose decontado por todo o Imperio e atopando en Galicia terras que lle foron moi ben. Fose ou non certa esta versión de don Álvaro, que reivindicou o país noso como de moita froita (as mazás camoesas, tabardiñas e roibas, pavías, peras urracas, claudias verdeais, noces, amorodos, nísperos, arándanos, sorbas…), a cerdeira en Galicia é tan vella coma a lingua nosa, razón pola que podemos considerala como un dos sinais da nosa identidade. Os galegos somos un pobo que papa nas cereixas dende hai máis dun milleiro de anos. A cereixa é outro dos nosos símbolos nacionais, como os xaponeses teñen o “sakura”, unha caste decorativa de cerdeira que non dá froito. Emulando ao meu amigo o escritor Manuel Rivas, a quen logo volveremos citar, somos comedores de cereixas e devecemos por elas todo o ano porque, como as sardiñas da ardora, anuncian a chegada do verán.
Os galegos comemos toda caste de cereixas, sexan as doces (as chamadas mollares e garrafais) ou as agredoces (as guindas). Aínda que de todas elas, son as de Beade as máis sabedeiras e as que teñen máis sona: sexan as branca do cedo, as branca do tarde, a negra tardía ou a picuda ou de pico, que tamén así se lle chaman ás que os estremeños denominan “picotas”. E gostamos das cereixas, e máis aínda das de Beade, por que como pobo ben informado coñecemos os seus efectos beneficiosos.
Papamos esa drupa carnosa e globulosa porque, ademais de proporcionarnos o pracer de gozar do aroma condensado da terra bretemosa, é unha froita moi rica en vitaminas e en minerais como o ferro, calcio, magnesio, potasio e xofre, que se cre protexen contra o cancro. Ben dotadas de azucres, as cereixas proporcionan, tamén, a quen as toma moita enerxía, razón pola que se considera posúen propiedades rexuvenecedoras, antidepresivas e, mesmo, afrodisíacas. Permitídeme que me deteña nestas tres cuestións que non quero pasen desapercibidas.
Semella demostrado que os consumidores habituais de cereixas mocean e mesmo combaten as gorduras debido ao efecto diurético da súa inxesta moderada (en cantidades moi elevadas pode producir outros efectos menos desexables). Efecto depurativo e diurético que, segundo os naturópatas especialistas en Fitoterapia, permite o lavado de todo o organismo eliminando as toxinas acumuladas no corpo. Efecto que se pode intensificar se preparamos unha infusión cunha presa dos rabos que deixamos a remollo durante unha noite e a mañá fervemos nun litro de auga durante vinte minutos.
Efecto antidepresivo que se consegue tanto se tomamos uns cantos acios ou unha presadiña delas ás once como na tardiña, o que lle permitirá ao organismo aumentar a utilización de osíxeno, potenciar a función cardíaca e, mesmo, e isto é moi importante, outorgar moito optimismo a quen as consume. Non o dubiden, cando se noten un pouco baixos de ánimos ou deban afrontar un problema menor, a vida dános moitas pancadas destas cada día, tomen unhas cantas cereixas e xa verán como poden rular bastante mellor. As cereizas son mellores que o prozac.
Pola súa importancia, deixamos para o remate a exaltación do carácter afrodisíaco das cereixas, entendo que especialmente das picudas. Non teñan dúbida, as cereixas son a froita do amor por excelencia. A cereixa é unha froita erótica, tanto pola súa forma globulosa, polo seu tamaño brincadeiro, polas súas cores atractivas (que abordan todos os matices dos vermellos), como, e isto semella o máis importante, polo seu carácter estimulante da comunicación e da aperta. Manuel Rivas foi quen mellor inmortalizou literariamente esta idea cando escribiu o seu coñecidísmo relato “¿Que me queres amor?”, que comeza deste xeito (atendan, por favor):

Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical.

Velaí a descrición do chamado bico de cereixa, un achádego literario que moi ben podemos emular. A esta altura, non parece prudente continuar con este sarillo, mais todos vostedes comprenderon con apenas catro liñas de Rivas o que pode provocar xogar dese xeito cun óso dunha picuda de Beade. Pode ser memorable.
En fin, comer nas cereixas é un pracer para os sentidos que, por riba, se o facemos sen o fanatismo dos excesos, ao corpo lle fai moito ben. Un pracer que pode gozarse ao natural, en sobremesas memorables como as que se presentan a concurso nesta festa, ou enchoupadas en licor envellecido polas guindas. A cereixa é un froito extraordinario que a natureza nos legou e que a humanidade mimou para o seu goce futuro”.

Etiquetas: , , ,

Xa falamos

Ao fío da iniciativa de Marcos Valcárcel e Alfonso Vázquez-Monxardín, no artigo da semana reflexiono sobre a necesidade dunha proposta optimista e en positivo para recuperar falantes activos mozos.
Etiquetas: ,

Literatura participativa

A raíz dos comentarios que fixemos recentemente algúns blogueiros galegos, Juan Varela publica un texto imprescindible para entender o futuro da literatura na rede. Insiste na nova literacidade (á que tantas veces nos temos referido) como un dos elementos que axudan a explicar o éxito dos escritores blogueiros e denuncia que, porén, que hai escritores blogueiros que desperdician as posibilidades da nova textualidade (hipertextualidade e multifuncionalidade) empregan o soporte dixital como se dun analóxico impreso se tratase (reflexión atinadísima, que comparto ao cen por cen). Para min o máis interesante da Rede é que as novas posibilidades técnolóxicas son, tamén, novas posibilidades creativas; en definitiva, o cerne da deboura da literatura na rede está na nova textura da textualidade electrónica que abre as portas á participación do lector e a unha escrita multifuncional, intertextual e hipertextual de posibilidades creativas aínda descoñecidas.

Juan, abrindo un debate na rede, fai dez propostas para unha LITERATURA PARTICIPATIVA:

1. Abrir la obra a la hipertextualidad, la asincronía y la participación.
2. Explotar la dinámica dialógica, hipertextual y cronológica y evitar la redundancia con el papel.
3. Recuperar la oralidad del blog, tan necesario para refrescar la literatura.
4. Explotar la intertextualidad creativa y el valor cero de la copia para crear.
5. Fragmentar, acortar y crear caminos hipertextuales donde el lector elija la composición de la obra. El lector compone la obra.
6. Literatura multimedia.
7. Clicwriting: escritura basada en el golpe instantáneo y en la concomitancia de escritura y edición (Yépez);
8. El aforismo y el esquema como puerta de la biblioteca y la obra.
9. Emplear la blogosfera, los wikis o los foros de discusión como contacto directo con los lectores y debate sobre la obra.
10. Enriquecer el dominio público y la cultura libre. Lo que se crea en red se comparte en la Red sin el apego a los derechos de autor para estimular la participación y alimentar la creación de otros sin cortapisas.

Plano Nacional de Leitura

Vía Alcameh teño noticias do Plan Nacional de Leitura que se pon en marcha en Portugal. Semella que a consideración da lectura como eixo das políticas culturais públicas, con especial atención ás bibliotecas escolares, é un feito xa incuestionable. No caso portugués algunhas das liñas estratéxicas máis salientables (coincidentes en boa medida co plan galego) son os seguintes:

  • Alargar e diversificar as acções promotoras de leitura em contexto escolar, na família e em outros contextos sociais.
  • Contribuir para criar um ambiente social favorável à leitura.
  • Assegurar formação e instrumentos de apoio.
  • Criar e manter um sistema de informação e avaliação.

Este plan portugués a cinco anos propón o desenvolvemento de programas específicos en función de públicos: Ler é un desporto (13 a 18 anos), Un livro, un amigo da palavra (mozos universitarios sen hábitos de lectura), Leitura sem fronteiras (hospitais, cárceres, centros de maiores…). Así mesmo, establece programas específicos paras as bibliotecas públicas (Ler antes de ler, Já sei ler, A conquista do leitor) familias (Leitura á par), como escolas (Está na hora dos livros, Está na Hora da leitura), nas que se propón que se lle dedique unha hora diaria.

Un plan interesante que merece ser estudado con atención en Galicia, precisamente cando está a punto de aprobarse o noso.

Vamos torcer pelo Brasil!

Recomendo vivamente este minuto e medio de debuxos animados en Flash, chegado dende Porto Alegre.

Socorro!

Volven as celebracións franquistas ás rúas de Sal.
75.000 € en papeliños.
Socorro!
Etiquetas: