A locomotora
Discutindo sobre a cuestión de Fenosa, ben ao anel o artigo de Camilo.
Discutindo sobre a cuestión de Fenosa, ben ao anel o artigo de Camilo.
A noticia non constitúe unha sorpresa. Para min foi este un dos mellores libros de narrativa que lin este ano. Alberto Méndez -un dos editores e fundadores da editorial Ciencia Nueva, unha das pechadas por Fraga cando era ministro de Información- xa fora recoñecido na primavera co Premio da Crítica. Méndez morreu o pasado mes de decembro, deixándo sen concluír unha novela sobre o comisario Yagüe, o que tirou pola ventá a Julián Grimau e ao propio Alberto Méndez.
Un recoñecemento póstumo, literaria e humanamente, ben merecido.
Grazas a un comentario que hoxe publicaron neste blo, sabemos do proxecto de Rinoceronte editora. O proxecto de Moisés R. Barcia, tradutor de Tolkien e antigo responsable do Cartafol, iniciará a súa andaina cunha tradución de Julian Barnes e con outras importantes novidades de literatura europea. Felizmente algo se está movendo no mundo editorial galego con estas novas propostas, ás que decontado se engadirán outras. Boa travesía, Rinoceronte!
Náufrago propón a Philip Roth, Jaureguizar a John Updike, e por que non, pensar en Jostein Gaarder? Este chavaliño (ten cara de rapaz) noruegués, que formalmente escribe para mozos e mozas, e aínda sen traducir ao galego, seméllame contar con méritos e escrita abondos para merecer o Nobel. É autor de obras marabillosas e irrepetibles, como O enigma e o espello. Porén, a min prestaríame máis que fose Ferrín, mais temo que este ano haberemos agardar.
Foi así o de Fenosa?
No artigo da semana, a partir da experiencia do Sárdoma F.C., fago unha reflexión sobre a importancia formativa das escolas deportivas de base e a necesidade de que sexan apoiadas polos poderes públicos.
Creo que a experiencia de montar pequenas bibliotecas de libro galego neste tipo de clubes deportivos podería ser ensaiada noutros eidos da nosa vida asociativa. Asombroume a receptividade dos xoves futbolistas coa lectura en galego. Non todo van ser lamentacións, tamén hai moitos motivos para a esperanza e para o entusiasmo.
Sei por vilaweb da celebración nas bibliotecas norteamericanas da Semana dos Libros Prohibidos para reivindicar a liberdade de expresión. A información sinala que nos Estados Unidos sempre hai escolas, institutos ou bibliotecas que prohiben algúns libros que lles resultan incómodos, xeralmente os relacionados coa temática homosexual, aínda que o libro máis censurado é The Chocolate War de Robert Cormier, unha denuncia da corrupción e da crueldade. Existen libros prohibidos ou censurados entre nós?
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).