Con Lorenzo Varela en Monterroso
/en Efemérides/por bretemasO acto de onte en Monterroso foi moi orixinal e relevante. As dezanove alocucións sobre a figura de Lorenzo Varela, trenzadas coas actuacións musicais de Mini e Mero e Lorena Lores, teceron unha panorámica completa sobre a vida, a obra e a significación política e cultural do noso poeta do desterro.
Ademais das alocucións –algunhas moi notables, como as de Carlos Callón e Daniel Salgado (os dous oradores máis novos) ou o clasicismo de don Xesús (que rematou a súa peza de catro minutos exactos sobre “Lorenzo Varela e a revolución” cunha cita memorable de Ernesto Cardenal: “Somos soldados derrotados dunha causa invencible: a humanidade“)– foi importante, na clausura da xornada, o compromiso que amosou o presidente Touriño coa causa da recuperación da memoria do exilio e a potenciación da cultura de noso. Xestos coma este debemos recoñecelos con entusiasmo, xa que demostran que, efectivamente, vivimos nun tempo novo de esperanza.
Artigos sobre o préstamo e a política do libro
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Libro de texto/por bretemasO libro e as Novas Tecnoloxías
/en Eventos/por bretemasContra Maquieiro
/en Novidades, Poesía, Xerais/por bretemasO grande mestre organizou estes textos, absolutamente inéditos, en catro grandes apartados:
I. “Contra Maquieiro” (o corpo de trinta poemas que dan título ao volume);
II. “Cuarteto con Alemaña” (catro poemas de verso moi longo);
III. “Ex Senectute” (seis poemas)
IV. “Profecía de Taramundi” (dezanove versículos, case prosas versificadas ao xeito bíblico).
O poemario constitúe unha revista ao século XX, dende a guerra de Cuba ata o seu remate. Velaí os tres primeiros versos do libro, que constituirá o número 10 de Xerais Poesía e aparecerá nas librarías galegas nos primeiros días do mes de novembro:
Dáme Razón un lóstrobo de sombra
pra eu ver a casa dos oprobios os lugares
cóncavos nos que o meu tempo fosforeceu
O heroe
/en Autores, Novidades, Teatro, Xerais/por bretemasO heroe está protagonizada por Arturo Piñeiro, alias Caronte, ex lexionario, ex boxeador coñecido como Robinson, quen atende a barra de La Boîte de Pandora, un bar portuario, onde se ofrecen combates de boxeo e loita libre, abertos e pechados cos fados que interpreta Lucía, a súa muller. Todo se axitará na penumbra do local coruñés coa presenza dos Homes de sombra e coa chegada agardada de Anna, a pintora, e de Lanzarote, o loitador antifranquista, vendedor de máquinas de escribir, que recita fermosos poemas de amor. Caronte arrastra o culto á pena de Marte, a forza daqueles que gabeando a ras de chan tentan non perder o temón da súa vida, demostrando que a resistencia contra a morte e o tirano aparece nos lugares máis imprevistos, sendo protagonizada polos seres que viven nas abas da vida, defendéndose coas verdades gardadas nos ósos das palabras.
O heroe, a primeira peza teatral de Manuel Rivas, escrita con trazos de ironía e dureza, sitúanos nun presente recordado, entre un episodio histórico do franquismo e a contemporaneidade, para mergullarnos nunha subversión do concepto de heroe como culto ao guerreiro. Esa falsa idea do valor que paira de novo sobre o noso tempo.
A edición d’ O heroe será presentada, coincidindo coa súa estrea, en Ourense na tarde do 15 de outubro.
Inmersión no ensino
/en Educación, Lingua/por bretemasMágoa que a modalidade de inmersión lingüística no ensino, durante os gobernos Fraga, fose unha posibilidade que se rexeitou de raíz, aducindo a especificidade do modelo galego, acuñado como de “bilingüismo harmónico”. Todos apostamos por un modelo de galeguización educativa, que semellaba axeitado (sobre todo na utilización do galego como lingua vehicular de determinadas áreas), mais que, porén, non foi respectado nin potenciado como debera. Afortunadamente, esta importante recomendación europea abre de cheo o debate sobre un modelo de galeguización alternativo, sobre todo nas idades temperás, que permitiría recupera o pulo normalizador, nos últimos anos, tan atemperado na escola. Agardamos que a nova Secretaría de Política Lingüística, ademais de desenvolver o Plan de Normalización, aposte, tamén, por estudar novos vieiros (como o da inmersión temperá), para potenciar o fráxil proceso de galeguización do ensino.
Antoloxía de colofóns
/en Edición/por bretemasEsta mañá o profesor Alonso Montero propúxome facer unha antoloxía dos mellores e máis atinados colofóns da edición galega. Sei que foi unha das súas brincadeiras, satisfeito como estaba pola chegada do novo libro que nos preparou para a homenaxe desta fin de semana.
A tradición do colofón das edicións literarias, que se remonta á creación da imprenta, non debería perderse. Esa anotación que se colocaba de forma caprichosa na última páxina impar dos libros para indicar o nome do impresor, lugar e data de edición, festividade do día ou algunha outra circunstancia é un sinal do coidado e do mimo que o editor puxo nas tarefas que lle son propias. Pegadas, pois, do traballo do editor, que se deixan para os que reconstrúen a historia e a memoria da edición.
Transcribo o magnífico colofón do libro que preparou Alonso Montero e que entendo merecería formar parte desa antoloxía:
Négaronse a asinar a notificación de sentencia dun tribunal de covardes e caeron ás seis da mañá dando un viva á liberdade.
Gaiás e Nunca Máis
/en Cultura/por bretemasMoi atinada a proposta de Marcos Valcárcel na súa andoliña de hoxe.
2006, Ano da Memoria
/en Cultura/por bretemasO equipo da Consellaría de Cultura vai concretando os seus ilusionantes proxectos. Hoxe anunciou a súa intención de converter o vindeiro 2006 en Ano da Memoria, así como de crear nas illas de San Simón un Centro para a Memoria. Sinxelamente, magnífico!!!
O 70 aniversario do inicio da Guerra Civil debe converterse nunha homenaxe as vítimas da represión e nun alicerce dunha auténtica cultura da memoria roubada. Beizóns para a determinación de Luís Bará e da conselleira Ánxela Bugallo por medidas tan oportunas.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.