Listado de la etiqueta: xardín_desordenado

Todo chega desde o mar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Todo chega desde o mar (Medulia 2022), a primeira novela de Santiago Ferragut:

Unha das técnicas da concellaría de Cultura designada como membro do Padroado de Historia prepara unha serie de artigos sobre os principais episodios da historia de Vigo para ser publicados no xornal centenario. Concibida como a procura da cerna da cidade, a esculca levará á historiadora a afondar nos naufraxios ocorridos no interior da ría de Vigo durante o século XX e logo a centrarse nos acontecementos dos últimos anos da ditadura, con especial atención sobre aquela folga de setembro do setenta e dous, na que dez mil obreiros paralizaron Vigo durante case un mes con argumentos políticos, máis alá dos estritamente laborais, acontecemento que as persoas entrevistadas citaban con saudade mais en cuxos detalles ninguén quería entrar. Así arrinca a trama de Todo chega desde o mar (Medulia 2022), a primeira narración de Santiago Ferragud, unha engaiolante pescuda na memoria viguesa, unha achega novidosa dende a novela histórica ao catálogo cada día máis amplo e diverso do Vigo literario.

Ferragud, a quen coñeciamos como músico e compositor, cantor de poemas, integrante de Xardín Desordenado, reconstrúe nestas páxinas documentada co rigor e o detalle do historiador e escritas co alento do narrador natural, os episodios esenciais da historia dunha cidade ocupada sempre no seu difícil e convulso presente, mais que ten conciencia que o seu pasado a compromete. Aquí están dende a presenza da pequena vila de pescadores atacada por Pedro Madruga no século XV, durante o reinado dos Reis Católicos, pasando pola incursión de Drake un século despois e a batalla naval de Rande de 1703, até o pulo acadado pola frota corsaria viguesa dos Marcó del Pont de fins do século XVIII e a expulsión heroica dos franceses, que permitiu ascender a Vigo de vila a cidade (1810), mito fundacional do Vigo contemporáneo. Mais non esquece o autor a memoria recente recuperando acontecementos que até agora permanecían case inéditos, como  os últimos fusilamentos franquistas de setembro de 1975, entre eles o do vigués Xosé Humberto Baena, a do primeiro atentado do GRAPO e a traxectoria dalgúns membros deste grupo armado ao longo de vinte e cinco anos até o asalto ao furgón blindado da estrada provincial.

Episodios que permiten entender as orixes dunha cidade á que todo chega desde o mar: as ideoloxías e as lendas, os animais exóticos e as invencións mecánicas, mais tamén as crebas e restos de naufraxios que alguén, nalgún afastado lugar, deixou de amar. Episodios transformados en mitos que agora nos seducen e agrupan aos vigueses, que nos explican como un porto refuxio, unha fronteira de tráfico incesante, entre o infortunio e a quimera. Episodios que desvelan, ademais, testemuños que sobrevivirán á negación e ao esquecemento, algúns estremecedores como os do sendeiro das bágoas do 36 cos que se vai pechando a novela. Velaí o retrato do xeneroso alcalde Martínez Garrido, fusilado en Pereiró, coma o primeiro, Heraclio Botana, ambos os dous socialistas. Velaí a crónica do inferno da illa de San Simón, convertida en lazareto polo visionario e optimista Nicolás Taboada Leal. Velaí a narración do sucedido dentro do bou Eva ou o asasinato da Calesa que voceaba os vespertinos na Porta do Sol, onde o 20 de xullo caeu abatida por unha baioneta a primeira vítima viguesa do alzamento.

Cos vimbios dunha memoria fértil e dun amplo coñecemento histórico, coa forza e credibilidade dunha voz recoñecible e unha modulación poética sutil no urdime dunha prosa coidada, o autor ofrece unha excelente novela histórica na que retrata un Vigo de salitre e aceiro construído sobre o anfiteatro da ría coa ollada sempre enxergando o horizonte das Cíes e coa súa cidadanía pendente de todo o que chega desde o mar. Esta é a novela dun Vigo orgulloso do seu pasado obreiro, portuario e fabril –velaquí a importancia da conmemoración do cincuenta aniversario do setembro de 1972, epopea viguesa homenaxeada nestas páxinas–. Con todo, e a pesar das actuais manobras de ilusionismo ao que está sometido, a de Ferragud é a novela dun Vigo que non se distrae nun tempo de hibridación e mudanza nas incertezas do seu atarefado presente de porto atlántico, produtor e distribuidor de automóbiles e embarcacións, que continúa escrutando o seu futuro nos camiños do mar, dos que falaba con fachenda Valentín Paz Andrade. O autor, como a súa incansable narradora, sabe que as cidades non existen se non son relatadas. Todo chega desde o mar é o relato dese Vigo inmorredoiro da memoria, desa teimosa abella da ribeira que permanece sempre aparentemente durmida, volcán de dinamismos e contradicións, célula que contén todas as Galicias posibles no que teimosamente acreditamos o mellor porvir para os netos dos nosos netos. Recomendo vivamente a lectura e parabenizo polo logro ao seu autor.

Onte 1593: Caldo de groria para Rosalía

Padron_24-02-2016

Celebramos onte o día de Rosalía en Padrón presentando a edición crítica de Follas novas preparada por Anxo Angueira. A profesora Chus Senín cualificou o traballo de Angueira de “rigoroso, exhaustivo e pormenorizado, incidindo en aspectos silenciados, como o compromiso coa muller”. Chus Senín analizou as dimensións do feminismo rosaliano, que concibe a muller como suxeito político e social, e salientou o compromiso que Rosláia expresa en Follas novas coa política do seu tempo.

XG00247301No seu discurso Anxo Angueira relatou a xénese de Follas novas, “un libro da Restauración borbónica, fillo da crise e do fracaso político, o seu pesimismo e o seu escepticismo político teñen as raíces nese momento histórico”. “Follas novas supón un salto consciente con respecto a Cantares gallegos, sendo un libro profundamente feminista, onde a muller é un suxeito literario e político. Un libro que canta ás Penélopes que quedan, soas e abandonadas, elas son a nación galega.” Referiuse despois á poética do libro onde están presentes “a dor, a soidade, as sombras, o eu subxetivo, mais tamén a dor en sociedade, o sufrimento comunal”. Angueira salientou que en Rosalía “a soidade vai máis alá da saudade” e afirmou que o triángulo entre “saudade, Galicia e Roslía”, establecido por un grupo de galeguistas dos anos 50 era falso. “Follas novas é un libro materialista, onde a soidade ten que ver coa exclusión do ser humano da súa comunidade. Así está retratada a exclusión en textos como “Estranxeira na súa patria”.

Para Angueira “Follas novas é un libro de crepúsculo, do outono, onde está presente a poética do adeus. É un libro de adeuses, como o de Manuel Antonio. Un libro de despedidas. A vida é un continuo despedirse, todo flúe. Hai amor, pero hóuboo, xa pasou. A visión deste libro é dura, realista, pesimista.” Rematou Angueira referíndose á poética da nación en Follas novas. “Non esquezamos que Galicia é a palabra coa que rematan os prólogos de Rosalía. A nación está presente en Follas novas. A nación de todo o pobo que sofre. Son as mulleres as que sosteñen a nación. A que se rebela, a que colle a fouciña na man para facer xustiza. Follas novas é un libro soportado pola s mulleres. A de Rosalía non é un visión esencialista, para ela non hai nación sen horizonte, sen proxecto. A nación en Rosalía é materialista”.

Xardin_desordenado

Despois do extraordinario concerto rosaliano de Xardín desordenado, Angueira convidou na Pulpería Rial a medio cento de persoas a compartir o “Caldo de groria”, unha experiencia para gozar en cada Día de Rosalía daquela receita dun “caldo de groria” que Rosalía recolleu no poema “Vin de Santiago a Padrón“. Despois de lembrar os versos “Con un pouco de unto vello / que o ben soupen aforrar / e ca fariniña munda / xa tiña para cear. / Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar”, Angueira insistiu que esta iniciativa que se ensaiaba por vez primeira pretende “facer unha homenaxe á resistencia do pobo galego, unha homenaxe a Rosalía na intimidade familiar e amical”.