Listado de la etiqueta: vigo_1979

Vigo 1972

Dediquei o artigo desta semana no Faro de Vigo á longametraxe documental Vigo 1972 de Roi Cagiao:

Dende hai catro semanas o público enche cada día unha das salas de Multicines Norte, onde se proxecta “Vigo 1972”, a longametraxe documental, escrita e dirixida por Roi Cagiao e producida por Emilio J. Fernández, que reconstrúe durante máis dunha hora o relato diario de quince xornadas heroicas nas que as mobilizacións obreiras de Vigo e a súa bisbarra puxeron nun brete ao réxime franquista e contribuíron ao seu desgaste pola súa loita a prol das liberdades democráticas e dereitos sociais. Un éxito rotundo ao que non é alleo o feito que, corenta e cinco anos despois, sexan as voces autorizadas dalgúns dos protagonistas daqueles días –líderes sindicais e políticos como Waldino Varela, Juan Bacariza, Elvira Landín, Camilo Nogueira, Carlos Núñez, Juan Benavides, Pilar Pérez, Margarita Rodríguez, Francisco Lores ou Carlos Barros–as que vaian enfiando na pantalla e de forma coral e escasamente nostálxica unha historia emotiva que forma parte do carácter cívico e solidario da nosa cidade obreira e portuaria.

Os que temos máis de cincuenta anos conservamos algún fío da memoria familiar do que sucedeu dende aquel sábado, 9 de setembro, no que a Comisión Obreira de Citroën organizou un paro parcial na quenda de tarde, en demanda dunha semana laboral de 44 horas, o que se chamaba “sábado inglés”, unha reivindicación xa acadada en boa parte das grandes empresas. Esa mesma tarde a dirección da factoría respostou de forma esaxerada e despediu a nove traballadores, entre os que estaban tres cargos sindicais. A escalada do conflito comezou o luns 11, cando nunha asemblea os traballadores de Citroën (daquela arredor de 4.500) decidiron non volver ao traballo mentres os despedidos non fose readmitidos, así como formar os primeiros piquetes para recabar o apopio do resto de factorías viguesas. Así se produciron os primeiros paros, dalgunhas seccións de Santo Domingo, Barreras e Vulcano, aos que nos días seguintes se incorporaron os cadros de persoal doutras empresas, tanto do metal como doutros sectores (Freire, Refrey, Reyman, Ascon, Censa, Álvarez, Artiscar, Yarza…), até que o día 15, venres, na folga participaban 30.000 obreiros de 24 factorías, ás que sumaron en momentos puntuais as empresas do transporte urbano (Vitrasa e os “rusos” de Martínez), o que repercutiría con intensidade en todos os eidos da vida cidadá.

A evolución dos acontecementos desviou a inicial reivindicación laboral do sábado inglés, a faísca do conflito de Citroën, cara a outras de carácter máis socio-político e de inequívoco carácter antifranquista. A denuncia da “carestía da vida”, dos “impostos abusivos” e do “negocio da educación”; a denuncia das actuacións e torturas policiais; a reclamación da readmisión dos despedidos; a esixencia de “Liberdade, “Democracia” e “Unha vida digna e libre” convertéronse nas consignas das octavillas que, elaboradas polo comité de folga da Intercomisión, formada por sindicalistas e membros da oposición, se distribuían diariamente chamando á mobilización da cidadanía. Como non é doado esquecer que as manifestacións obreiras ocupaban a propia Porta do Sol e a rúa García Barbón, fronte ao local de Sindicatos. Como tampouco que os centos de grises, chegados de León e Valladolid, ocupaban eses espazos para impedir a realización de asembleas masivas. Tras a presión da patronal, que a partir do 20 enviou até 6.000 cartas de despido, a folga comezou a remitir o día 25 de setembro, cando os obreiros comezaron a reintegrarse ás factorías de forma escalonada, deixando un balance de máis de 400 despedidos ou detidos, instruíndose 170 sumarios no Tribunal de Orden Público (TOP).

Tras a folga de marzo do 72, en solidariedade cos sucesos de Ferrol, a de setembro do mesmo ano foi en Vigo un acontecemento histórico froito da estratexia de “Folga Nacional Pacífica”, promovida polo PCG cuxas células tiñan daquela peso de seu en numerosos centros de traballo e empresas viguesas. Como non hai dúbida que a organización comunista e a das CC.OO. foron decisivas no inicio do conflito, nas tarefas loxísticas e de propaganda como na difícil decisión de cómo finalizalo con dignidade. Mais tamén semella que esta folga histórica, como o xeito de dirimir as disensións aparecidas dentro dela, contribuí a xermolar o que sería o futuro sindicalismo nacionalista da man do grupo Galicia Socialista e ou doutras expresións políticas como as da Organización Obreira (OO). Aquel Vigo rebelde do 72, recuperado da memoria polo film de Roi Cagiao, demostra que houbo unha xeración que arrriscou por mudar o rumbo da historia. E abofé que o seu esforzo pagou a pena para que outras poidan volver intentalo. Acudan o cinema, “Vigo 1972” é unha película para lembrar, emocionarse e reflexionar, tamén sobre o tempo futuro.