Listado de la etiqueta: tristes_armas

Onte 1231: Longsellers

Morning_star_17Onte anunciamos en Twitter a chegada da imprenta de catro reedicións de títulos veteranos no catálogo de Xerais Narrativa: a 18ª d’ O crepúsculo e as formigas de Ferrín, a 17ª de Morning star, a 9ª d’ O club da calceta de María Reimóndez e a 5ª de Peaxes de Santiago Lopo. A curiosidade de Martín Pawley levouno a preguntar cal era o top de reedicións de Xerais. Non está de máis coñecer a relación dos nosos títulos con maior número de reimpresións encabezada coas 32 edicións das Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, as 28 d’ O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, as 25 de Tristes armas de Marina Mayoral, as 21 de Erros e Tánatos de Navaza e Contos por palabras de Agustin e as 20 de Galván en Saor de Darío Xohán Cabana. Estes longsellers do noso catálogo, a maior parte deles utilizados como lecturas no sistema educativo, constitúen un fito no noso sistema literario.

Onte 667: Fóra de Xogo 150

Onte chegaron os exemplares de control de calidade de Todos somos, a nova novela de Marcos Calveiro, coa que a colección Fóra de Xogo acada o seu título 150. Unha cifra redonda que non podo deixar de salientar. Creada en 1994 con catro títulos (A sombra cazadora, Tristes armas, Flanagan de luxe e ¡Asústate Merche!), hoxe emblemáticos, e recibida con gran severidade e moitos prexuízos por parte da crítica literaria galega daquel tempo, Fóra de Xogo foise constituíndo devagariño, ao longo de dúas décadas, mesmo contra vento e marea, nun esteo de referencia para o desenvolvemento dun espazo editorial literario dacabalo entre a edición infantil e adulta. Mais tamén serviu para contribuír a consolidar un espazo amplo de lectura en lingua galega e para axudar no esforzo do profesorado por formar un criterio literario nos estudantes do ensino secundario obrigatorio. Unha colección, a que non tivemos medo en poñerlle a etiqueta de «xuvenil», coa que quixemos e queremos reivindicar o pracer transgresor da lectura (eis a razón do seu nome inequivocamente futbolístico), mais tamén coa que pretendimos e pretendemos que cada persoa lectora explore as posibilidades da diversidade da narración e dos seus diferentes subxéneros.

Dende o inicio apostamos polo carácter transversal da colección, introducindo traducións de clásicos contemporáneos e novelas de xéneros moi diversos. Foi este o guieiro principal do catálogo da colección na que fomos ampliando marxes e gañando perímetro para a nosa literatura xuvenil (un xénero de fronteira, que admite definicións moi amplas). Se repasamos o catálogo, comprobaremos que en Fóra de Xogo hai novelas de terror  (Cartas de inverno, Cando petan na porta pola noite ou Pel de lobo…), de aventura (A expedición do Pacífico, Irmán do vento), de amor, de fantasia (dende Arnoia, Arnoia ás triloxías do Brindo de OuroDragal…),  diarios, novelas da memoria (A sombra descalza, Noite de voraces sombras…), históricas, biografías, policiais, realistas, até as mal chamadas «novelas de instituto» (Anxos en tempos de chuvia, Unha estrela no vento…). Mais coa madurez da colección, puidemos abrila ao teatro e á poesía, xéneros que tamén interesaron ao seu lectorado, como amosan éxitos rotundos como os acadados por títulos como Poetízate e Makinaria.

Non descarto que fose esta diversidade á que axudase na importante difusión acada polos títulos de Fóra de Xogo. A día de hoxe, cando aínda non se cumpriron os dezanove anos dende a aparición dos primeiros títulos da colección, levamos vendidos 834.195 exemplares, o que supón unha media de 5.561 exemplares por título e de case 44.000 por ano. Cifras excelentes para a edición en lingua galega. Sen dúbida, un gran éxito colectivo da nómina de autores e autoras de Fóra de Xogo, mais tamén (e sobre todo) dos seus lectores e lectoras («Xeración Fóra de Xogo»), ao que sabemos non foi alleo o papel esencial dos mediadores, sobre todo o profesorado de ensino secundario, que creron no valor destes libros e da proposta literaria da colección. Coincidindo co título 150 aparecen este verán os primeiros títulos de Fóra de Xogo en E-pub, un formato electrónico que a partir de agora compartirán todas as novidades en papel e na que iremos recuperando unha parte significativa do catálogo da colección. Beizóns a todas as persoas que compartiron e comparten o esforzo de Fóra de Xogo, un espazo transgresor da lectura en galego.