Listado de la etiqueta: tony_lomba

A B.S.O. de Eladio e os seres queridos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do disco B.S.O. (2005-2025) de Eladio y los seres queridos:

Vigo é unha potencia musical, unha cidade con moi diversas bandas sonoras, onde os seus públicos aprecian e respectan aos seus músicos. Non coñezo ningunha outra que conte con dúas orquestras privadas, a Clásica de Vigo, a formación orquestral máis antiga de Galicia, cunha traxectoria de catro décadas, e a Vigo 430, formación profesional que conta con vinte anos. Nin existe ningunha outra que teña unha orquestra folk coma SonDeSeu, proeza musical viguesa nacida en 2001 na Escola Municipal de Música Tradicional, creada para protexer e difundir o patrimonio popular, que conta cun elenco artístico docente fabuloso e un alumnado interxeracional numeroso. Nin tampouco hai outra con nove bandas populares e as súas correspondentes escolas musicais, canteira de milleiros de intérpretes.

Nin ningunha outra que conte con dous conservatorios públicos, varias escolas de música privada, entre elas unha de rock, media ducia de salas de música ao vivo, brillantes festivais como ImaxinaSons de jazz (por desgraza desaparecido hai seis anos), Marisquiño ou a fantasía sonora emerxente dende hai vinte anos do Sinsal na illa de San Simón. Como hai poucas que conten espazos públicos de ensaio (certo que insuficientes a todos os efectos) para as novas bandas, inseridas nunha tradición musical moderna acuñada nas últimas catro décadas.

Nese ecosistema musical vigués apareceu hai vinte anos «Eladio y los seres queridos», grupo 100 % vigués que dende entón representa os mellores valores dunha banda auténtica de indie pop rock e canción popular. Promovida en 2005 por Eladio Santos, parella artística de Germán Fandiño en «Tony Lomba & Elio dos Santos» e compoñente que foi de formacións independentes como Starlux, Medusa ou The Foggy Mental Breakdown, o cuarteto actual está formado por el mesmo como cantante, guitarra e compositor; Óscar Durán «Uka», baixo; David Outumuro, batería; e Adrián Blanco, piano e teclados, os dous últimos profesores de conservatorio.

Grupo cunha traxectoria independente e honesta, recollida en sete discos, un cento de cancións rexistradas, centos de concertos dun directo cristalino e dúas ducias de temas memorables sobre melodías bonitas e textos coidados de dicción impecable que relatan historias cotiáns interesantes e ofrecen reflexións comprometidas sobre a vida e o amor. Gravacións moi coidadas nas que adoitan contar con apoio orquestral, o que imprime un selo inconfundible ao seu son limpísimo, propio dun grande grupo clásico de rock and rol.

Traxectoria celebrada coa publicación recente dun disco B.S.O. 2005-2025 no que recollen dezaseis dos seus temas máis populares gravados de novo en Casa de tolos de Nigrán con Segundo Grandío, nos que contaron con convidados de luxo: Amaral e As fillas de Casandra en «Non quero perderte», Depedro en «Medidas desesperadas», Vega en «El norte» e Pucho de Vetusta morla en «Al Himalaya». Ademais de Gala Santos, filla de Eladio, en «Bella Durmiente». Cancións ás que se engaden outros himnos eladianos: «Miss Europa», «Academia», «Viviendo sin miedo», «Highway to heaven», «Con el corazón en la mano» e, claro está, «El tiempo futuro», himno non oficial da cidade de Vigo, incluído no seu disco insignia Están ustedes unidos (Esmerarte 2011), que xa levan o millón de reproducións nas plataformas, contando cun videoclip extraordinario, parte xa do patrimonio popular vigués.

Disco que anuncian presentarán o 3 de outubro no Teatro Afundación nun serán que promete memorable e no que agardamos estreen a versión galega d’ «O tempo futuro», canción manifesto que expresa o carácter austeramente revolcado desta cidade nosa construída co esforzo e a inxenuidade xenerosa da súa cidadanía seguindo o ritmo marcado polas sirenas. Concerto no que se escoitará «Están ustedes unidos», que reafirma a mensaxe positiva e cariñosa do grupo, esa asertividade tan característica de Eladio y los seres queridos, esa confianza nas persoas e nas posibilidades de actuar unidos que tantos compartimos con eles.

Diante desta gran banda, faise difícil entender que despois de dúas décadas non debutase no palco de Castrelos. Un grupo que merece ser homenaxeado e recoñecido no seu viguiño de corazón. Anomalía que por desgraza padecen outros grupos e artistas vigueses, como Siniestro total, que sen dúbida agardaba poder despedirse cun derradeiro castrelos, ou como Iván Ferreiro ou Carlos Núñez, o noso músico máis internacional. Se celebramos a aposta do Celta pola canteira da Madroa, cal é a razón de que non se faga cos nosos músicos no palco público de Castrelos? É tan difícil reservar dúas ou tres datas do programa para a música viguesa? En todo caso, recomendo que bulan á billeteira do concerto do 3 de outubro onde Eladio e os seres queridos van petalo. Recomendabilísimo!

A estrela dos afectos

Agradezo esta postal de nadal, Con todos os abrazos, unha creación do meu admirado Martin Pawley a partir de imaxes dos filmes Noah’s Ark (Michael Curtiz, 1928), The Boob (William A. Wellman, 1926), The Scarlet Letter (Victor Sjöstrom, 1926), 7th Heaven (Frank Borzage, 1927), Wings (William A. Wellman, 1927), Sunrise (F. W. Murnau, 1927) e The Docks of New York (Josef von Sternberg, 1928), a música de Hugo Riesenfeld para Sunrise e o silencio dunha tarde na Casa de Rosalía en Padrón. Decembro de 2024.

No día de Noiteboa, dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebración do Nadal:

Son pouco partidario dos excesos das festas de Nadal, unha invención de éxito debedora da iniciativa do Papa Xulio I (anos 320-353), que declarou o 25 de decembro día de Nadal para conmemorar o nacemento de Xesús, efeméride declarada por Xustiniano un século máis tarde festividade do Imperio, coincidindo coa data que o calendario xuliano dedicaba a celebrar o primeiro sol de inverno (solsticio). Invención consolidada como un mito adulterado e espallado durante séculos polas comunidades católicas coa colaboración do poder civil, reconvertida desde a segunda metade do século XX no evento consumista por excelencia de Occidente, expresión neoliberal da hexemonía do comercio por medio dos diversos protocolos do intercambio de regalos. Relato, completado nun proceso de aculturación pola Igrexa Católica, que contempla un prólogo para o tempo de Nadal na Noiteboa, estendendo o ciclo até o día da Epifanía, o 6 de xaneiro, que a Igrexa Oriental celebraba como adoración dos reis que, guiados pola luz dunha estrela brillante, descubriron en Belén a Xesús nun presebe e o agasallaron cos tres regalos simbólicos que para el traían: ouro, como rei; incenso, como aroma de divindade e mirra, como bálsamo para a sepultura.

Estudado polo ensaísta rianxeiro Xosé Ramón Branco Buxán no seu libro tan recomendable, Nadal e consumismo. Lucrativas realidades sociais baseadas en invencións (Laiovento 2024), o mito dos Reis Magos entregando regalos foise transfigurando a longo da historia en distintos personaxes segundo as diversas culturas: San Nicolás, Santa Claus, Papá Noel (vestido de vermello e branco pola Coca Cola), mais tamén o Tió e o Caganer cataláns, o Olentzero vasco, ou o Pandingueiro ou Apalpador galego. Personaxes que na actualidade ritualizan a celebración como portadores do «espírito de Nadal», para o filósofo Branco Buxán representado na triloxía emocional de «cariño, familia e agasallos». Un paraugas do marketing da poderosa cultura do agasallo, que impulsa o consumo en Nadal, negocio formidable –estimado en España co 30 % da facturación anual dalgúns sectores–, en eidos como alimentación, industria dos xoguetes, edición, decoración e, máis recentemente, hostalaría e turismo; mercado estendido e fixado pola iluminación pública, nun calendario que vai do Black Friday de finais de novembro até o día de Reis.

Festas de Nadal que adquiren formas propias en cada comunidade, unha tradición que no caso galego, tras diversas superposicións culturais, adopta manifestacións como as do tizón do Nadal, o Lume Novo vinculado con aspectos máxicos; a cea de Noiteboa, e a súa tradición de abstinencia presente na maior parte das casas, onde o prato principal desa noite era o bacallau con coliflor; os ritos das Cédulas de Aninovo e das témporas; ou a presenza dos trubincos, os trasnos exclusivos do Nadal galego, estudados polo antropólogo Rafael Quintiá. Por non falar doutros símbolos como as panxoliñas, os cantos de aguinaldos e manueles, os desfiles de ranchos e rondallas de reis…, que conviven con tradicións chegadas do norte de Europa como a da árbore da casa finesa de Santa Claus, a dos cartóns de nadal (ou «Christmas»), nacida en 1843, para expresar os bos desexos e ledicia á familia e amizades, coincidindo no mesmo ano coa publicación do Conto de Nadal de Charles Dickens, que en plena sociedade vitoriana capitalista, amosaba a perda de valores humanos, descubrindo un novo Nadal e unha forma de celebralo como utopía da felicidade.

Festa de Nadal presente en Vigo até a hipérbole, como primeiro reclamo turístico de tempada, baseado na cantidade de iluminación e atraccións de feira instaladas e no número de visitantes convocados, que converte ao centro urbano (incluído o xardín histórico centenario da Alameda) en insulso parque temático espido doutras referencias culturais, que non sexan a exaltación do consumo (incluída unha papanoelada moteira propia doutros tempos) alentada polos temas de Mariah Carey e doutros intérpretes do mainstream musical global. Celebración propia dun non lugar, allea á utilización do galego e a presenza das agrupacións folclóricas veciñais metropolitanas. Xaora, por ventura, consérvanse os tradicionais concertos de Nadal de Carlos Núñez no García Barbón e de Tony Lomba & Elio Santos na Fábrica de Chocolate, aos que este ano se engade o do virtuoso Abraham Cupeiro, como se mantén a saída prevista das rondallas de aguinaldos e manueles do Casco Vello coas  súas danzas colectivas, testemuñas de que resiste un nadal de seu nunha cidade que non perdeu a súa luz propia. Os meus mellores desexos nos seus afáns e devires para o lectorado destas páxinas tan acolledoras de Faro de Vigo. Que sexa a luz da estrela dos afectos a que a cadaquén guíe. Con todos os abrazos: bo Nadal!

Onte 1698: Nos camiños

Clubs_de_lectura_10_06_2016_01

Nos últimos tres días andei os camiños do país de aquí para acolá apoiando varias presentacións e recepcións de premios de libros da editorial, nese labor imprescindible dos editores de contribuír a facer máis visibles as nosas novidades e catálogos. En todos estes actos percibín unha inequívoca intencón de actualización dos formatos dete tipo de actos e do seu eco nas redes.

Na cata literaria, celebrada no Museo Interactivo de Historia Lugo, onde presentamos no serán do xoves Tempo de bebidas isotónicas e fast-food de Álex Alonso, foron o viño e as tapas, servidos antes do inicio do acto literario, o engado para un público tan numeroso como atento. No caso da presentación de Galería de saldos, o libro co que debuta Diego Giráldez, celebrado o venres no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, na que participaron 200 persoas, foi a actuación do croner Tony Lomba a que pechou un acontecemento inesquecible. Como tamén o foi no serán do sábado a celebrada no Ateneo Valle Inclán de Ribeira, onde se presentou As horas roubadas de María Solar, outro acto magnífico pechado con tres cancións a capela de Javi Maneiro, o cantante de Herdeiros da Crus.

Sabemos que a fusión da literatura coa gastronomía ou coa música, como os itinerarios e viaxes literarias, como o protagonismo dos lectores e lectoras nos clubes de lectura, contribúnen de forma decisiva á presenza do libro galego na axenda pública. Nesta semana seguiremos nos nosos camiños con novos actos de Xerais en Ourense, Vila de Cruces, Santiago, Vigo, Ribeira e na Feira do libro, que por vez primeira chega a Redondela.