Listado de la etiqueta: sés

Aquí tamén se fala

É esperanzador que douscentos centros de educación secundaria do país enteiro participen na iniciativa de dinamización lingüística protagonizada pola mocidade estudantil e identificada na rede polo cancelo #AQUITAMENSEFALA. Nacida no IES Rafael Dieste da Coruña coa intención de desmontar os prexuízos sobre o uso do galego por parte da mocidade ou sobre a súa utilidade no mundo da empresa, a iniciativa estendeuse coma regueiro de pólvora nas aulas e nas redes, sendo xa 25.000 os mozos e mozas participantes e máis de catro millóns as reproducións das gravacións audiovisuais protagonizadas por valedoras da campaña como Vigo Mortesen, James Rhodes, Tanxugueiras, Jaione Camborda, María Castro, Ses, Ataque Escampe, Grande Amore, Abraham Cupeiro, entre outras moitas referentes culturais e musicais. Cun cancelo que lembra ao adhesivo «Aquí tamén atendemos en galego», distribuído hai máis dunha década por Prolingua, esta iniciativa fai explícito o compromiso de cada unha das persoas participantes en converterse en activistas do uso do galego no seu propio medio, sobre todo nos establecementos comerciais da súa proximidade, dende froitarías a florerías, dende bares a librarías, dende tendas de vestiario a talleres mecánicos, onde colocan o cartel da campaña e procuran a complicidade das súas responsables por medio dunha fotografía para distribuír en redes. Unha coidada estratexia viral á que se incorporan como as cereixas dun cesto outras iniciativas de intención galeguizadora como a da participación dos clubs do fútbol galego (Dépor, Racing, Lugo e Celta) ou a elaboración da banda sonora da campaña na que se inclúen un cento de recomendacións musicais galegas. Ademais do seu indubidable éxito, ao que non está sendo alleo a presenza destacada da música e o emprego eficaz dos recursos da cultura dixital, o relevante desta campaña é a empatía e corresponsabilidade optimista que asume cada unha das súas participantes. Outro vieiro posible para unha lingua con futuro.

Publicado en Nós diario: 13/03/2024

Baladas da Galicia feminista

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do 8 de marzo:

Despois de manter unha conversa de máis dunha hora por skype cos membros do club de lectura da Biblioteca Galega de Bos Aires tiña previsto escribir un Campo de Granada sobre a incerteza do prognóstico das eleccións galegas do 5 de abril, que de mobilizarse o electorado progresista podería abrir paso á mudanza política no país. Abofé que esta conversa transoceánica cunha ducia de entusiastas e ben informadas galeguistas austrais sobre a historia recente da narrativa galega e o preocupante futuro da transmisión xeracional da lingua nosa encheume os depósitos de optimismo que por vicisitudes da vida e dalgunhas das súas derrotas se foran agotando nos últimos anos. Un férreo optimismo da vontade, aprendido da actitude resiliente da miña nai para superar adversidades e non perder nunca a liña do noso horizonte de xentes humildes, que vin de forma inesperada reflectido en «Louisiana o Els Camps de Cotó» (2012), unha emotiva carta aos pais enchida de saudades de quen na súa procura atopa a felicidade na escolla dunha forma de vida sinxela e paciente, unha canción memorable de Els Amics De Les Arts convertida en himno por máis dun millón de persoas participantes naquela inesquecible Diada de 2017.

Semellante coincidencia produciuse no serán no que o Celta de Óscar García Junyent resistía no Coliseum de Xetafe coa súa defensa solidaria e afouta, feito que moito celebrei polo que supón de adquisición dunha maior capacidade para competir en igualdade. Xaora, celebrei esta serendipia inesperada que une unha comunidade de galeguistas arxentinas coas seguidoras desta emotiva balada catalá, ambas as dúas orgullosas de non esquecer de onde proceden, que atoparon nesa orixe o seu baluarte para continuar pelexando polo futuro dun «ceo que non se acaba». Axiña lembrei que esta vontade fora recollida por Narf e Uxía nesoutra canción memorable que é «Esta noite», incluída no seu disco Balada da Galicia imaxinaria(2015): «Teño toda a forza pra loitar, teño cada noite pra soñar e cada minuto pra lembrar quen eu son, pra lembrar de onde eu son; esta noite vou voltar ao lugar onde sendo crianza brinquei, onde sendo un rapaz eu soñei na braña grande, na praia das gaivotas, no patio da escola, nas vías da estación…». Versos lúcidos do inesquecible e chorado cantor compostelán (Francisco Xavier Pérez Vázquez) que acreditan a pertenza a unha tribo que cre no futuro, que tras un momento de abatemento recupera folgos xa que coñece de onde ven, sabe onde está e decide cara onde pretende dirixirse.

Baladas de esperanza que trouxo a Vigo, tamén nesta fin de semana do 8 de marzo, Sés para presentar no Teatro AFundación (o vello García Barbón) o seu novo traballo Liberar as arterias(2020). Outro concerto memorable da cantora bergantiñá, infatigable defensora da lingua galega que coa súa enerxía conseguiu mobilizar a ese Vigo feminista e orgulloso da identidade galega cos temas dun disco de músicas que percorren o continente americano de norte a sur e no que teñen grande protagonismo os versos marcantes da poeta e activista de mocidade eterna Luz Fandiño, autora da letra de «Liberar as arterias», a canción que dá titulo o disco: «Son a poeta daqueles que loitan por saír de escravos, son a poeta daqueles aos que todo lles foi negado [… ], poeta analfabeta, poeta dos que sobreviven do emprestado…». Un traballo no que Sés-Fandiño reclaman liberar as arterias, evitando a trampa de odio e da desesperación, o feito de quedar anuladas, anoxadas, coléricas ou descontroladas, como sempre o sistema patriarcal agarda das mulleres. Para a cantora de tempestades de sal a felicidade, a ledicia e o vitalismo son tamén ingredientes necesarios na loita para que outras cheguen a ser libres.

Futuro en igualdade que para estes incertos anos vinte o serán do domingo 8 de marzo reclamaron polas rúas viguesas mulleres libres de toda idade e condición. Milleiros de voces que cos seus pés lilas e os fíos da sororidade caligrafaron as pegadas dunha mensaxe de igualdade real e transformadora onde non teñen espazo nin machismos cotiáns nin sexismos nin acosos nas aulas nin nas músicas nin discriminacións ningunhas en oficinas, fábricas ou noutros lugares de traballo. Unha marea lila que fixo de Vigo unha cidade de mulleres libres que puxeron o foco no invisible, nesa división sexual do traballo dos coidados a crianzas e persoas maiores achegados case na súa totalidade por mulleres silenciosas, «esas creadores de vida, aleitadoras, brillantes activistas da vida cotiá que resistiron a séculos de forza», que homenaxea a cantora Guadi Galego nas súa canción «Matriarcas» (2014). De novo o futuro do político encarnado nas baladas da Galicia feminista. Beizón para as nosas cantoras.

 

Onte 1823: SES ou a causa da ledicia

O concerto de onte de  SES no Auditorio Mar de Vigo demostrou a madurez acadada pola cantora bergantiñá, probablemente, unha das mellores aparicións na música popular galega desta década. Dúas horas e media nas que unha artista total, intérprete e compositora, foi debullando o seu discurso musical anticonformista e resistente que propón adoptar a causa da ledicia como a forma máis eficaz de opoñerse á extinción da lingua e da cultura galegas ou como xeito para combater a desigualdade e violencia que sofren as mulleres, entre outras formas da actual malicia capitalista.

Unha cantora de raíz e formación inequivocamente popular que coñece os rexistros da música de estirpe que comparte cun repertorio marabilloso de músicas americanas, tanto as formas do rock and roll e o rhythm and blues do norte, como as latinas do sur, que tan ben se axeitan na súa voz a nosa lingua.

Un concerto moi coidado en todos os eidos da produción, dende a iluminación ao vestiario das cantoras, no que SES argallou unha lista de temas variadísima e divertida nos contidos e nos ritmos, onde se presentaron algúns dos novidosos do cuarto disco, Opoñerse á extinción, mais no que tamén estiveron presentes outros clásicos dos discos anteriores como “Non son fada” ou “Como eu canto”, coreados por un público, maioritariamente feminino.

Xaora, foron momentos espectaculares da noite a interpretación de “Tambores de mar”, que dedicou aos picariños presentes, “Milonga de aquí”, na que lembrou aos presos independentistas galegos, e “Semente de vencer”, dedicada a Sementes, escolas de fala galega. Como tamén o foi a homenaxe a Ana Kiro versionando “Galicia, terra meiga” ou o tema que fixo coas súas tres compañeiras cantoras de homenaxe ás pandereteiras. Magníficos foron os tres bises nos que mesturou a súa coñecida versión de Guantanamera, “Labregha berghantiñana”, con “Porco blues” (ao xeito Janis Joplin) e “Tempestades de sal”, toda unha inxección de esperanza e leidicia para resistir en tempos ruíns. Mágoa que o público vigues non enchera completamente o auditorio nun concerto que non será doado esquecer. Unha gran SES.

Guardar

Onte 1284: «Tronzar os valos», a nova marabilla de Sés

tronzar_os_valosPedro Feijoo publicou onte unha anotación sobre Sés da que moito gostei. Escrita coa prudencia de quen fixo milleiros de quilómetros na rota de Los Feliz e Lamatumbá e sabe do valor das músicas, Feijoo gaba a maneira «valente, decidida e afouta» de cantar de Sés, «dese xeito, ese preciso xeito, tan e tan necesario neste país…» Esa afouteza e paixón artísticas tan presentes en Tronzar os valos (2015), esoutra marabilla á que levamos enganchados toda esta semana, coa que a coruñesa inicia a súa andaina en Folmúsica, a discográfica de Fernando Luaces. Disco de absoluta madurez, no que Sés consolida os logros de Admirada condición (2011) e Co xenio destrozado (2013) noutra ducia de temas memorables.

«Como Eu Canto», «Humanamente», «2000 anos máis», «Tronzar os valos», «Iconoclasta», «Un pensamento», «Baixo o cemento», temas nos que se festexa a canción popular galega, o rock, o blues e as diferentes formas da canción popular latina. Textos claros e contundentes, músicas penetrantres, cancións que son centraminas de enerxía e autoestima, doses de talento tan precisas para vencer o devalo da nosa lingua e cultura. Unha ducia de cancións insurxentes e rebeldes, avalando entre a tenrura e a bravura, entre a dozura e a dor. Unha transfusión de entusiasmo galego contra o conformismo paralizante. Tronzar os valos é unha afirmación ética e musical extraordinarias. Recoméndoa moi vivamente. Marabilla de Sés.

Onte 647: Sés «co xenio destrozado»

Desque o venres merquei o disco en Andel estou enganchado Co xenio destrozado, o segundo cedé de Sés. Un disco xenial, marabilloso, memorable, potente. Unha voz engaiolante capaz de enluvarse en cada tipo de canción. A madurez dunha cantora e compositora en estado de graza. Unha ducia de temas imprescindibles, unha variedade musical espectacular, un catálogo dos ritmos máis clásicos do rock e da música popular hispanoamericana, dende a balada, a milonga, a rancheira, o blues, os ritmos doces do Caribe, mesmo o tango, até varias xeracións do rock and roll máis xenuíno. Un prodixioso catálogo musical no que aínda brillan máis unhas letras (todas elas rimadas por Sés) que avalan entre a denuncia da desiguldade, a reivindicación da esperanza e a proclamación do amor e o desamor máis arrebatado. Cancións inesquecibles como «Concordia de papel», «Milonga de aquí» (un auténtico manifesto dende a insurxencia dese este recuncho do mundo), «Rebelarse a conciencia», «Boto en falta unha ilusión», «Se non podo ir onde ti estás» ou «Unha mañá de setembro»… Este é un disco de denuncia do conformismo, un auténtico ciclón de entusiasmo do rock and blues. Cantando en galego, con letras significativas cen por cen, esta bluseira con alma de pandereteira, a Patti Smith de noso, aventuro vai abrir unha nova fronteira para a música en galego. Co xenio destrozado é un disco moi recomendable. Beizóns Sés!