Santo Amaro navegante
Dedico o artigo do Faro de Vigo desta semana a Santo Amaro, a quen hoxe celebramos en Matamá:
Celébrase hoxe en Matamá a romaría de San Amaro coa que se inicia o ciclo anual de festas da bisbarra. Comezada no torreiro esta fin de semana co festival folc, no que participaron catro grupos tradicionais (Setecuncas, Os tabáns de Freixo, Algarabía e Pelepau), abrirá a festa o pasarrúas da Charanga Vai de Baile para dar paso á misa e á procesión do santo curador dos eivados por reumas e doenzas das articulacións. Unha festa na que como é tradición non faltarán nin os postos de artesanía nin os furanchos onde ao mediodía se homenaxeará como se debe ao cocido, o prato que mellor axuda a mitigar o rigor do termómetro destes días de xaneira.
Un San Amaro, moi revitalizado nos últimos anos polas asociacións veciñais e culturais de Matamá, que abre a rolda única de xoldras viguesas do frío, que anuncian a luz e a fin da invernía, cuxas próximas citas serán as Candelas en Castrelos, o día do casamento dos paxariños, onde non faltará o autosacramental mudo e a solta de pombas, e o San Brais en Bembrive, o santo que cura as catarreiras. Romarías que coinciden co inicio do abrollar das mimosas e do medrar dos días («Polo San Brais máis día verás») e anuncian tamén os excesos do Entroido que este ano se adía até a primeira fin de semana de marzo.
Xaora, máis alá da exaltación da cultura tan viguesa como a da furanchada, o caso de Santo Amaro merece atención, como me alerta nunha carta marabillosa o escritor Xurxo Souto, xa que son varias as circunstancias singulares do caso do santo galego, confundido tantas veces co San Mauro, o italiano do libro e do caxato, primeiro discípulo de San Bieito, celebrado tamén o 15 de xaneiro. Por que o San Amaro polo que avogamos en Vigo, como tamén noutras freguesías galegas (Arra en Sanxenxo, As Regadas en Beade ou no propio concello ourensán de San Amaro) ou portuguesas dos distritos de Coímbra e Viseu, e mesmo en Ponta Delgada na illa de Madeira, como en varias parroquias das Illas Canarias, non é outro que Amaro o abade e navegante, que segundo a tradición viaxou sufrindo os maiores perigos polo océano até a illa do Paraíso.
Unha viaxe de lenda recollida en 1925 por Uxío Carré Aldao no artigo, «A lenda de San Amaro o Pelegrino», publicado no número 19 da revista «Nós» e traballo premiado na festa da lingua galega de Santiago do ano anterior, vencellando o seu periplo co realizado por outras figuras relixiosas da cultura atlántica como o irlándés San Brandán (ou San Barandán) O Navegante, que no século VI puido ter chegado ás illas de Terranova, sendo considerado por algúns como o primeiro dos europeos en chegar ás Américas. Recreada ao seu xeito por Ramón Cabanillas no seu libriño «O bendito San Amaro», dez poemas que foron aparecendo no diario vigués «Galicia» dende xaneiro de 1925, acompañados cada un deles por debuxos de Castelao, a lenda do santo galego navegante, recollida por Uxío Carré na freguesía de Figueiroa no concello de Abegondo, retrata a coraxe de quen «nin os ventos máis desatados nin as máis desfeitas e violentas tempestades fixeron minguar o seu ánimo».
Afouteza que –segundo relata Carré– o levou ás portas do paraíso onde petou forte co seu caxato de toxo coa pretensión de penetrar, «sequera fose por breves momentos» naquela paraxe, ao que se negou o patriarca Henoch facéndolle saber que «a súa demanda non podía ser atendida pois endexamais home en carne mortal podería entrar onde moran os xustos e benaventurados». Razón pola que o piadoso peregrino solicitou que canto menos lle fose permitido «ollar algún tempo a través do asexadoiro, para se gozar da contemplación das delicias celestiais», ao que accedeu o patriarca durante un tempo moi curto. Eis o valor do peregrino galego que navegou até a illa do Paraíso e regresou para contalo, feito que agrandou a súa fama e obrigou a igrexa católica a identificalo con algún dos seus santos. Unha lenda que para Uxío Carré de non vir dos celtas, como a de San Brandán, tería a súa orixe na antigüidade grega que nos fala por boca de Homero e de Herodoto, que xa sabían que as illas dos Benaventurados se achaban nas misteriosas rexións de Occidente.
Vigo é unha cidade onde se fixo presente o poder do santo navegante, non só pola devoción centenaria na parroquia de Matamá, como pola súa presenza de moi vello no propio rueiro. Eis o camiño de San Amaro, do que se conservan apenas uns metros na proximidade da rúa Hispanidade, que trazaba na aba do Castro unha longa paralela á Gran Vía dende o camiño dos Anxos en Travesas até o Couto (hoxe Praza de España). Como merece ser citado que moitos somos os vigueses fieis do Bar San Amaro, na rúa Rogelio Abalde, onde señora Carmen leva facendo dende hai seis décadas as mellores tortillas de patacas da cidade, cuxa teimosía merecería ser recoñecida, por manter a memoria dos sabores da nosa mellor cociña popular. Bo San Amaro, navegante!