Listado de la etiqueta: salvador_rodríguez

Carlos Núñez e a marca celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao concerto de Nadal de Cartlos Núñez e a súa reivindicación da marca celta:

O marabilloso concerto de Nadal de Carlos Núñez nun García Barbón a rebentar amosa que Galicia, e Vigo moi en particular, pertence a ese universo mítico celta que comparten as sete nacións das fisterras atlánticas. Acompañado do seu irmán Xurxo á percusión e programacións, do seu inseparable Pancho Álvarez ás cordas e de tres virtuosas, a euskalduna Itsaso Elizagoien á trikitritxa, a catalá María Sánchez ao violín, fídula e voz e a bretoa Bleuenn le Friec á arpa, o gaiteiro vigués desenvolveu un emocionante concerto sobre as orixes da nosa música tradicional. Serán memorable, que rematou coma unha xenuína fest-noz bretoa cunha exaltación das danzas atlánticas, dende os engaiolantes xotes universitarios brasileiros até o andró bretón. Un concerto inesquecible no que Núñez estreou «Danza de espadas», tema moi novidoso no seu amplísimo catálogo musical, xa dispoñible en Spotify, onde a súa escolma das danzas mariñeiras de Marín e Redondela, catalogadas polo musicólogo Casto Sampedro, se mesturan coas bases rítmicas e percusións dixitais de trap creadas por Yung Denzo, dj produtor vigués de 18 anos, un fito para a anovación da nosa música tradicional.

Ao longo  do concerto, unha tradición que abre o nadal vigués cada 23 de decembro, custeado só coas vendas da billeteira, Carlos Núñez reivindicou a marca celta para a nosa cultura, causa na que leva comprometido desde que publicara o seu primeiro disco, «A irmandade das estrelas» (1997), e na que afondou en Entre Fisterras (Xerais 2003), o libro de conversas con Salvador Rodríguez, xornalista de Faro de Vigo, realizado en paralelo á investigación cultural que o levou á gravación do disco, «Almas de Fisterra». Unha marca celta que para Núñez constitúe unha oportunidade de conexión cos países e culturas do espazo atlántico, mais tamén unha posibilidade de abrir unha xanela para sermos recoñecidos no contexto global e homoxéneo no que Galicia está inmersa. Unha identidade celta en continúa construción, que remite tanto ao pasado como ao futuro, unha identidade viva que quere asimilar miles de anos de interacción co Atlántico que, como sinala o profesor Manuel Gago, constitúe un valor diferencial, positivo e poderoso, capaz de conectarnos e diferenciarnos a un tempo.

A marca celta supón para Galicia orientar tamén a ollada de forma prioritaria cara ao chamado eixo atlántico europeo, tanto a nivel económico como cultural, tanto a nivel do desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias, portuarias e aeroportuarias como dos mercados exteriores. Noutras palabras, dirixir os esforzos e conexións máis cara a Gallaecia portuguesa, a costa atlántica francesa, Irlanda e o Reino Unido, que cara a Madrid e o eixo mediterráneo europeo. Nese espazo económico e cultural celta (ou atlántico, se prefiren a denominación xeográfica) Galicia ten moito que dicir e compartir con esoutros países celtas, desde o futuro da industria do automóbil, o claro potencial do sector das enerxías renovables, a recuperación das súas linguas propias minorizadas, o aproveitamento sostible dos seus caladoiros de pesca, o abandono do rural e devalo demográfico, as relacións entre o patrimonio e o turismo, as migracións e diásporas americanas, a preservación dos hábitats até as dietas excesivas en graxas e sal da súa poboación. E non estamos falando aínda nin de música nin de literatura nin do de desenvolvemento do sector audiovisual no marco do mainstream onde as afinidades son máis evidentes.

Nesta estratexia celta para que Galicia aproveite as oportunidades da súa identidade cultural e localización atlántica, Vigo como primeira cidade industrial e portuaria galega, mais tamén pola súa tradición cosmopolita e modernizadora, ten unha posición inmellorable para liderala. E hai razóns abondas. Dende hai décadas, como cidade do automóbil mantivo contacto portuario permanente coas factorías bretoas do grupo PSA Citroën, conexión desta autoestrada do mar que se ampliará o ano entrante co porto de Liverpool, onde desembarcarán compoñentes fabricados en Balaídos para ser montados na factoría de Stellantis de Ellesmere-Port. Como existen afinidades culturais entre Nantes e Vigo, unidas por Jules Verne e a súa fascinación pola ría de Vigo, cidades que agardan por un irmandamento. Como non se pode esquecer que Vigo é sede dunha modélica Escola de Música Folk e Tradicional e da Escola de Construción de Instrumentos Musicais, como que aquí tiveron o seu berce musical o propio Carlos Núñez e os seus compañeiros de Matto Congrio que formaron logo Berrogüetto, abrindo os límites para a música de raíz…

Ten razón Carlos Núñez cando reivindica a marca celta, é unha oportunidade económica e cultural que unha Galicia liderada por Vigo non pode deixar escapar.

 

Luces republicanas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 90 aniversario da proclamación da Segunda República:

Salvador Rodríguez lembraba moi oportunamente o domingo nestas páxinas de Faro de Vigo as figuras dos primeiros alcaldes republicanos das cidades galegas con motivo do noventa aniversario da proclamación da Segunda República. E lembraba que foi o concello de Vigo o primeiro de España no que durante tres cuartos de hora ondeou a bandeira republicana, izada a unha da madrugada do 14 de abril de 1931 no balcón da casa do concello por simpatizantes republicanos e retirada minutos despois pola Garda Civil. Unha madrugada de entusiasmo na que os republicanos vigueses reunidos na Porta do Sol celebraban a vitoria (axustada, por apenas 1.500 votos) nas eleccións municipais do 12 de abril e agardaban as novas chegadas de Madrid recollidas polos xornalistas de El Pueblo Gallego, ao tempo que as orquestras dalgúns cafés do centro interpretaban os acordes da Marsellesa, himno da liberdade que anunciaba a chegada da República.

Habería que agardar até ás oito da tarde do 14 de abril para que as figuras do movemento republicano vigués, entre elas o avogado Amando Garra Castellanzuelo e o líder socialista Emilio Martínez Garrido, anunciasen dende o balcón da Casa do Concello a constitución da Xunta municipal de concelleiros electos, como goberno lexítimo de Vigo, solicitasen disciplina e cordura á cidadanía e ao alcalde monárquico Casiano Méndez o inmediato traspaso da alcaldía. Mágoa que  boa parte daqueles políticos republicanos vigueses participantes nunha xornada esperanzadora fosen cinco anos despois, como amosan os traballos do historiador Xoán Carlos Abad Gallego, actual presidente do Instituto de Estudios Vigueses, vítimas da represión tras o golpe de estado do 18 de xullo de 1936.

O primeiro alcalde republicano Enrique Blein Budiño, tras ser encarcerado, morreu o 10 de decembro de 1936 doente de cancro no Hospital Municipal, sendo multada a súa familia con 50.000 pesetas e embargados os seus bens. Emilio Martínez Garrido, alcalde de 1932 a 1934 e tras as eleccións de febreiro de 1936, membro da comisión de alcaldes de Galicia que viaxou a Madrid para entregar o 13 de xullo de 1936 o Estatuto de Galicia aprobado en referendo, sería fusilado no cemiterio de Pereiró o 27 de agosto de 1936, xunto a outras oito persoas, entre elas os socialistas José Antela Conde, o primeiro alcalde de Lavadores, e Heraclio Botana Pérez, concelleiro elixido tamén naquela primeira corporación republicana de 1931. Como o mestre socialista Víctor Fraiz Castellanos, que interveu tamén aquela tarde do 14 de abril, internado na Illa de San Simón, sería paseado o 10 de novembro de 1936 na estrada Redondela-Vigo, na Cuncheira. Represión que sufrirían tamén os primeiros alcaldes republicanos de Ferrol, Xaime Quintanilla Martínez, paseado o 17 de agosto de 1936, e de Vilargarcía, Elpidio Villaverde Rey, fuxido e exiliado na Arxentina até o seu pasamento en 1962.

Tras décadas de esgotamento da restauración borbónica de 1876, incluídas as ditaduras de Primo de Rivera de comezos dos felices anos vinte e de Berenguer dos convulsos trinta, a Segunda República proclamada hai noventa anos, encarnaba os valores republicanos tradicionais (as luces da república) de liberdade, igualdade e fraternidade, mais tamén os de laicidade, austeridade, racionalidade, deliberación e exemplaridade que serían desenvolvidos tras moito debate nos 125 artigos da Constitución aprobada o 9 de decembro de 1931. Toda unha concepción nova do estado de dereito que por primeira vez recoñecía un amplo catálogo de liberdades, dereitos (entre eles o sufraxio feminino) e obrigas a cidadanía que permitisen unha democratización plena. Un modelo modernizador do estado dotado cun forte constituínte social, que privilexiaba o ámbito educativo, considerado como a principal carencia dun país entón analfabeto, e a mudanza das estruturas sociais e económicas do mundo do traballo (seguro de doenza, paro, vellez e invalidez). Ao tempo que pretendía abordar, con bastante menor fortuna, o problema territorial, o «caso catalán» e os das mal chamadas rexións.

Nove décadas despois daquel 14 abril, no marco do deterioro da imaxe da monarquía borbónica producido na última década, cabe preguntarse se é posible a re-existencia dun novo movemento republicano capaz de presentarse como alternativo por ofrecer unha lectura actual dos valores da igualdade e do catálogo dos dereitos cívicos, como das aspiracións nacionais e da propia supervivencia do planeta. Un novo republicanismo plural e politicamente transversal que sen renunciar ao lexítimo exercicio de memoria histórica, aínda incompleta, con moitos cadáveres nas fosas e gabias, non pode aparecer nin como arremedo nostálxico da Segunda República nin vencellado exclusivamente coa esquerda.

Onte 963: Pedro Feijoo en Bueu

presentacion-fillos

Ben interesante resultou o acto organizado en Bueu pola Librería Miranda na que Pedro Feijoo conversou con Salvador Rodríguez arredor das súas dúas novelas, O fillos do mar e A memoria da choiva. Tras a lembranza da figura de Manuel de la Fuente, avó de Pedro Feijoo, e a súa sección «Postales de Vigo» en Faro de Vigo, Salvador preguntoulle se era posible reconstruír a rota d’ Os fillos do mar de Bueu, tal coma xa se fixera coa Vigo. Feijoo confesou que a súa estreita relación con Bueu non era allea ao Aturuxo onde tocara moitas veces  nin a un amor grande que tivera no Morrazo. Contou as súas visitas á illa (de Ons), como se documentara sobre o Burato do Inferno, «onde existe unha auténtica catedral», ou como o personaxe de Iago Ray, tan decisivo na resolución da novela, tiña relación coa vila morracense. Feijoo contestou a numerosas cuestións relacionadas cos figura de Rosalía de Castro e o proceso de documentación tan minucioso realizado para A memoria da choiva. Recoñeceu que para el deste traballo documental emerxe a trama, nun diálogo permanente, emprendendo un camiño en paralelo. Un acto literario magnífico.