Artigos

Campo do Fragoso XCIX

GOL MOI DOCE

Daba gloria ver as facianas de ledicia dos seareiros celestes tras o remate do derradeiro encontro deste ano. Tras case catro meses de competición, este Celta cada semana dálle máis folgos as nosas esperanzas e fainos vibrar con maior intensidade na bancada. Non foi doada nin moito menos esta vitoria fronte ao Salamanca, un rival serio que, sobre todo durante a segunda parte, aseñorou o encontro e tivo oportunidades moi claras de bater a Falcón. Cada unha das partes foi para un equipo, a primeira para os de Paco Herrera e a segunda para os charros; aínda que sería máis preciso salientar que cando os conxuntos estiveron igualados mandaron os nosos e cando o Celta estivo en inferioridade numérica mandaron os visitantes. Desta volta aos galegos custoulles case dez minutos fabricar a súa primeira chegada letal, un gol de Quique De Lucas, anulado por dubidoso fóra de xogo, tras unha xogada memorable de Álex López. A partir de aí o noso Messi de Narón, sen dúbida, o mellor xogador sobre a lameira, o mellor celeste da tempada, toleou aos salmantinos cos seus canos, caneos, paredes e xutazos. Esa sociedade de moi alta escola que forman Álex e Trashorras onte durante vinte minutos derrochou as súas esencias e así comezaron a chegarlles oportunidades de pé de banco aos dianteiros celestes que unha e outra vez estragaron David Rodríguez e Quique De Lucas, moi pouco afortunados. Con todo, a ocasión máis xeitosa deste período foi un cabezazo do central Catalá, á saída dun saque de recanto, que detivo na mesma liña o porteiro Biel Ribas, un vello coñecido que repetiu en Balaídos outra magnífica actuación. Cos minutos finais da primeira parte o Celta tivo un baixón de intensidade deitando o partido nese centrocampismo abafante que tanto anoxa aos seus seareiros. Porén, no derradeiro minuto deste período, Roberto Trashorras noutro alustro de xenialidade cruzou un pexegazo que bateu ao gardarredes castelán. O partido puido liquidarse xusto ao comezo da segunda parte, cando David Rodríguez volveu errar, con toda certeza posuído por esa inexplicable síndrome do dianteiro centro diante da porta baleira. A superioridade céltica viuse abaixo un minuto despois cando Ander Murillo, a quen se lle viu un chisco desorientado dende o comezo, foi expulsado por dobre amoestación. A partir de aí o partido complicouse para os nosos unha barbaridade. O traballo desorbitado de Bustos non abondaba, os célticos perderon o control da pelota e devagariño foron pechados diante da súa área. Paco Herrera resolveu retirar a Trashorras do terreo de xogo, substituíndo por Ortega, un central. O adestrador expresaba dese xeito que decidira colocar ao equipo detrás da pelota, defendendo no seu campo e agardando poder aproveitar algún roubo. Foron corenta minutos interminables de defensa meduliana, co equipo todo pechado resintindo os ataques dos helmánticos que puideron marcar en senllos remates á saída de saques de recanto. Nin sequera a saída de Joan Tomás e Dani Abalo aliviou a presión, que só chegou, faltando oito minutos para o remate, cando foi expulsado por tarxeta vermella un dos visitantes. Ensinounos así, este Celta de Paco Herrera que tamén sabe sofrir, que tamén é quen de defender cando non posúe a bola, algo novidoso nun equipo ao que lle gustar sempre aseñorar os partidos de principio a fin. O gol de Trashorras é moi doce, coma o turrón deste Nadal. Unha vitoria traballada que nos deixa apenas a un punto do Raio Vallecano. Este ano 2010 non puido rematar mellor.

Campo do Fragoso LXXXIX

SEN PEGADA

Este Celta de Eusebio é un estilista sen pegada. Ninguén pode negar que o noso adestrador inculcou con enorme paciencia e honestidade no seu cadro un estilo de xogo moi definido, baseado no bo trato da pelota e nun esquema táctico que constrúe o ataque dende a defensa e o xogo defensivo dende a dianteira, por medio dun sistema de axudas entre as tres liñas. Fiel ao espírito dos seus mestres de Can Barsa, esta convicción de Eusebio na validez do seu estilo de xogo facilitou a incorporación masiva ao equipo de xogadores de canteira, algo inédito en Balaídos nas dúas derradeiras décadas. No magnífico campionato de Copa a fórmula funcionou de marabilla, demostrando que o xogo que atesouran nas biqueiras os rapaces formados na Madroa nada ten que envexar á lexión de cedidos que tanto nos fixeron sufrir en tempadas anteriores. Porén, no campionato de Liga desta difícil Segunda División a fórmula eusebiana non arrinca, sobre todo nos partidos en Balaídos, onde o equipo só foi capaz de obter 11 puntos nunha ducia de partidos e leva xa outros dous meses sen gañar. Un balance negativo e pouco agradecido para os seareiros. Onte fronte o Salamanca, un conxunto que traía a lección moi ben aprendida, os nosos recuncaron no empate sen goles nun partido no que volveron amosarse as carencias endémicas de remate. Como xa é adoito, os nosos saíron coma lobos, famentos de gol. Os dous primeiros minutos abondaron para que López Garai xutase con perigo dende a frontal e Dani Abalo caese na área rival. O Celta desenvolveu durante o primeiro cuarto de hora un primoroso xogo de salón, trazando triángulos coa precisión do tiraliñas e presionando sobre a mediana no campo rival. Porén, os charros que, até entón, adoptaran a estratexia da resistencia paciente, avisaron que lles importaba o resultado do partido en dúas xogadas a balón parado que provocaron o pánico na bancada. Con todo, durante toda esta primeira parte, Iago Aspas e Dani Abalo xeraron xogo de ataque abondo para marcar un par de goles, en oportunidades que malograron Michu e Joselu. A reanudación foi moi diferente, o partido toleou. Produciuse un constante intercambio de golpes en ambas as dúas áreas. Aos catro minutos puideron marcar os visitantes; dous minutos despois, Joselu fixo o máis difícil e, cando quedou só, envíou a pelota ao pao. Dez minutos máis tarde, Dani Abalo non chegou a rematar unha diagonal asombrosa tirada por Aspas. Sen embargo, foi Falcón quen salvou un remate magnífico de Linares que vimos dentro. Nesta lideira, o equipo gañou en profundidade co debut de Papadopoulos, que semellaba podería desnivelar un partido, nesta fase, emocionante e xeitoso para os espectadores. No cuarto de hora final nin a entrada de Botelho nin a de Danilo intensificaron o xogo dos celestes que moi cansados abrazaron o empate diante da indiferencia dunha bancada que se preguntaba as razóns de deixar fóra da convocatoria a Roberto Trashorras, o elemento máis desequilibrante do cadro. Con todo, deste empate poden tirarse unhas cantas leccións positivas: a solidez defensiva, tanto da parella de centrais (onde Túñez comeza a asombrar) como de laterais; o traballo eficacísimo dos medioscentros, Busto e López Garai; e a esperanza que pode supoñer a incorporación de Papadopoulos, o veterán internacional grego, que a pesar de estar colocado en banda, demostrou en media hora posuír electricidade abonda para suplir as nosas carencias de pegada.

Comeza o ano de Ramón Piñeiro

Acompañar ao profesor don Xesús Alonso Montero a Salamanca permitiume escoitar a súa extraordinaria conferencia sobre a figura de Ramón Piñeiro. Sen entreterse noutras retóricas que as imprescindibles para agradecer o convite aos agarimeiros organizadores da Área de Galego Portugués da Universidade de Salamanca (moitas grazas, Xandra!), comezou don Xesús coa lectura dun seu artigo titulado «Foi, sen dúbida, un cidadán heroico», publicado na sección semanal «Beatus llegit» que mantén no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia (non se pode atopar na rede, o que constitúe unha auténtica mágoa, tratándose dun texto de lectura tan recomendable).

No artigo, sen citar nunca de quen se trata, ata as derradeiras palabras, o profesor de Ventosela retrata a figura humana dunha persoa que posuía «a sobriedade dun sabio antigo», homenaxea a un home «concienciudo, sinxelo, eficaz, sempre convincente, que carecía de vaidade», a «un Sócrates sen títulos académicos», en definitiva a «un auténtico diamante moral, un cidadán heroico chamado Ramón Piñeiro». Tras a lectura do artigo, Alonso Montero interrógase sobre como é posible que mantivese semellante admiración por unha persoa que ideoloxicamente estaba nun mundo distinto ao seu. «Piñeiro non era ateo, nin despois de 1950 moveu un dedo contra a monarquía, foi antimarxista, a que se debe, entón, a emoción da miña admiración? A que se trataba dun diamante moral.»

Logo, Montero fixo un rápido retrato biográfico de Piñeiro. Nacido en Láncara no ano 15, de orixe labrega, estuda os bacharelatos en Lugo, período no que ingresa nas Mocidades Galeguistas, «onde xa destaca máis como teórico que como activista». Lembrou, don Xesús, as palabras de Otero Pedrayo de 1934: «coñecín un rapaz en Lugo que é un auténtico Erasmo». Piñeiro na súa mocidade republicana xa era un meditador, un reflexivo, un teórico. Na Guerra salva a vida enrolándose cos da súa quinta no exército de Franco. Rematada a contenda, segue sendo republicano e galeguista. «Decátase que é desas poucas persoas que pode loitar na clandestinidade pola causa galeguista.» Xesús, a esa altura da súa intervención, enfatiza no carácter heroico da decisión de Piñeiro de facer oposición clandestina nun período (1940-1942) no que a represión era feroz. A continuación salientou a importancia da data do 2 de febreiro de 1943, data do triunfo das tropas soviéticas en Estalingrado, o que provoca o convencemento nos galeguistas, como noutras forzas de oposición, que a ditadura de Franco caerá decontado. Esta é a razón pola que en 1943, Piñeiro viaxará a París para entrevistarse con Giral, presidente do goberno da República, coa intención que introduza no seu goberno a un ministro galego sen carteira (Castelao), que representará a Autonomía Galega. Regresa a Madrid, onde será detido en 1946, e logo xulgado e condenado a seis anos dos que cumprirá tres. «Piñeiro de 1946 a 1949 estivo en prisión con Koldo Michelena, mais nin el nin o seu amigo euskaldún foron torturados, aínda que presenciaron a tortura.» Don Xesús proseguiu o seu relato, «cando sae da cadea en 1949, Piñeiro deixa de defender a República, porque sabe que se está xestando a causa monárquica. Deixa de defender a República e aposta por defender valores.» Formula unha nova estratexia, a de utilizar as canles legais, as dunha editorial, para contactar cos novos e defender os valores galeguistas.» A pesar de que Piñeiro non aparece na foto de creación da editorial, xa que está en Valdecilla operándose dos ollos, Galaxia será clave na súa estratexia. Proporciónalle un soldo, como director literario, e a posibilidade de exercitar o seu labor dende a súa casa de Santiago. «Xelmírez 14, 4º e a mesa camilla pola que pasamos todos  aparece na historia de Galicia. dende alí Piñeiro propón unha información democrática. Dende alí Piñeiro fala da situación da cultura e da lingua. dende alí reiventa a cultura galega.»

O profesor Alonso dedicou o derradeiro treito da súa intervención a presentar unha breve panóramica da cultura galega tras a Guerra Civil e a nova estratexia que sobre ela introduce Piñeiro. «Dende 1936 a 1948 non se publica en Galicia ningún libro en galego, coa excepción dos que se publican en América. Esa era a situación coa que se atopa Piñeiro á saída da cadea. Entón, rompeu co Partido Galeguista, porque naquel momento era suicida mantelo na clandestinidade. Dende ese momento a gran tarefa de Piñeiro será demostrar, sobre todos aos novos, que eramos reticentes, que o galego debía ocuparse da alta cultura.» Esa estratexia é a que condice a Piñeiro a publicar en 1951 un ensaio sobre a saudade, que foi cualificado por Juan Aparicio, que logo sería un destacado censor do Réxime, como «un texto que tiña faltas de ortografía no corpo e n alma». Coa publicación deste texto Piñeiro quere demostrar que o seu idioma é unha lingua A. No mesmo ano, 1951, Piñeiro e o seu amigo Celestino Fernández de la Vega traducen do alemán un libro de Heidegger, A esencia da verdade, mais teran que agardar a 1956 para conseguir autorización e velo publicado. «No seu proxecto, Piñeiro incorpora aos doutores Rof Carballo e García Sabell, ao poeta Luís Pimentel, así está reiventando a cultura galega. esa é a gran proeza de Piñeiro, realizada na austeridade, na sobriedade dunha condición moi adversa.» son as palabras de conclusión da conferenciante de don Xesús.

Esta magnífica conferencia de Alonso Montero, que recolle a tese central do libro que está corrixindo para Galaxia, Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, será a base da súa intervención nas xornadas «Ramón Piñeiro na Galicia do século XX» que, organizadas pola Fundación Carlos Casares, se celebrarán en Lugo do 23 ao 26 de marzo.

No eido bibliográfico tamén comezan a aparecer algunhas novidades. En Xerais tras a publicación do ensaio Ramón Piñeiro e a estratexia do Galeguismo de Xosé Ramón Rodríguez Polo, agardamos os primeiros exemplares da novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos, unha proposta moi orixinal de achegamento aos fíos da memoria de dous galeguistas Piñeiro e Víctor Campío.

Outrosí é a magnífica posibilidade que proporciona o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega de gozar dunha escolma sonora de quen foi o primeiro presidente da institución. Un recurso didáctico e documental utilísimo que recomendamos moi vivamente.

Seguiremos atentos ás novidades e acontecementos deste «Ano Piñeiro».