Artigos

A Salvo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación do libro A Salvo de Tomás Alonso, biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor

Fun a correr a Librouro en canto souben da publicación d’ A Salvo (La Fábrica de Libros 2020), a biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor (Vigo 1958-2016), escrita polo xornalista Tomás Alonso. Imaxinaba que se trataría de materia moi sensible para min e abofé que non me decepcionou xa que prendín neste relato emocionante, que reconstrúe a traxectoria deportiva e vital do mellor xogador da historia do baloncesto vigués e un dos deportistas mais destacados da nosa cidade. Un texto biográfico alicerzado sobre os piares das voces testemuñais das amizades e das declaracións de admiración unánime dos seus colegas de canastra.

Un relato enriquecido coas pingas de humor e entusiasmo dos días felices nos que o protagonista compartía a ledicia de vivir con xenerosidade desbordada. Páxinas que, sen embargo, non agochan nin as dificultades dalgúns excesos nin a dor das duras xornadas de melancolía nin dos meses da doenza mortal de Quino cando regresou a Vigo, a súa cidade amada, despois dun longo periplo de tres décadas pola península como xogador e adestrador, como un romántico do vello baloncesto aprendido nas canchas de piche e cemento dos salesianos da Ronda.

A Salvo é ademais un referente sentimental para toda aquela rapazada que nos educamos no Colexio Salesianos entre a metade das décadas do sesenta e dos setenta, anos aínda de franquismo e nacional catolicismo nos que o deporte, o cine e o escultismo, as actividades extraescolares preferentes, mitigaban os rigores da férrea disciplina académica e relixiosa da cultura do máximo esforzo que impoñía nas aulas «el consejero» e o resto do profesorado salesiano. Lendo nestas páxinas sobre Salvo, chamabámonos polo primeiro apelido, quedei enchoupado cos recordos e saudades do colexio de Taboada Leal, cuxas novas instalacións inauguramos en 1966. Quedei rendido da fidelidade do narrado cando nun dos primeiros capítulos se conta como o protagonista viña ao centro co seu balón Mikasa botando, fintando, e facendo cambios de mans polas beirarrúas ou entre os coches dende Pizarro á Ronda de don Bosco.

Anécdota que activou a memoria de interminables partidas de frontón e pachangas de minibasket sobre unha única canastra, na mesma cancha onde se formou aquel equipo emblemático de baloncesto, onde o mellor era sempre aquel Salvo incansable, no que tamén xogaban o seu irmán José, Julio Bernárdez e Augusto de la Concepción, dende entón inseparables de Quino, hoxe comprometidos animadores ambos os dous da asociación Memorial Quino Salvo. Adestrado polo avogado Juan Aires de Palacio e promovido polo entusiasmo teimoso do salesiano Amador Lama Tombo, formaban parte daquel equipo das clases dos nacidos no 58 e no 59, entre outros, Jaime Molares (mestre de milleiros de xogadores e xogadoras), Pachi Reigosa (actual reitor da universidade), Berto, Tabo, Gilino, Pazó, José Manuel Dios, Antonio Docampo…

O relato de Tomás Alonso acompaña a Quino ao longo das súas quince tempadas como xogador de elite, dende as dúas primeiras no Obradoiro (1975-1976), onde coincidiu con Tonecho Lorenzo, para el «o mellor xogador do mundo», pasando polas do Helios de Zaragoza e as cinco no Fórum Filatélico de Valladolid en ACB, onde probablemente ofreceu as súas mellores campañas nunha cidade onde deixou un recordo extraordinario, até a súa retirada con trinta e cinco anos en Donostia no Askatuak (1992-1993) de LEB ouro. Traxectoria continuada como adestrador durante case dúas décadas, iniciada en Ciudad de Huelva e Torrelavega, onde ascendeu a Cantabria Lobos de EBA a LEB e despois a ACB (unha das súas xestas), pasando por León e Los Barrios, até o seu regreso a Vigo (2006-2007) para dirixir a fantasía do Gestibérica, que intentaron Julio Bernárdez e Pepe Conde, e rematada en Marín no Peixe Galego (2012), cando lle asexaba o abismo da depresión.

Xaora, a cerna deste relato vital moi emotivo está en cada páxina onde é posible recoñecer a xenerosidade do seu protagonista e o seu amor incondicional a un deporte que fixo razón da súa vida. Un baloncesto romántico que este xigante concibía como un xogo de asociación e cooperación baseado na entrega incansable fose como defensor tenaz (Quino foi o único xogador capaz de anular a Epi) ou fose como asistente desinteresado ou tirador preciso. Valores humanos e deportivos recoñecidos aquela noite memorable do 20 de febreiro de 2016 no Coliseum da Coruña onde o vigués nunca distinguido foi ovacionado durante tres minutos por milleiros de afeccionados que recoñecían así a un home que fixo da súa vida BALONCESTO. Por ventura, libros como este de Tomás Alonso e actividades como as organizadas cada ano pola asociación Memorial Quino Salvo contribúen a continuar en Vigo esa loita incesante da memoria contra o esquecemento. Grande Salvo!

Onte 1268: «Xenaro e a negra sombra» de Mar Guerra

Moito_conto_18-03-2015

Na magnífica libraría Moito Conto da Coruña, especializada en literatura infantil e xuvenil, presentamos onte Xenaro e a negra sombra , a novela de Mar Guerra ilustrada por Fernando Llorente. Miguelanxo Prado foi o padriño deste terceira entrega da serie protagonizada por Xenaro Conese Maiúsculo, o protagonista de Xenaro e o misterio da mochila verde co que a autora coruñesa obtivera o premio Merlín de Literatura Infantil 2008.

XG00209101Comezou Miguelanxo lembrando que coñecera a Mar Guerra como membro do equipo de prensa de Viñetas desde o Atlántico e que para el fora unha moi grata sorpresa cando soubo que obtivera o premio Merlín. Xa metido na fariña da novela, cualificou o universo no que se move o protagonista de crible: «Mar consegue que ese grupo preadolescente sexa dende o primero momento fascinante e coherente, tanto pola variedade social existente (hai pijos, gafapastas…) coma polos seus conflitos, incluído o lingüístico. Lembroume un pouco ao xogo que facía Quino con Mafalda e cada un dos seus personaxes, aínda que coas súas características.» «Na serie de Xenaro hai todos os ingredientes da novela de calidade, hai aventura, intriga e mesmo un chisco de medo. Mais tamen outros que convidan á iniciación na lectura na contorna dos personaxes sen que o resultado sexa un afán didáctico. Mar Guerra sabe introducir estes elementos de xeito interesante.»

Ocupouse despois Prado de salientar a importancia da linguaxe na novela. «Xenaro é amante das palabras, dos sinónimos, do soletreo, utiliza a lingua con precisión, atento sempre ao seu significado. Non esquezamos que a lingua é seguramente o don máis preciado que a natureza nos dei aos seres humanos. É moi salientable que unha autora e un personaxe teñan esa consideración sobre a linguaxe e o valor das palabras.»

A seguir, ocupouse o autor de Ardelén do traballo de ilustración de Fernando Llorente. «Coñecín a Fernando no mundo da animación. Foi deses debuxantes cos que tiven o pálpito con só ver un par dos seus debuxos. Ten chispa, os seus debuxos nunca deixan indiferentes, pese a súa aparente sinxeleza, teñen un punto de vista especial, ese hálito de vida é un ben moi escaso. Ademais, é un debuxante elegante, que é algo a valorar.» Confesou Miguelanxo que «a estas alturas non concibo a literatura infantil e xuvenil sen ilustrar. Creo que é completamente indispensable para o lector. O libro é unha ferramenta incrible que une o lingüístico e a educación visual.»

Comezou Mar Guerra celebrando que «é fantástico que Miguelanxo Prado veña a falar do noso libro e non do seu» e confesando que pasara moito tempo entre a escritura e a publicación desta novela. «Despois do Merlín e do contacto cos rapaces nos coles, saía sempre a pregunta de se ía haber continuación. Daquela decidín facer un segundo e agora este terceiro, que penso debería pechar a saga. Pechei un curso escolar de sexto de Primaria. O primeiro trimestre aparece en Xenaro e o misterio da mochila verde; o segundo en Xenaro e a hucha do indiano; e o terceiro neste Xenaro e a negra sombra. É, pois, unha triloxía para o último curso da Primaria.»

«Esta terceira entrega é un Xenaro de exteriores, todo transcorre lonxe da casa, ao aire libre, no decurso dunha semana de fin des estudos no albergue de Porroutó. Ten unha nota realista, o personaxe do Carapucho, prestado dunha historia real.» «Pretendín que fose un texto onde nada é o que parece, onde ninguén é bo ou malo por natureza. Fixen acenos a Tarzán e a Mowgli, así como unha defensa do lobo, unha vítima da nosa avaricia e desprezo polo Planeta. E sobre todo, quixen facer un canto á amizade, á solidariedade e á empatía, ese sentimento que nos fai ser humanos, que fai que te mergulles na pel de quen está ao teu carón. O libro é un berro pola empatía, para que fose algo cotián.»