Listado de la etiqueta: pedro_vindel

A exposición do Vindel

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a exposición prevista en Vigo do pergamiño Vindel.

1280px-Martim_Codax_Cantigas_de_Amigo

Este ano 2017 debería ser o do regreso do Pergamiño Vindel a Galicia, despois de corenta anos na cámara acoirazada da Pierpont Morgan Library de Nova York, rexistrado como documento M979 e só dispoñible para investigadores. Tras a proposta da viguesa asociación cultural Pertenza, a profesora Camiño Noia, en representación da Universidade de Vigo, xestionou co museo novaiorquino a cesión temporal do Vindel e asumiu a responsabilidade de expoñer en Vigo, no marco dun programa de actividades académicas, a que é a peza máis valiosa do patrimonio bibliográfico da literatura galega. Un pergamiño de 34 cm de longo e 46 de largo, datado na segunda metade do século XIII, atopado hai un século no forro dun códice do século XIV nunha obra de Cicerón polo libreiro madrileño Pedro Vindel, que contén disposto a catro columnas o texto das sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Codax, acompañadas dos pentagramas musicais de seis delas.

Anunciada a pasada primavera, baixo o título “Os tesouros da cidade”, a exposición do Vindel estaría aberta no museo Marco de Príncipe de 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018, froito da colaboración entre a Universidade o Concello de Vigo. Porén, como non é estraño na nosa cidade revolcada, parece que existen problemas para pechar o acordo económico entre ambas as dúas institucións, como recoñeceu o alcalde Caballero na entrevista do pasado domingo en “Faro de Vigo”. O que é, inevitable, provoca preocupación diante da posibilidade de que a cidadanía viguesa (sobre todo os escolares e as xeracións máis novas) perda a experiencia única de coñecer ao vivo unha das máis valiosas alfaias viguesas, o orixinal da primeira peza do seu patrimonio bibliográfico

O Pergamiño Vindel non é unha peza calquera do patrimonio galego. É, sen dúbida, a trabe de ouro para entender o celme da historia de Vigo e a súa identidade milenaria como abella da ribeira. A existencia do Vindel abala a teoría defendida por Álvaro Cunqueiro de que Vigo foi unha cidade fundada por un poeta, aquel Martín Codax “que bailaba no sagrado de Vigo” e “via a súa amiga bañarse nas ondas”. Un pergamiño que, para Xosé María Álvarez Blázquez, o autor de “Vigo. A cidade e os días” e cronista oficial da cidade de 1976 a 1985, demostra que o trobeiro Martín Codax é “o vigués máis universal de todos os tempos”, tendo Vigo o privilexio de ser coñecida no mundo pola graza dun poeta “para quen a súa vila natal era cifra e suma de todos os seus amores”, facendo da terra nosa vértice da espiritualidade peninsular. Dúas testemuñas, as de don Álvaro e don Xosé María, que debuxan con claridade o triángulo único formado por Vigo e a súa ría, co poeta Martín Códax e as súas cantigas musicadas recollidas no Vindel.

Un pergamiño que dende a súa descuberta fortuita hai un século, foi cobizado por musicólogos, bibliófilos e filólogos como unha das xoias da literatura medieval, que transcende con moito o seu valor económico, por importante que este sexa. O Vindel é unha peza de enorme importancia para a literatura galega xa que, como sinala Xesús Alonso Montero, actual presidente da Real Academia Galega, constitúe “a proba documental de que as cantigas de tema profano existiron e funcionaron como tales cantigas”. Máis aínda cando até o seu descubrimento en 1914 os máis eruditos coñecían só as “Cantigas de Santa María”, un corpus literario e musical de temática mariana elaborado no século XIII na corte de Afonso X O Sabio. Sen esquecer, tampouco, que houbo que agardar até 1990 para atopar unha peza semellante, tras a descuberta en Lisboa polo profesor Harvey L. Sharrer dun pergamiño que contén a música de sete fragmentos de cantigas de amor de don Denís rei poeta de Portugal.

Por moi escasos que sexan os recursos destinados en Vigo á programación cultural, paréceme difícil comprender que entre todas as administracións que operan sobre a nosa área (Concello, Área Metropolitana, Deputación, Xunta, Autoridade Portuaria, Zona Franca, Axencia Europea de Pesca), as fundacións das entidades financeiras e mesmo as máis importantes empresas instaladas na cidade, non poidan achegar entre todas elas os 400.000 euros necesarios para poder abrir a exposición do Pergamiño Vindel nunha instalación municipal, sexa o Marco ou a Casa das Artes. A do Vindel non é unha exposición calquera para unha cidade nacida do gromo que sementou o poeta Martín Codax. Acadar un amplo acordo interinstitucional público e privado para celebrar o regreso do Vindel é un esforzo que pagaría moito a pena intentar.

Centenario do Pergamiño Vindel

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro o centenario do Pergamiño Vindel.

Non debe pasar desapercibido o centenario da descuberta do “Pergamiño Vindel”, peza fulcral do patrimonio bibliográfico galego, conservada dende 1977 na biblioteca Pierpont Morgan de Nova York. Un pergamiño da segunda metade do século XIII, atopado como forro dun códice do século XIV nunha obra de Cicerón polo libreiro madrileño Pedro Vindel. Un pergamiño de 34 cm de longo por 46 cm de ancho, que contén disposto a catro columnas o texto das sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Codax, acompañado dos pentagramas musicais de seis delas.

Unha primeira noticia desta extraordinaria descuberta para a literatura galega achegouna o propio Pedro Vindel cando publicou na revista “Arte Español”, no número correspondente a febreiro de 1914, un artigo titulado “Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martin Codax, juglar del siglo XIII”, acompañado cos fotogravados da primeira e da quinta cantiga. Probablemente contando coa asesoría do pontevedrés Víctor Said Armesto, primeiro catedrático de lingua e literatura galego-portuguesa da Universidade Central de Madrid, o erudito máis versado daquela sobre a lírica galego-portuguesa, o bibliófilo Vindel editou en 1915 un folleto de tirada moi reducida (apenas dez exemplares á venda), no que se recollía a totalidade do manuscrito, acompañado de diversas notas e de nove fotogravados en tinta negra. Unha publicación de enorme importancia para a nosa historia literaria xa que, como sinalou o profesor Xesús Alonso Montero, “constituía a proba documental de que as cantigas de tema profano existiran e funcionaran como tales cantigas”. Lembremos que até entón só os máis eruditos coñecían as “Cantigas de Santa María”, un corpus literario e musical de temática mariana elaborado no século XIII na corte de Afonso X O Sabio. Un privilexio o do noso cantor do mar de Vigo que dende 1990 comparte co rei don Denís, tras a descuberta en Lisboa polo profesor Harvey L. Sharrer dun pergamiño que contén a música de sete fragmentos de cantigas de amor do rei poeta de Portugal.

A historia do éxodo e exilio desta peza de ouro do patrimonio galego, reproducida por Xerais no ano 1998, coincidindo co ano das letras galegas dedicado aos cantores do mar de Vigo, merecería ser reconstruída con detalle. Cobizado dende a súa descuberta por musicólogos, bibliófilos e filólogos, parece que Emilia Pardo Bazán intentou convencer a Vindel para que a peza non saíse de España. Porén sería adquirida en 1918 por un prezo de seis mil pesetas por Rafael Mitjana, musicólogo e diplomático español residente en Suecia, que pretendía facer un estudo sobre a música do manuscrito. Tras a súa morte en 1921, o pergamiño quedou na súa biblioteca en Upsala, até que foi vendido polos seus herdeiros en 1961. Adquirido en data incerta polo bibliófilo profesional Otto Haas, foi posto á venda en Londres polo seu colega Albi Rosenthal, e adquirido pola xa citada biblioteca Pierpont Morgan, rexistrado como M979, onde quedou a disposición dos investigadores.

Foi na biblioteca novaiorquina onde Manuel Pedro Ferreira consultou o Pergamiño Vindel devagariño e convertiuse no seu mellor coñecedor. Froito daquelas pescudas o musicólogo lisboeta publicou “O som de Martin Codax” (1986), un libro no que ofrece unha análise exhaustiva do documento orixinal, realiza a transcrición diplomática, a edición integral do texto e da música (na que identifica a dous copistas), inclúe varias figuras ilustrativas e fotografa a totalidade do contido poético-musical. Sería tamén Manuel Pedro Ferreira quen dirixiría a agrupación de música medieval Vozes Alfonsinas na gravación do disco “As melodías de Martín Codax” que Xerais publicou en 1998, dende entón o documento fonográfico de referencia da seis cantigas codacianas.

Álvaro Cunqueiro escribiu que “se Vigo fose unha polis grega, se diría que foi fundada por un poeta, aquel Martín Codax que ‘bailaba no sagrado de Vigo’ e vía a súa amiga bañarse nas ondas”. Para Xosé María Álvarez Blázquez, o trobeiro Martín Codax é “o vigués máis universal de todos os tempos”, tendo Vigo o privilexio de ser coñecida no mundo pola graza dun poeta “para quen a súa vila natal era cifra e suma de todos os seus amores”, facendo da terra nosa vértice da espiritualidade peninsular. Este 2014, ano do centenario do Pergamiño Vindel, o primeiro libro da nosa literatura, é unha oportunidade para volver sobre a proeza dun poeta sen biografía, ese descoñecido Martín Codax de quen por ventura conservamos a alfaia sas súas sete cancións orixinais de raíz popular. O xeito máis brillante de facelo sería organizar en Vigo unha exposición didáctica na que se contase co propio Pergamiño Vindel recuperado durante uns meses do seu exilio transoceánico. Pagaría moito a pena sequera intentalo.