Artigos

Onte 1707: Culturgal 2016 en marcha

logo-footer-culturgal2Dende onte poden reservarse espazos e propoñer actividades para o Culturgal 2016, que se celebrará do 2 ao 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Como en edicións anteriores hai descontos, que poden chegar até o 36 % do prezo base, para as empresas e entidades que contraten os seus espazos antes do 31 de agosto. As propostas de actividades e presentación de produtos, servizos e novidades nos eidos do Libro, Música, Artes Escénicas, Audiovisual, Infantil…. están abertas até o 2 de outubro. O vindeiro seis de xullo presentaremos esta novena edición de Culturgal, cuxa exposición principal xirará arredor do eixo temático  «Artes e natureza». Culturgal 2016 conitnuará asumindo a  corresponsabilide de administracións e gremios, apostando pola diversidade de públicos e priorizando as propostas máis emerxentes e renovadoras da industria cultural galega.

Presume de Culturgal

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao Culturgal 2015 que abre as portas o vindeiro venres.

culturgal_2015_01-12-2015

Esta fin de semana celebrarase Culturgal 2015. Do venres 4 ao domingo 6 de decembro xuntaranse no Pazo da Cultura de Pontevedra máis de medio milleiro de creadores e creadoras para desenvolver cento cincuenta actividades e tres grandes exposicións; mentres que oitenta entidades expositoras, entre empresas privadas e institucións e entidades públicas, presentarán nun cento de stands as súas novidades e servizos recentes a 15.000 persoas, no que xa é o maior evento anual da cultura galega. Entusiamo, diversidade e orgullo caracterizan hoxe este evento que tras a súa continuidade en Pontevedra, sempre na primeira fin de semana do mes de decembro, conseguiu devagariño crear unha nova tradición no calendario cultural galego e funcionar coma un escaparate das novidades dos sectores da nosa cultura (libro, disco, cine, teatro, cultura dixital e artesanía), mais tamén como un punto de encontro e interacción transversal dos seus profesionais e dos seus públicos.

Organizada pola asociación Culturgal, integrada por cinco asociacións empresariais dos sectores das industrias culturais, Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas Músicais (AGEM), Escena Galega (teatro), EGANET (empresas galegas dedicadas a internet e novas tecnoloxías) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), contando co patrocinio principal de tres entidades públicas (Xunta de Galicia, a través de AGADIC; Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra), que achegan o sesenta por cento do seu orzamento, tras oito edicións, Culturgal madureceu consolidando un modelo de xestión baseado nos principios de corresponsabilidade, profesionalización, calidade, transparencia e participación. A intensa colaboración intersectorial das asociacións, o apoio das administracións públicas, gobernadas por diversas cores políticas, o esforzo hercúleo, o rigor e a austeridade da xestión do evento artellado por un pequeno equipo de profesionais, dirixido nas tres últimas edicións por Xosé Aldea, son outras claves do éxito dunha feira cultural que quixo reinventarse en cada edición coa intención de sorprender aos seus públicos e ofrecerlles melloras na súa experiencia persoal.

No entorno da crise interminable que afectou de forma brutal a todos os sectores da industria cultural, tanto pola diminución do consumo privado, polas mudanzas e incertezas provocadas pola hibridación dixital como pola inevitable rebaixa das achegas dos poderes públicos, Culturgal apostou pola estratexia do estorniño, esa solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade de Culturgal, que ademais de contar coas colaboracións intersectorial e interinstitucional, procurou a dos propios públicos, a primeira razón de ser desta feira, establecendo de forma pioneira en Galicia unha entrada de pagamento para este tipo de eventos culturais (2 euros por día, 3 euros para todo o evento, 1 euro por día para os nenos e nenas entre 3 e 12 anos e 2 euros para todo o evento). E abofé que na pasada edición as respostas dos públicos, tanto o familiar como os especializados e profesionais, non puido ser máis xenerosa e comprensiva, converténdose nun importante motor para acadar a sostibilidade económica deste modelo.

Outras mostras do espírito anovador de Culturgal foron nas últimas edicións a inclusión no programa de actividades infantís dun apartado específico dedicado a bebés e nesta dun espazo específico dedicado ao xogo dos máis novos; o establecemento de liñas transversais da programación, o pasado ano a cultura gastronómica, nesta a posta en valor da cultura da palabra; a ampliación dos espazos formativos e de encontro intersectorial, que este ano suporá un encontro de profesionais da escena e outro de editoras e produtoras cinematográficas; a creación do Premio do Público Culturgal, outorgado por votación popular en internet por milleiros de persoas, que nesta edición 2015 correspondeu a Curtocircuito Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela; e a incorporación das artes plásticas por medio dunha gran exposición patrocinada pola Deputación de Pontevedra, comisariada por Antón Sobral e Paula Cabaleiro, baixo a denominación de “Somos espazo”, ocuparase das simbioses creativas entre arte e arquitectura.

Se non abondase, nesta edición a feira presentará un novo deseño espacial co que se pretende facilitar a circulación e satisfacción do público e unha mellor visibilidade para todos os expositores. Eis o lema desta edición “Presume de Culturgal”. Cando apenas quedan un par de días para abrir as súas portas convido a compartir o entusiasmo destoutro Culturgal en man común.

Onte 1507: Presume do Culturgal 2015

Culturgal_2015

Presentamos onte a programación do Culturgal 2015. Máis de cento cincuenta actividades para públicos diversos (familiar, especializado e profesional) que do 4 ao 4 ao 6 de decembro xuntarán no Pazo da Cultura de Pontevedra a máis de medio milleiro de creadores, oitenta entidades expositoras e, previsiblemente, máis de 15.000 persoas. O éxito do modelo acuñado por Culturgal dende hai oito anos, no que participan cinco asociacións representativas dos diversos eidos da industria cultural e patrocinan nun sesenta por cento tres administracións públicas diferentes (Xunta, Deputación e Concello de Pontevedra), radica na asunción dos principios de corresponsabilidade, transparencia e participación, como piares do seu funcionamento. Entusiasmo, diversidade e orgullo caracterizan hoxe este evento que funciona coma un escaparate das novidades dos sectores da cultura galega (edición, artes escénicas, música, audiovisual e cultura dixital), mais tamén como un punto de encontro dos seus profesionais e dos seus públicos.

Xaora, o esforzo do equipo de profesionais que dirixe Xosé Aldea oriéntase a ofrecer aos públicos unha feira que sorprende e innova cada ano, mais na que tamén devagariño pretende consolidar unha tradición. Eis a importancia da estabilidade en Pontevedra e a vontade de compartir a experiencia da feira coa do turismo. Mellorar a experiencia persoal dos diferentes públicos, visibilizar o que está oculto, ofrecer novos espazos formativos, indagar no carácter transversal dalgunhas propostas son tamén obxectivos dunha feira que é de todos e todas, artistas, empresas e públicos. Eis o lema desta edición «Presume de Culturgal». En definitiva, cando apenas quedan un par de semanas para abrir as portas do Culturgal 2015, convidados a sinalar nas axendas as datas do 4, 5 e 6 de decembro.

Onte 1386: Presume de Culturgal

cartel def.indd559e4e402e-culturgal-00O Culturgal 2015, que se celebrará do 4 ao 6 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, xa está en marcha. Na presentación desta nova edición da nosa Feira das Industrias Culturais demos a coñecer o estado de contratación dos espazos e a apertura da convocatoria de actividades (até o 30 de setembro), asi como algunhas das novidades previstas. A Palabra, en todas as súas expresións (escrita, falada, declamada, cantada, a palabra nos libros, na música, no cine, a palabra no debate, na internet, na formación…) será a marca desta oitava edición de Culturgal, na que continuaremos procurando a corresponsabilidade dos diversos públicos e o incremento dos estándares de calidade e seguridade das actividades e servizos. O lema escollido, «Presume de Culturgal», como cartel deseñado por Numax, centrado sobre unhas mans que agariman, simbolizan o entusiasmo e orgullo colectivo pola feira pontevedresa. Seguimos.

Onte 1263: Noite da Edición 2015

noite_da_edicion_2015

No Pazo da Cultura de Pontevedra celebrouse a Noite da Edición 2015 na que se entregaron os premios aos mellores libros do pasado ano, outorgados polos membros da Asociación Galega de Editores. Nesta edición homenaxeouse ao editor Telmo Eiriz, propietario de Galinova que celebra o vinte e cinco aniversario da súa actividade. Antes de comezar a cerimonia, Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra guiounos polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que na súa XVI edición dedica a súas actividades ao tránsito Da Ciencia á Ficción.

A cerimonia foi conducida polas poetas Lucia Aldao e María Lado con grande axilidade e humor, o que moito axudou a ganduxar as numerosas intervencións da noite. Comezou Laura Rodríguez, presidenta da nosa asociación, sinalando con claridade meridiana as importantes dificultades do sector editorial en Galicia e convidando a participar na campaña de promoción da lectura #eusiqueleo promovida pola AGE durante os meses da vindeira primavera dos libros. O noso admirado Alfonso García Sanmartín, ex-presidente da AGE, fixo a laudatio do labor editorial de Telmo Eiriz, quen nas súas palabras de resposta convidou a defender o libro impreso en papel.

Kalandraka, Alvarellos, Baía e Xerais levaron os galardóns nas diversas modalidades, correspondendo a María Reimóndez o premio Xosé María Álvarez Blázquez á mellor autora do ano. O seu discurso brillantísimo homenaxenado a Begoña Caamaño, que recibira o mesmo premio dous anos antes, e reclamando unha maior implicación do sector editorial na publicación de textos de mulleres e na igualdade real, foi un dos momentos máis relevantes. Como tamén o foron as palabras de Agustín Fernández Paz, cando agradeceu o Ánxel Casal ao mellor libro de ficción por A viaxe de Gagarin, denunciando os prexuízos que se volven verquer sobre a literatura e sobre a lingua galega. Foron tamén momentos moi bonitos para nós, as palabras de gratitude de Helena Pérez, en nome de Xerais, despois de recibir o premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil por Escarlatina, a cociñeira defunta, así como as da súa autora, Ledicia Costas cando colocou o seu aclamadísimo libro no territorio dos que procuran a igualdade de facto entre os mozos e as mozas, neste caso entre os grandes da cociña.

Particular relevancia para os editores galegos ten en cada Noite da Edición o premio Francisco Fernández del Riego co que a xunta directiva da nosa asociación recoñece unha iniciativa cultural ou editorial externa ao noso colectivo. O premio foi nesta edición para as Bibliotecas Escolares de Galicia polo seu labor continuado e compartido de fomento da lectura, promovido e alentado dende o equipo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, formado por Cristina Novoa, Pilar Sampedro e Xosé Luís Barreiro. Un recoñecemento necesario, para un traballo de máis dun milleiro de profesores e profesoras que merece a maior gratitude dos editores.