Listado de la etiqueta: pau_de_navia

IES de Navia: nome honorífico ou topónimo

Dedico o artigo da semana  en Faro de Vigo ao debate sobre o nome do futuro IES de Navia:

Ás portas do inicio da campaña das eleccións galegas do 18 de febreiro, a Consellaría de Educación anunciou o convenio co concello de Vigo para a cesión dun soar de 12.576 metros cadrados en Navia onde se construirá un instituto de ensino secundario para 700 alumnos e alumnas (dúas liñas de ESO e Bacharelato), adaptado ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que levará o nome do escritor vigués Domingo Villar. Sen dúbida, transcorridas dúas lexislaturas de reclamacións veciñais e municipais deste centro educativo de San Paio de Navia, onde tras vinte anos da posta en marcha do Plan de Actuación Urbanístico xa viven máis de dez mil persoas (a parroquia viguesa na que máis medra a poboación nova), onde están en marcha novas actuacións residenciais, novas humanizacións municipais na rúa As Teixugueiras e unha conexión que favoreza a mobilidade peonil co barrio de Coia, o acordo entre as dúas administracións, a autonómica e a local, merece ser moi celebrado, tanto polo atractivo do proxecto arquitectónico educativo, creando espazos interiores máis flexibles arredor dun ágora nunha edificación sostible e integrada na paisaxe urbana, como polo caso pouco frecuente que supón no Vigo actual de colaboración entre administracións.

Sen embargo, non comparto a iniciativa da Consellaría de Educación de denominar ao centro co nome honorífico de Domingo Villar, autor de novelas tan memorables como Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019), ben sei que coa intención de honrar a súa memoria entre as novas xeracións de lectores e lectoras, xa que entendo que como regra xeral, como recomenda a Unesco e como quedou fixado en 1989 na Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo (capítulo VII, artigo 12), deben utilizarse os nomes de lugar (topónimos ou microtopónimos) nas incorporacións ao rueiro ou á denominación dos novos centros ou servizos públicos. O nome do novo centro educativo debe ser, probablemente,  IES de Navia ou mesmo o da parcela da parroquia de San Paio de Navia onde se vai construír. Un nome honorífico, por relevante que sexa, como o deste caso, non debería ocultar un nome de lugar (microtopónimo), transmitido por xeracións, unha creación lingüística colectiva que forma parte do patrimonio compartido. Un criterio de conservación toponímica (ás veces milenaria), insisto, que nada ten que ver cos méritos literarios e humanos da persoa cuxo nome honorífico foi escollido, cuxa memoria pode ser honrada con placas, monumentos, premios e outras iniciativas.

Un caso que tivo o seu precedente en 2004 cando o concello acordou que o nome da rúa que acolleu aos primeiros veciños do PAU de Navia fose As Teixugueiras, o que supuxo un paso decisivo para salvar a toponimia tradicional da parroquia de San Paio de Navia. Un acordo unánime adoptado pola Corporación a proposta da Federación Veciñal Eduardo Chao, da Universidade de Vigo, da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, do Instituto de Estudios Vigueses e da Asociación Galega de Onomástica coa intención de conservar os topónimos tradicionais na denominación oficial das novas entidades de poboación do concello, fosen rúas, prazas, urbanizacións ou bloques de edificios. Un acordo que incorporou ao rueiro noso nomes como As Teixugueiras, Lamelas, Pozo Cabalo, Pedra Seixa, As Ufas, Barreiros ou Limpiños. Microtopónimos do espazo agrícola, hoxe urbanizado, que se rescataron e que os novos naviegos locen orgullosos nos seus enderezos. Unha iniciativa que non debería abandonarse e mesmo contribuiría a incorporar ao rueiro outros topónimos vigueses ocultos como os do Campo de Granada  ou a Devesa do Couto, por citar exemplos recentes.

Idéntico comentario facemos para o anuncio que hai meses fixo a alcaldía para chamar a futura Biblioteca Pública do Estado, que se construirá nas Travesas, nas proximidades do camiño do Chouzo, co nome honorífico de Domingo Villar. O que expresa a urxencia de artellar un modelo de recoñecemento a pé de rúa para a figura do creador do inspector Leo Caldas, como doutros autores e autoras participantes no completísimo Mapa literario de Vigo, elaborado pola Biblioteca Xosé Neira Vilas (que oculta o topónimo popular tan vigués de   «Calvario»). Modelo que podería ter como alicerce a convocatoria anual dun festival e premio internacionais de novela negra Domingo Villar, convocado por Concello de Vigo e Xunta de Galicia. Como sería doado sinalizar o Itinerario Caldas na propia rúa con cadansúa placa ou códigos QR que ampliasen a información literaria. Hai posibilidades abondas de honrar a memoria de Villar ou Neira Vilas ou calquera figura política ou social que o mereza, sen agochar para sempre os topónimos e microtopónimos, construción colectiva de moitos séculos.

Unha biblioteca para Navia

No artigo da semana en Faro de Vigo reclamo a creación dunha biblioteca pública na nova cidade de Navia.

Navia

O pasado venres presentamos na Librería Hobbit da rúa Teixugueiras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (Xerais 2016), a novela máis recente de Ledicia Costas, coa que a escritora de Brea Muiñeira obtivo o Premio Lazarillo de literatura xuvenil. A libraría de Navia quedou pequena para acoller ao máis de medio cento de persoas que acudiron a escoitar as intervencións da autora e do escritor Daniel Landesa, ambos os dous veciños do novo Navia e membros do colectivo Poetas da Hostia. Un acto literario memorable, no que celebramos a publicación dunha obra que explica, dende o territorio da ficción, as verdadeiras razóns da segunda visita a Vigo (o 21 de maio de 1884) do autor de 20.000 leguas baixo os mares e da súa amizade co empresario Antonio Sanjurjo Badía, o famoso “Habilidades” de La Industriosa. Un acto sorprendente no que para o noso abraio coñecimos, grazas o haqueo do xenial Daniel Landesa, a correspondencia secreta intercambiada o pasado ano entre Jules Verne e Ledicia Costas, correos electrónicos esclarecedores sobre a xínea viguesa das mulleres planta que os editores deberíamos incluír, se fósemos afoutos, como apéndice de futuras edicións desta novela cen por cen viguesa.

Ademais do interese literario do acto e das risas alí compartidas, a presentación do libro de Ledicia convertiu á pequena librería Hobbit no principal espazo cultural da nova Navia, transformando así un espazo comercial en auténtico motor cultural dunha comunidade en proceso de constitución. Un feito aínda máis salientable no caso de Navia, unha cidade deseñada sobre o plano en 1995 (o chamado “PAU de Navia”), que hoxe conta, probablemente, con máis de dez mil habitantes, na súa maioría menores de corenta anos, sendo case o trinta por cento menores de vinte, unha porcentaxe de poboación xuvenil inédita en Vigo, unha cidade que tamén envellece e perde poboación como o resto do país. Unha Navia (poboación do Val do Fragoso que xa aparece no mapa de Fontán de 1834), cuxos primeiros edificios foron habitados apenas hai doce anos e que por ventura vai collendo o seu pulo cívico, ao que non é alleo nin o dinamismo que imprime unha poboación tan xove como algunhas carencias denunciadas pola súa veciñanza.

Hoxe Navia conta con equipamentos deportivos excelentes e cun dos maiores parques de Vigo (80.000 metros cadrados), inaugurado hai ben pouco. Ao longo da última década na avenida Teixugueiras, o eixo desta nova cidade de rañaceos de promoción pública, foise desenvolvendo un tecido de pequenos comercios e establecementos de restauración hoxe en moitos casos consolidados. Como tamén é de xustiza recoñecer o esforzo do movemento veciñal e de comerciantes capaces de botar adiante, dende hai cinco anos, o proxecto do Vicus Spacorum, un evento de ambientación histórica que convida a recrear a veciñanza a época na que galaicos e romanos convivían na vella Gallaecia, coa intención inequívoca de facer comunidade. Porén, a nova Navia arrastra importantes carencias nas súas conexións de entrada e saída, que a afastan aínda máis de Coia e da avenida de Europa, e nos seus recursos educativos, que obrigan aos seus escolares a desprazarse lonxe do barrio. Urxe a ampliación do colexio Afonso Castelao de Primaria, xa en marcha, como a construción dun instituto de Secundaria, para a que non existe aínda compromiso da Xunta. Como imprescindibles son as dotacións sociocomunitarias para unha poboación, hoxe a que máis crece de Galicia, que non conta nin con biblioteca pública nin cun centro para maiores.

A presenza na nova Navia da Escola Superior de Arte Dramática e das instalacións das asociacións Cogami, Alento e Apamp, que achegan servizos a persoas con discapacidade e necesidades educativas especiais, constitúe unha oportunidade que non debería ser desaproveitada para integrar ao seu carón unha biblioteca pública de nova xeración, que facilite o acceso á información nos máis diversos soportes e formatos e contribúa ao fomento da actividade lectora, dende un enfoque inclusivo, en toda a poboación, tanto a fixada como a transeúnte. Unha biblioteca municipal concibida como espazo interxeracional capaz de integrar as demandas lectoras dunha poboación moi nova, case un terzo, con programas socioliterarios para persoas adultas (clubes de lectura e debate, cursos de alfabetización informacional…). Unha biblioteca pública dinamizadora, á semellanza da Xosé Neira Vilas, que funciona con éxito no Calvario, capaz de tecer comunidade e contribuír a arraizar a unha veciñanza que precisa de sinais de pertenza e identidade. No actual proceso de hibridación informacional, a biblioteca pública constituíuse na primeira institución cultural das comunidades locais. A nova Navia precisa unha biblioteca con urxencia.