Corenta e cinco minutos
Tras un mes extraordinario de resultados, a clara derrota diante do Barcelona de Lewandowski devolve ao Celta de Borja Iglesias a crúa realidade de coñecer cales son as súas posibilidades de xogar con aspiracións en tres competicións. Despois do memorable partido en Zagreb, unha auténtica masterclass de Iago Aspas, Claudio Giráldez e todo o cadro, na mellor tradición do fútbol coral da estirpe mostovoiana, que nos devolveu a memoria daqueloutras noites máxicas do eurocelta, o domingo ao equipo noso faltáronlle folgos na segunda metade para nivelar un partido fronte a un Barça necesitado de reducir distancias co liderado.
Aos de Claudio faltáronlle corenta e cinco minutos nun partido cunha primeira sesión trepidante, con cinco goles e alternativas continuas en ambas as dúas áreas, marcada por un penaltiño deses de chiste, unha pelota que pegou nun brazo fantasma de Marcos Alonso, que ningún culé reclamou, que só viron na sala de arbitraxe do VAR. Corenta e oito minutos nos que os celestes nunca se desengancharon do partido, a pesar de ir detrás do marcador, até que no engadido da primeira marcou con moita potra Lamine, a quen Carreira aborrecera tapándolle a entrada na área dende banda esquerda con sete chaves; unha estreliña fatua e millonaria que saíu moi apupada de Balaídos.
Primeira parte na que baixo a choiva Giráldez e Flick xogaron unha partida táctica de moitos quilates, un duelo sobre o control da liña adiantada do Barcelona. O adestrador louriñés pretendía superala, coma xa intentara a tempada pasada, coa posición adiantada de Borja Iglesias (inmenso e incansable na presión, intelixente na creación de liñas no baleiro, un mestre no xogo de costas) e cos lanzamentos de Mingueza sobre Jutglá e Pablo Durán, capaces de rompela.
O certo foi que mentres os culés obrigaban aos celestes a defender en bloque baixo, tratando de entrar polas bandas con Lamine e Rashford, os de Giráldez foron capaces de romper a liña que movían Araújo e De Jong. Tras o penalti fantasma do minuto 9, que Radu estivo apenas a unha man de pararllo ao nove polaco, pasaron dous minutos para que Carreira igualase o marcador, tras collerlle as costas aos centrais blaugranas. Xogada nacida na asistencia de Borja, o mellor dos nosos, capaz de manter unha prolongada pelexa con Araújo e Cubarsi, que tolearon coa mobilidade do nove compostelán, hoxe líder indiscutible do equipo, claro está, até que entra Aspas, con quen comparte compromiso e experiencia.
Nivelábase por vez primeira o marcador, o que obrigou a Hans Flick a modificar a dinámica. Vendo que Carreira colléralle os talentos a Lamine, para o que contou coas axudas dun incansable Pablo Durán (un xogador nun ascenso brutal), cargou as entradas sobre a outra banda, a de Rashford, onde percibiu que Mingueza e Manu Fernández facían auga con maior facilidade. Da insistencia dos visitantes de entrar por alí naceu o segundo gol no 37, un remate cómodo de Lewandowski na área pequena tras un servizo do extremo de Manchester. Xaora, aos de Giráldez non se lles foi o leite por fóra e cinco minutos despois igualaron o marcador tras unha xogada magnífica na que Borja Iglesias dun cacheirón extraordinario marcou dende a central aproveitando unha asistencia de Jutglá, que por fin non se deixaba vencer pola ansiedade que tantas veces o traizoa.
O partido toleaba dunha a outra portería nun espectáculo vibrante. Secasí, foi no tempo engadido (moi esaxerado, 6 minutos), cando Rashford volveu a poñer o dedo na mesma ferida celeste enviando unha pelota na área pequena, que os centrais nosos non souberon identificar, tanto Starfelt como Marcos Alonso, o madrileño nunha baixa forma moi preocupante. Un balón abandonado que aproveitou arteiramente Lamine, que sería o decisivo no resultado.
Non acertou Giráldez na segunda parte, fose porque non valorou o esgotamento dos seus tres gladiadores en área allea, exhaustos polas súas carreiras como pola súa dificultade para achegar as súas tres liñas, xa que nin Sotelo nin Ilaix tiveron a súa mellor noite para darlle coherencia a pretendida remontada. Certo que o do Porriño non se dobregou e deu entrada a Zaragoza e Aspas, mais Flick tiña ben aprendida a lección de Zagreb e os anulou cunha presión sobre cada un deles.
Con todo, máis que unha cuestión de pizarra, a diferencia residía na enerxía dispoñible nas baterías, que no caso das celestes estaban esgotadas, o Celta quedara mareado coma unha maragota, á que máis non se lle pode pedir. Aínda así, nos últimos minutos, co marcador en 2-4, o Celta soñou con reducir a diferencia cando un recén incorporado Miguel Román xutou dende a segunda liña, a súa especialidade. Foi un espellismo para un partido que se perdera corenta e cinco minutos antes. Unha derrota previsible, o que non impide que doa, xa que se rompe unha ilusión estatística e a posibilidade de ocupar posicións de privilexios na táboa clasificatoria.
Publicado en Faro de Vigo 12-11-2025











