Artigos

Onte 2023: A lingua importa

Participei onte nas II Xornadas de Lingua que baixo o lema «A lingua importa na casa e na escola» organizou o CEIP Paraixal de Vigo. As intervencións de Eduardo Maragoto, Iolanda Veloso, Ana Iglesias Álvarez, O Leo, como a do representante da Mesa pola Normalización Lingüística e a que eu fixen xiraron arredor da difícil situación actual do ensino do galego e en galego na escola e das dificultades e dos retos para as familias de crianzas galegofalantes nas contornas urbanas. Particular interese suscitou o debate arredor da inmersión lingüística, das experiencias de ensino cooperativo como Semente e a incorporación do ensino do portugués, tras a Lei Paz Andrade.

Apoiei as miñas palabras nunha presentación, «A galeguización educativa. Reflexión sobre o modelo actual e perspectivas de futuro, cun moito de memoria galeguista», dispoñible en pdf aquí.

 

Onte 1615: Labregos do tempo dos sputniks

th_3124ea708af53565e35556648d09d6c0_Labregos_LibrementeNa primeira escoitada deseguido, pareceume moi potente Libremente, o disco de Labregos do tempo dos sputniks que acaba de publicar Ouvirmos. Estre traballo d’ O Leo, Lydia Botana e O García, do que coñeciamos algúnha peza, aventuro suporá un fito no punk-rock galego dun trío que reivindica aquela canción protesta de hai corenta anos. Gustei moito da versión de «Un vento vén«, a canción pioneira de Xulio Formoso, mesturada co poema mítico de Luís Pimentel «a poesía é o grande milagre do mundo». Como tamén gustei da de «Libremente», un dos seis temas de Celso Emilio Ferreiro, o grande homenaxeado no disco, canción na que se produce un diálogo espectacular entre a melodía d’ O Leo e ofrseo d’ O García. Como tamén son de salientar nun disco ritmicamente moi variado as versións d’ O García de «Comandante Rebeldía», o clásico de Carlos Puebla, e a de d’ O Leo do clásico de The Clash «Should I Stay or Should I Go». Agardaremos por un directo do trío de Labregos que promete será espectacular.

Poema de hoxe 30: «Militancia» d’ O Leo

XG00126901Mollarse

non quere dicir

queimarse

O Leo, hai cu, poemas no báter (Xerais, 2007)

Onte 603: Ferrín, Rosalía e «Cantares gallegos»

A presentación en Padrón da edición de Cantares gallegos preparada por Anxo Angueira constituíu outra emocionante homenaxe rosaliana. Case un cento de persoas participaron das intervencións moi celebradas de Ferrín, Angueira e O Leo nas que se lembrou a proeza de Rosalía tras cento cincuenta anos da publicación do seus Cantares gallegos.

O discurso rosaliano de Ferrín, un dos primeiros tras a súa dimisión como presidente da Academia Galega, foi memorable. Comezou lembrando que a «figura de Rosalía está chea de mitos, feitos descoñecidos e outros falsos» e expresando o seu desexo de que «Rosalía se empadrone, volva outra vez a Padrón». «Sabemos que Rosalía viviu coa súa nai dona Teresa na rúa do Sol, xogou coas meniñas de Padrón. Naceu en 1837, apenas nove anos antes que a Revolución de 1846 ocupe o poder en España. Un proceso que supuxo en Galicia a desaparición dos morgados e o inicio da fase de extinción da pequena nobreza rural, os pazos. Rosalía é filla daquela revolución. Os seus xestos, os da súa nai, os do seu tío Pepito de Lestrove son inequivocamente revolucionarios». «Rosalía emancípase axiña en viaxa a Madrid aos 19 anos para vivir a vida literaria. Casa e vive con eses principios de liberdade e independencia». Lembrou Ferrín que estivera en Padrón en 1958, o día no que se inaugurou o monumento de Rosalía. «O Espolón estaba absolutamente cheo de xente. Os meniños subidos aos plátanos para ver a intervención de Otero Pedrayo, un acto organizado por Camilo Agrasar,  que constituíu o primeiro acto de masas do nacionalismo galego. Rosalía debe volver a Padrón». Ferrín argumentou despois a necesidade de «realizar unha revisión crítica da biografía de Rosalía», xa que para el «non hai probas que acrediten quen foi filla de quen se di». «Rosalía é a persoa máis significativa da nación galega,é a que preside a nación. Galicia é o único país no que todo o capital simbólico pasado e presente reside nunha muller, filla da revolución burguesa, que mesmo se decantou cara a posicións socialistas. Fai falta unha Rosalía, unha biografía escrita como as grandes biografías das figuras da Europa contemporánea».

Ferrín argumentou despois a necesidade de contar cunha edición crítica de toda a obra de Rosalía de Castro. «Cómpre ir aos seus textos, establecelos e facerlles introducións e notas críticas, coma se fixo en todos os países cos seus clásicos». «Aquí é onde aparece o proxecto da edición que presentamos de Anxo Angueira. Facía falta unha introdución e unhas notas coma estas que actualizasen a Rosalía de Castro no século XXI. Non podemos conformarnos coa interpretación de Carballo Calero e outras de carácter decimonónico». «Nesta edición de Cantares gallegos, Anxo Angueira explica que a obra non naceu da nada. Existían precedentes nunha xínea na que aparecen A gaita gallega de Xoán Manuel Pintos, A copla dos rústicos de Sarmiento, e a obra de María Francisco de Isla no século XVIII». Cualificou Ferrín Cantares gallegos como «un libro da nación galega, independentista no arranque dalgún poema (“Pobre Galicia non debes chamarte nunca española”). Na súa interpretación Anxo Angueira liga o pulo inicial de Rosalía de Castro co concepto romántico revolucionario, que algúns antinacionalistas pretenden ridiculizar, da folk poesie, poesía do pobo, poesía da nación. Para iso Rosalía bota man do cancioneiro popular, das cantigas dos pobres da aldea». Rematou o seu discurso Ferrín confesando que «cando tiña catro anos oín por vez primeira “Adios ríos, adios fontes”. Entón topei coa poesía galega». «Cantares gallegos é un libro intemporal, capaz de proxectarse no futuro», foron as súas palabras finais. O aplauso do auditorio ás palabras de Ferrín foi longuísimo, inusualmente prolongado. Un discurso para lembrar.

Onte 581: Sobre o 17 de maio

Convidado pola Liga Estudantil Galega de Filoloxía da USC participei, xunto a María do Cebreiro e O Leo, nun debate sobre o futuro do Día das Letras Galegas. Coincidimos todos os tres na necesidade de darlle un novo pulo á efeméride. Propúxose abrila a outras expresión artísticas –citáronse candidaturas como as do cineasta e escritor Chano Piñeiro– e a outras expresións culturais galegas, con atención especial á economía e á ciencia –citáronse persoas a recoñecer como Manuel Colmeiro Penido ou Isidro Parga Pondal–. Propúxose a posibilidade de despersoalizar a efeméride, abríndoa a creacións culturais como «O banquete de Conxo» ou ao recoñecemento conxunto de xeracións ou movementos. Propúxose recuperar o carácter de festa cívica laica e día do libro galego, que tivo antes da súa institucionalización coma festivo (que eu creo na actual coxuntura debería ser conservada). Sinalouse o papel do asociacionismo cultural, da iniciativa das empresas e dos centros educativos como principais alicerces organizativos da xornada («semana» ou «mes das letras»). A emulación de iniciativas como as comitivas cívicas, «Bares e letras» ou da «Rede de música ao vivo», o vencellamento coa celebración do Día Mundial da Sociedade da Información (#díadeinternet), que tamén se conmemoran o 17 de maio, deberían terse tamén en conta. Foi unha mesa inusualmente rica en propostas e análises, ademais dun chamamento á corresponsabilidade civil. Grazas aos membros da Liga de Filoloxía por tan interesante convocatoria.