Artigos

Onte 554: Noite da edición 2013

Os editores vigueses fomos os anfitrións da Noite da edición 2013 na que onte se deu a coñecer o ditame dos Premios da edición aos mellores libros publicados en 2012lembrouse á figura de Francisco Fernández del Riego e homenaxeouse a traxectoria de tres editoras (Edicións do Cumio, Teófilo edicións e Toxosoutos) con motivo do seu vinte e cinco aniversario. As diversas intervencións de autores e editores (polo atril pasaron arredor de vinte e cinco persoas) puxeron en evidencia que a pesar dos recortes das políticas públicas, que se ceban sen consideración sobre a cultura e lingua galegas (denunciados con afouteza por Begoña Camaño), mesmo a pesar das incertezas do tránsito dixital e do calendario da nova reforma educativa, a pesar de todos estes pesares o sector profesional da edición galega (con toda a súa pluralidade e diversidade) nin desiste nin baixa os brazos. Conducido polas palabras precisas e agarimosas de Teresa Cuíñas, o serán literario foi un exercicio de autoestima do noso colectivo profesional, de aposta pola excelencia do seu traballo, de reivindicación do coidado da edición, de recoñecemento da importancia da innovación e da creatividade nun momento de mudanza moi profunda no xeito de entender a profesión. Mais tamén as intervencións, sobre todo as da segunda parte, deitaron unha ollada sobre a nosa memoria, ao soño acuñado por varias xeracións de galeguistas, especialmente sobre figura e a voz de don Paco del Riego e o seu traballo na Fundación Penzol, moi presentes nesta noite viguesa. Os editores galegos amosamos que sabemos de onde vimos, somos moi conscientes de onde estamos e cal é a nosa contribución na construción do país do futuro. Enleados na actual tempestade é imprescindible abandonar calquera tentación conformista e recuperar a temperanza e o entusiasmo. Eis unha boa ensinanza desta noite da edición da que saímos satisfeitos.

Fernando Cameselle fixo esta magnífica reportaxe de Noite da edición 2013.