Os Baltar
Primitivo Carbajo é autor de tres dos libros de investigación xornalística máis interesantes da historia da nosa edición actual. O primeiro, Paco Vázquez, a pegada dun príncipe (Xerais 1993), a biografía non autorizada do entón todopoderoso alcalde, asinada co seu compañeiro Luis Pita, será lembrado por non ser aceptado en todos os puntos de venda da cidade herculina. O segundo, Salgheirón (Morgante 2021), crónica do conflito urbanístico da finca Massó de Cangas, desvelou as corruptelas da promotora da urbanización ao tempo que amosou o papel da resistencia veciñal. Agora, no terceiro, Os Baltar. A senda do caciquismo na democracia plena (Morgante 2024), do que é co-autor xunto a Cristina Huete, ofrece o relato xornalístico inédito de seis décadas de caciquismo moderno na provincia de Ourense, dende o brote con Eugenio Gómez Franqueira, o fundador de Corén, de Acción Política Orensana e promotor de Coalición Galega, até hoxe. Libro fascinante, escrito co pulo e coa precisión necesarias para ofrecer unha longa reportaxe reveladora sobre como procederon José Luis Baltar Pumar, o político do trombón e da boina, que soubo tourear a Manuel Fraga, e o seu fillo, Manuel Baltar Blanco, fogueado durante anos como sucesor, que cando chegou o seu momento quixo imprimir o glamur que lle faltaba ao proxecto paterno, mais que a pesar de contar co 7 como talismán e guieiro, sería relevado pola súa afección a velocidade. E así, nobelando o relato cunha documentación exhaustiva, no texto principal e nas notas a rodapé, revélase a complexa trama de clientelismo e do pelotón de enchufados da deputación ourensá, da maraña de corruptelas e comisións, das denuncias e das condenas, dos favores pagados en efectivo pola tropa de alcaldes e deputados provinciais que apoiaban a familia Baltar. Un libro moi recomendable, un dos acertos editoriais do ano no eido da non ficción, que merece todos os nosos parabéns para Huete e Carbajo como para o valente editor Moisés Barcia por tan oportuna publicación.
Publicado en Nós diario: 18/12/2024



Das miñas lecturas galegas recentes un dos títulos que máis me entusiasmou foi 
Na segunda metade do pasado ano publicáronse varios títulos de non ficción en galego moi interesantes que amosan o pulo das nosas editoras independentes. Á biografía de 