Listado de la etiqueta: morgana_en_esmelle

Begoña Caamaño, escritora viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á homenaxe que o 17 de maio se lle fixo á escritora Begoña Caamaño:

A celebración do día das letras galegas dedicado á xornalista e narradora Begoña Caamaño Rascado non estivo exento de polémica. O fraco entusiasmo dos responsables da Consellaría de Cultura pola autora de Circe ou o pracer do azul (Galaxia 2009), chegando a modificar un dos carteis premiados da exposición enviada aos centros escolares, deseñados polo alumnado do IES Castelao do Calvario, uniuse a lamentable negativa do pleno do concello de Vigo a outorgarlle a Medalla da cidade á escritora nacida en 1964 na rúa de Cataluña. Ademais de non contar, polo momento, con resposta á proposta do grupo municipal do BNG de Vigo de lembrar co nome da activista viguesa a praza do Calvario onde conflúen as avenidas de Jenaro de la Fuente, Aragón e Aeroporto, eidos da súa primeira infancia, onde grazas ao fermoso relato de Ramón Nicolás sabemos que «perdeu un zapato na lama». Sexa como fose, desaprovéitase unha oportunidade preciosa, como ten sinalado a escritora María Reimóndez, de poñer un foco potente nunha autora cunha visión crítica feminista, que contribúe a darlle visibilidade na sociedade en xeral, cando está cada vez máis desconectada da lingua galega.

Vigo, «onde nacín, me criei, onde están as miñas raíces e tamén boa parte dos meus afectos primeiros e eternos e boa parte das miñas referencias culturais», foi a cidade amada, confesou cando presentou a súa segunda novela, Morgana en Esmelle (Galaxia 2012), na feira do libro viguesa na praza de Compostela. Segunda de catro irmáns dunha familia traballadora, o pai Roberto, administrativo de Citroen, a nai Carmen lles lía poema a ela e a Beatriz, como ao maior Roberto e o pequeno Javier. Criáronse na finca da bisaboa en Riomao, un espazo de liberdade, que como tantos eidos vigueses desaparecerían co medre urbano, neste caso polo trazado da rúa Jenaro de la Fuente. Días de infancia que Begoña recordará polas tardes de cine no Palermo e no Avenida, polos xogos no mercado ou polas clases na academia de María Ferrín, onde aprendeu a ler aos sete anos, onde era profesora a escritora María Xosé Queizán, que lle aprendeu a canción de George Brassens «Le petit cheval dans le mauvais temps».

A familia trasladouse en febreiro de 1976 a un piso da rúa Redondela do novo barrio de Coia, onde Begoña e Beatriz rematarían a EXB no Colexio Amor de Dios e farían despois o Bacharelato no Instituto de Coia-2, hoxe IES Alexandre Bóveda. Anos de adolescencia que coinciden co Vigo de aceiro e mel da reconversión industrial, do conflito dos pases pro bus, do desastre das drogas e do nacemento da iniciativa «A Bouza é nosa» polo movemento veciñal do Cristo da Vitoria. Celme vigués onde se formou a Begoña, estudante de Maxisterio (1982-1985) na Escola da Igrexa da Avenida de Madrid. Mais nunca exercería de docente, xa que foi a radio a súa vocación e profesión, desde que no verán de 1985 entrou en Radio Noroeste, a nova emisora viguesa que comezara a emitir dende a rúa do Príncipe, onde amizou con Maika Aguado e Amanda Álvarez, compañeiras dende entón para toda unha vida. Experiencia radiofónica, continuada en Radio Popular (1986-1988), onde traballou como reporteira da redacción de informativos micrófono en man, cubrindo a folga das mulleres de Álvarez en Lavadores, forxando o seu carácter de xornalista a pé de rúa, naqueles anos de mobilizacións dunha cidade que non renunciaba ao seu ADN obreiro, pesqueiro e industrial. Begoña contribuíu, con outras compañeiras de xeración, a ampliar, formas, enfoques e diccións dun oficio que naquel Vigo de Soto, tamén da movida musical e do desencanto, precisaba observar e informar da realidade en toda a súa amplitude. Tras incorporarse o 1 de abril de 1988 na delegación de Vigo da Radio Galega, incorporouse un ano despois á redacción da emisora pública da que formou parte até o seu pasamento en Compostela o 27 de outubro de 2014.

Activista política feminista e pacifista, viaxeira e xornalista sen fronteiras, como narradora reescribiu de forma admirable os mitos clásicos e artúricos, para darlle voz ás mulleres, para abordar o mundo concibido dende o feminismo. Escritura que nun texto precioso, «Por que escribo?» (2010), lido nunha conferencia sobre Circe na Universidade de Vigo, xustificaba pola súa condición de lectora, que lle permitía esconxurar a dor, escorrentar a soidade ou atopar as palabras que definisen a súa ledicia. Caamaño lía e escribía polo seu desexo de descubrir mil mundos, «leo –nas súas palabras– porque quero cambiar ao mundo, leo porque necesito facer habitable o meu mundo».

Existen mellores argumentos para outorgarlle por unanimidade a esta primeira escritora viguesa homenaxeada un 17 de maio, un recoñecemento da súa veciñanza, como a medalla da cidade, a súa inclusión no rueiro ou sequera dándolle o seu nome a unha das novas bibliotecas?

Onte 1130: Begoña Caamaño

1258110000Begona_CaamanoEstremece o pasamento de Begoña Caamaño da que nunca esqueceremos a súa ledicia rebelde e a súa obra literaria feminista e antipatriarcal. Coñecina como xornalista de Radio Popular de Vigo, d’ A Nosa Terra e, sobre todo, da Radio Galega, onde sempre mantivo unha actitude profesional comprometida coa defensa dos medios públicos e coa calidade dos seus programas. Máis recentemente, admireina como narradora serodia, autora de dúas grandes novelas publicadas por Galaxia, intensas e labradas con primor, nas que revisou mitos clásicos en clave feminista, que a situaron como unha das escritoras máis recoñecidas e admiradas do noso tempo. A dor da súa perda non impedirá que a lembremos como activista de entusiasmo contaxioso, afouta e reflexiva. Por ventura, Begoña Caamaño deixa unha semente que agromará vizosa en lectoras e lectores de xeracións vindeiras. Con todos os abrazos para as súas persoas queridas.