Artigos

Onte 1167: Despois de Culturgal

Culturgal_2015

Tras tres xornadas moi intensas no Culturgal, tempo é de coller apenas uns minutos de acougo sequera para expresar a nosa gratitude pola impresionante resposta dos públicos, dos feirantes e dos artistas participantes nesta feira, que xa é por vontade teimosa de todos eles un dos referentes anuais para a cultura galega. Recoñecemento para Xosé Aldea, o director de Culturgal, e para Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de produción e comunicación, capaces de facer funcionar a maquinaria moi complexa da feira coa precisión e harmonía da que fixo gala na noite do sábado a gran banda da Bandeira. Gratitude para Paula Cabaleiro e Antón Sobral, comisarios da exposición de libros de artista, capaces de coordinar o traballo creativo de 50 artistas durante moitos meses e ofrecer unha fermosa montaxe cos medios dos que dispoñían. Gratitude para cada unha das profesionais e dos técnicos que rexeron os espazos, foros e responsabilidades administrativas, de comunicación, limpeza e seguridade. Gratitude para os universitarios voluntarios pola súa xenerosa dispoñibilidade. Grazas ao persoal do restaurante e cafetaría que nos mimaron a todos cun café excelente, un dos éxitos da feira. Beizón para cada un dos esforzados feirantes que padeceron no seus espazos a dolorosa síndrome de máis de trinta horas de moqueta. Beizóns para artistas, autores e profesionais que participaron nas máis de 150 actividades. Culturgal 2014 concibiuse, arranxouse e desenvolveuse con espírito colaborativo, utilizando os sintagmas de ledicia, entusiasmo, rigor, orgullo dos que se comprometen na construción dun proxecto colectivo.

equipo_culturgal_2014Houbo para min moitos momentos inesquecibles nestas tres xornadas. O éxito rotundo da programación do Espazo Bébés. Os cheos tremendos do espazo Infantil cunha gran programación musical. O desfile do coro tradicional Cantares do Brión polo corredor da feira. As interesantísimas conversas que César Lorenzo e Susana Pedreira mantiveron con Xurxo Souto, Fran Alonso, Manuel Núñez Singala, Francisco Castro, Antón Dobao, María Reimóndez, Xabier Quiroga, Suso de Toro, Alberto Ramos e Santiago Lopo. A presentación que fixo Matilde Felpeto do seu libro sobre a cociña do polbo no Espazo Foro. A entrega do premio do público ao Diario Cultural, coa actuación previa de Trópico de Grelos e, despois, coas palabras de Ana Romaní e a súa lembranza emocionante a Begoña Caamaño. Os concertos memorables de Caxade e María Fumaça. As presentacións da revista Criaturas e da Revista Galega de Educación. O éxito do vermú cultural onde comprobamos o rico que está Nordés, o vermú galego. O saboroso dos ovos doces de Pepe Solla que compartimos na presentación do libros dos Nove. O agasallo que supuxo a exposición «Do papel ao xesto», pola que recibimos tantos parabéns. A descuberta dos chocolates de Fina Rei, a festa das cervexas artesanais… Ou tantas conversas e reencontros con amigos e amigas cos que falamos na rede.

culturgal_2014_premio_publico_diario_cultural_rgTras sete edicións, Culturgal consolidouse, chantou os seus alicerces como espazo colaborativo dos diversos sectores das industrias culturais, dos poderes públicos e dos seus públicos. Culturgal consolidouse como espazo de encontro e afectos, onde compartir orgullo e enxergar esperanza. Culturgal consolidouse como unha nova tradición que reúne ás xentes das artes, das letras e das novas tecnoloxías en Pontevedra na primeira semana de decembro. E así seguiremos o vindeiro ano, conscientes de que en cada edición debemos reinventar o modelo de feira, sendo capaces de sorprender e aumentar o perímetro transversal desta acción colaborativa. Mañán comezaremos a traballar no vindeiro Culturgal, o que celebraremos en Pontevedra o 4,5 e 6 de decembro de 2015. Grazas, moitas, a todas as persoas que constrúen a fantasía de Culturgal!

Aquí galería de fotos de Culturgal 2014 en Facebook.

Aquí seguimento do hastag #Culturgal2014.