Listado de la etiqueta: marcial_lafuente_estefanía

Vigo do libro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á memoria da iniciativa editorial na cidade de Vigo:

As primeiras imprentas de Vigo establecéronse a partir de 1822, ao abeiro do Decreto sobre liberdade de imprenta de 1810, coa intención de publicar as ordes oficiais e os primeiros folletos e libros. Do taller do valenciano Pascual Arza saíron en 1823 os trece números do Semanario Patriótico, o primeiro periódico vigués, órgano político da provincia de Vigo, que deixará de publicarse tras a entrada en Vigo o 4 de agosto de 1823 das tropas do reaccionario xeneral Pablo Morillo. Da imprenta do vasco Sebastián de Iguereta, chegado en 1840, saíron ese mesmo ano os exemplares do Boletín Oficial da provincia de Vigo e o Boletín de Vigo, ademais  do primeiro libro publicado na cidade, do que temos constancia, o Catecismo Histórico de España de Santiago Filgueira, profesor de primeiras letras do Colexio de Humanidades de Vigo, ao que seguiu Cristina y su manifiesto a los españoles, asinado por «Un joven vigués».

Secasí, haberá que agardar a que o emprendedor vigués Ángel de Lema e Marina instale en 1847 a que será a primeira imprenta estable e duradeira da cidade, na que se publicará o decisivo Informe sobre el cólera morbo asiático (1848) de Nicolás Taboada Leal, ao que seguiron outros folletos sobre temas pesqueiros e educativos de profesores vigueses, até que o 3 de novembro de 1853 imprima no seu prelo de madeira o primeiro número de Faro de Vigo. Con todo, será a chegada de Juan Compañel, cuxa familia publicara en 1840 no seu taller compostelán a Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, ría y alrededores do médico Nicolás Taboada Leal, libro que dalgún xeito é o primeiro estudo do Vigo contemporáneo, quen fixe o proxecto de Vigo como cidade referente da edición literaria en Galicia e en galego. Do taller de Compañel da rúa Real 21, saíron os exemplares do periódico La Oliva (1856), despois El Miño (1857), así como libros decisivos como La primera luz (1859) de Manuel Murguía, as primeiras novelas de Rosalía de Castro ou o libro inicial na nosa lingua da mesma autora, Cantares gallegos (1863).

Vigo do libro que consolidarán as oficinas de imprenta de Faro de Vigo (Rúa Príncipe 21) e do seu competidor, o xornal La Concordia, impreso na oficina de M. Fernández Dios (Praza da Constitución 6), onde se imprimiron numerosos folletíns literarios por entregas e títulos como Monografías de Vigo (1878) de Teodosio Vesteiro Torres ou Cuentos vigueses (1881) de Ramón García Vicetto. Outras imprentas da fin do século XIX foron as de Ángel Varela Gómez (Paseo de Afonso XII), que publicou a novela Todo malo (1895) de Jaime Solá; a de Cerdeira e Fariña (Praza da Constitución 6), editora de Fragmentos de la Historia de Galicia (1900) de Justo Areal e a de Eugenio Krapf (Rúa Policarpo Sanz 17), impresor suízo chegado de Sevilla responsable de edicións de títulos clásicos, como La Celestina (1899) ou El diablo cojuelo (1902), que destacaban polo seu gosto refinado, na escolla tipográfica e nos materiais de impresión.

Vigo do libro que se desenvolveu con plenitude ao longo do século XX, tras un período inicial de languidez, con impresións literarias ocasionais, como a Dos arquivos do trasno (1926) de Rafael Dieste e La saudade y el arte en los pueblos célticos (1928) de Plácido Castro, saídas da imprenta de El Pueblo Gallego, ou apenas coas xeitosas edicións comerciais de José Cao (Rúa Príncipe 30), popularizadas coas iniciais de PPKO, ou coa dos esmerados folletos turísticos en cor da Litografía e Imprenta Roel (Rúa Velázquez Moreno 36), algúns en inglés destinados a conseguir a chegada de visitantes. Rematada a guerra, recomezouse a edición de libros en Vigo, por parte da editorial Cíes, fundada en 1944 por Eugenio Barrientos, da familia de libreiros e impresores establecidos na rúa do Príncipe 43 dende finais de século. Cíes popularizou durante unha década as novelas do oeste en España, contando coa autoría de Marcial Lafuente Estefanía, que vivía no edificio Pernas de Travesas, así como editou as primeiras publicacións dirixidas en Galicia a público infantil.

A partir de 1950 puxéronse en marcha os proxectos de edición galeguista, das edicións Monterrey de Xosé María Álvarez Blázquez e Luis Viñas Cortegoso, e da editorial Galaxia, que pilotarían Francisco Fernández del Riego  e Xaime Isla Couto, entre outros activistas galeguistas. Vigo como capital editorial galega, tamén como unha das cidades que mais libros publican en España, que se consolidaría nos comezos da Autonomía, coa actividade das editoras viguesas: Galaxia, Castrelos, Xerais, A Nosa Terra, Ir Indo, Nova Galicia, Cumio, Sept, Nigra, CEF, Xerme, Tambre… e máis recentemente de novas como Elvira, Belagua, Catro Ventos, Creotz, Triqueta Verde… Un Vigo do libro indispensable para explicar o carácter industrial e o dinamismo cultural da cidade dende hai douscentos anos.

M.L. Estefanía e a editorial Cíes

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da estrea do documental de José Ballesta, recupero a memoria da editorial Cíes de Eugenio Barrientos «Tetilla».

A estrea da excelente longametraxe documental Marcial Lafuente Estefanía. Galicia máis oeste que nunca de José Ballesta é unha boa oportunidade para lembrar as relacións que con Vigo mantivo o autor máis emblemático do xénero da novela popular do Oeste. Unha relación na que é indispensable recordar ao seu primeiro editor, o vigués Eugenio Barrientos López, o propietario da editorial Cíes, que dende 1941 a 1958 tivo a súa sede na Libraría Tetilla da rúa Elduayen.

«Tetilla», como era coñecido o editor Barrientos, un auténtico xenio da edición, aínda non
abondo recoñecido, foi en 1945 o inventor en España do formato da novela de peto («bolsilibro») e dun curioso sistema de distribución por kioscos, no que tanto se vendían como se prestaban os libros. Axudado polo famoso editor catalán Ramón Sopena, comezara o seu labor editorial publicando novelas policiais e románticas. Cando coñeceu en Portugal as novelas americanas de «pulp fiction», puxo en marcha senllas coleccións de novelas de oeste, «Biblioteca X» (200 títulos), e logo, «Rodeo» (800 títulos), que pasaría á historia como a colección deste tipo por excelencia, nas que publicaron os seus dous principais novelistas: Marcial Lafuente Estefanía (MLE) e Fidel Prado (un letrista notable de cuplés). Sen esquecer a Corín Tellado, a famosísima autora asturiana, que tamén publicou as súas primeiras obras en Cíes, na colección de novela sentimental, na que o propio Estefanía chegaría a publicar algún título baixo pseudónimo feminino.

Os libros de Cíes concebíanse en Vigo, onde MLE viviu e escribiu de 1943 a 1951, as xeitosas portadas a cor preparábanas en Barcelona os ilustradores Moreno e Tomás Porto, eran impresos e encadernados con fío cosido en Bilbao por Artes Gráficas Grijelmo e, finalmente, distribuídos para toda a España dende o almaceniño da editorial en Elduayen onde un encargado e dúas rapazas facían os paquetes que se envían por correos. Un incrible modelo de edición popular periférica en tempos de dura posguerra, que desenvolveu un catálogo de case 1.500 títulos, estimándose que puido chegar a publicar seis millóns de exemplares das súas novelas veloces de xénero romántico e de vaqueiros que formaron como lectores e lectoras a millóns de persoas. Cíes solicitaba escritores en anuncios nos principais xornais de España baixo o lema: «Editorial Cíes. Creadores de rotundos éxitos». Publicou, ademais, libros de literatura xuvenil de rancio sabor franquista, en coleccións de edición acartanoda como «Amenus».

Marcial Lafuente Estefanía foi o autor principal da editorial Cíes. Nacido en Toledo en 1903, fillo dun maxistrado do Tribunal Supremio, enxeñeiro de camiños de profesión, defendeu a República como Comisario General na fronte de Toledo. Rematada a guerra, tras eludir con moita fortuna o pelotón de fusilamento, sufriu o cárcere durante dous anos e medio. Estableceuse en Vigo no ano 1943, grazas as xestións de Eladio, un padre carmelita que fora confesor do seu pai, quen tamén o recomendou a Eugenio Barrientos, a quen lle presentou dúas das primeiras novelas de vaqueiros que, probablemente, escribira no cárcere. Instalado coa súa familia nun segundo piso do edificio Pernas das Travesas, alí comezaría a súa frenética colaboración con «Tetilla», chegando a escribir a man catorce cuartillas diarias, o que supoñía dúas novelas á semana. Estefanía como escritor naceu en Vigo. É probable que as súas primeiras novelas en Cíes fosen La cobardía de Dick (1943), tamén a primeira da «Biblioteca X», a pesar de que fose asinada co alcuño de Williams Grey, ou El crimen perfecto, asinada por Dan Lewis, sendo nese ano a primeira das asinadas co seu nome Temple del Norte. Usou outros alcuños como H. Estol, M.L. Bertel ou Arizona até que se popularizou o M.L. Estefanía como auténtica marca destas novelas das que nos seus momentos de maior apoxeo a editorial Cíes chegou a vender trinta ou corenta e mil exemplares. En pleno éxito, unha oferta imposible de rexeitar de Bruguera levouno a fichar polo editor catalán e instalarse en Madrid en 1951, onde completaría durante tres décadas, coa axuda dos seus fillos e continuadores Francisco e Federico, un catálogo que se estima acadou os tres mil títulos e os 50 millóns de exemplares vendidos. Pola súa banda, en 1958, Barrientos decidiría poñer fin a un proxecto que durante máis dunha década fixo de Vigo a capital editorial da novela popular en castelán.

Vigo como cidade de novela e capital editorial de Galicia debe honrar a memoria de Marcial Lafuente Estefanía e Eugenio Barrientos, dous heroes da novela popular, o celme lector de varias xeracións. Únome á proposta cívica de lembralos co nome dunha rúa ou dun espazo público. O seu labor pola lectura ben o merece.