A coincidencia cada 17 de maio do Día das Letras Galegas e do Día de Internet é unha oportunidade para avaliar o estado e o futuro da nosa lingua na Rede. Este dezasete, coincidindo coa homenaxe a Xosé María Díaz Castro, o poeta dos nimbos de luz, foi a grande noticia para a nosa lingua a posta en produción da primeira web co dominio punto gal. Un fito histórico, un éxito extraordinario de toda a sociedade de noso, no que moito tivo que ver a teimosía esperanzosa e o compromiso do profesor Manuel González, presidente da asociación Punto Gal, mais tamén das institucións culturais do país (Academia, Consello da Cultura e Museo do Pobo Galego), das tres universidades, dos centos de colectivos empresariais, culturais e cívicos, como dos milleiros de persoas que apoiaron esta iniciativa pola que Galicia, o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura milenaria contarán cunha presenza diferenciada na Rede. Grazas ao dominio punto gal, Galicia establecerá un diálogo en igualdade con outros pobos e culturas, ademais de poder, por vez primeira, participar na gobernanza de Internet e contribuír a desenvolver o proceso de alfabetización informacional e a suturar a fenda dixital que aínda arrastramos. Un éxito, pois, para celebrarmos, outra volta, o 25 de xullo cando se incoporen as primeiras noventa webs e tamén catro meses despois cando entren en produción aqueloutras direccións preferentes.
Porén, a ledicia do éxito acadado por Punto Gal non pode agochar que neste dezasete o galego perde peso cuantitativo en Internet. Os datos estimativos de “W3Techs”, traballados na reportaxe de Alberto Quián para o portal “G.Ciencia”, amosan que a porcentaxe de uso do galego en Internet se reduciu no último ano de forma significativa, colocando a nosa lingua no posto 48 da clasificación mundial. Xaora, os contidos en galego supoñen un 0,0075 % dos existentes na Rede, oito veces menos ca en catalán (0,1 %) , moi lonxe do 4,6 % en castelán e do 2,3 % en portugués, linguas todas as tres que superan o 0,1 %, porcentaxe que semella marcaría a fronteira entre as linguas relevantes en Internet (o inglés supón o 55,9 %) e as minoritarias. Outrosí cabería dicir con respecto a Twitter onde os estudos de xeorreferencia dos chíos emitidos en Galicia amosan que uso do galego é inferior ao do castelán. Datos que demostran que o emprego do galego na Rede, a pesar do seu incuestionable dinamismo nas redes sociais e nos blogs, asume o devalo que decote percibimos noutros soportes comunicacionais impresos e ámbitos da vida social e política.
Tras tres décadas da aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983) e unha da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2014), documentos que contaron co apoio unánime do Parlamento de Galicia e de numerosos colectivos cívicos, é desacougante asumir que nos últimos anos a lingua galega sofre un doloroso retroceso, tanto na súa cadea de transmisión interxeracional (os picariños dos ámbitos urbanos apenas a coñecen, un feito desolador), coma no seu status e emprego en todos os ámbitos da vida social. O galego deu un paso atrás. Un retroceso no que ten responsabilidade a actuación dun lobby negacionista capaz de transformar os prexuízos e falsidades de pé de banco sobre o galego –unha lingua que para este lobby utilizariamos só “os parvos aldeanos ou os fanáticos nacionalistas excluíntes”– no dogma do “bilingüismo cordial” abrazado por Núñez Feijoo como argumento para desvincularse dos consensos arredor do idioma forxados durante as presidencias de Fernández Albor e Fraga. Unha decisión política adoptada coa intención de desbancar a Touriño do Goberno Galego, mais que unha vez gañadas as eleccións supuxo a rápida modificación do modelo lingüístico no sistema educativo non universitario (o Decreto de Plurilingüismo recorrido pola Real Academia Galega, hoxe no Tribunal Supremo) e, como efecto inmediato, unha abrupta redución do uso do galego como lingua vehicular na educación infantil e na etapa obrigatoria.
Xa “Penélope”, o extraordinario poema de Xosé María Díaz Castro, salienta o aparente paradoxo do futuro de Galicia, do noso país, do noso pobo, tamén da nosa lingua e a súa cultura. “Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move”. A posta en marcha do Punto Gal supón un paso adiante para o futuro do galego no século XXI, mais o decreto de Plurilingüismo do Partido Popular un paso atrás. Xaora, tamén enxerga Díaz Castro en “Penélope” a esperanza (“Traguerán os camiños algún día / a xente que levaron. Deus é o mesmo”), xa que o futuro do galego dependerá de cada un de nós, do esforzo da cidadanía galega, da súa firmeza e compromiso para usalo e defendelo (“Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!, / e toda cousa ha de pagar o seu desmo”). Un paso adiante e outro atrás, Galicia.