Listado de la etiqueta: libraría_trama

Onte 2095: Librarías da memoria e da vida

Celebrouse onte do día das librarías, unha data de reivindicación do valor destas imprescindibles institucións culturais e comerciais de proximidade. Data na que se actualiza, agora nas xanelas das redes sociais, o dinamismo daquelas librarías que mellor se veñen adaptando ao proceso de hibridación dixital, á mudanza dos hábitos do consumo cultural e, sobre todo, a competencia con Amazon, o xigante monopolístico da distribución cultural e do consumo de produtos de lecer en tempos de pandemia.

Xaora, sería inxusto nesta data esquecer a memoria das librarías desaparecidas, sobre todo as máis afoutas e heroicas, as especializadas en libro galego, hoxe colocado nun inxusto segundo plano, mesmo nas librarías que hoxe contan nos medios e nas redes de máis visibilidade. Librarías cuxas pegadas quedaron impresas mentres viva no meu itinerario de lector e editor en lingua galega. Lembro a Andel de Xaime e Concha Nogueira, o facho que durante dúas décadas iluminou en Vigo o libro e disco galego, a que tanta debemos as editoras en lingua galega. Lembro a Libraría Mañán de Nacho, especializada en Vigo dende comezos de 1980 no libro educativo e infantil e xuvenil, para min a institución primeira onde me formei como mestre galeguista. Lembro a Libraría Ir Indo das galerías de Príncipe, onde coñecín a Roberto Pérez Pardo, Bieito Ledo e Benjamín, que cando era un mociño universitario tiveron a xenerosidade de abrirme conta. Lembro a Libraría A Esmorga da rúa Gamboa, creada por Pepe Ulloa, onde merquei algúns dos meus primeiros libros en galego. Lembro a Libraría Castelao dos Choróns, a do inesquecible Fernando Pereira, onde acudín a primeira presentación dun libro. Lembro a Curros Enriquez de Cánovas del Castillo, onde Xerais presentou os seus primeiros libros. Lembro a Libraría Bertrand de Príncipe, toda unha ilusión efémera, onde presentei por vez primeira un libro como editor….

Como sería inxusto non lembrar nesta data ás miñas librarías viguesas de referencia, Librouro e Cartabón, onde acudo a encher os meus depósitos de esperanza. Na Librouro do vello Patiño e de Munda merquei de contrabando o meu exemplar de peto de Sempre Galiza (1977), a libraría de Xurxo Patiño onde despois de catro décadas continúo entrando co entusiasmo inquedo do primeiro día. Na Cartabón de Gonzalo e Maribel vivín algúns dos momentos máis felices e, tamén, máis tristes do meu oficio como editor, amparado polo agarimo dunha parella de libreiros que fixeron da súa profesión unha forma digna de vivir e dende alí intentar transformar o mundo.

Como tampouco podo esquecer tantas pequenas librarías independentes da xeografía nosa que me acolleron durante décadas cos brazos abertos como editor: a Couceiro de Compostela de Suso e Pablo, a libraría onde quizais presentei máis veces; a Pedreira de Santiago de Antón e Chus, onde presentei o meu último libro como editor; a Lila de Lilith de Santiago de Patricia Portopaderne, que mantén un compromiso heroico co catálogo feminista; as Sargadelos de Santiago e Ferrol, que o espírito do gran Isaac converteu en auténticos ateneos;  a Trama de Lugo de Jorge Coira, unida sempre na miña memoria á dramática presentación da última novela de Xabier DoCampo; a Nós de Sanxenxo de Xaime Corral, sempre un porto seguro de afecto e entusiasmo; a Paz de Pontevedra de Cano, un océano cultural onde sei sempre vou atopar algo interesante;  a Lume da Coruña de Lola, onde vivín algúns dos días máis felices como editor; a Torga de Ourense de Xavier Paz, desaparecida desgrazadamente tras a primeira crise destes anos dez; a Biblos de Betanzos de Tucho e Carme, unha fantasía extraordinaria e elegante; a Miranda de Bueu de Fernando; a Wells de Cangas de Carlos; a Maraxe de Cangas de Lito; o Pontillón de Moaña do finado Benxamín …

Grazas, Xaime, Concha, Nacho, Roberto, Bieito, Benjamín, Xurxo, Amparo, Gonzalo, Maribel, Suso, Pablo, María, Antón, Chus, Patricia, Jorge, Xaime, Cano, Lola, Xavier, Tucho, Carme, Fernando, Carlos, Lito, Benxamín …, libreiros e libreiras da miña memoria e da miña vida, non sei como hei pagar a débeda que teño con vós.

Onte 1934: Presentación en Lugo da novela de Xabier Docampo “A nena do abrigo de astracán”

Emotiva foi a conversa que mantivemos onte na Libraría Trama de Lugo con Pepe Coira e Xabier DoCampo arredor d’ A nena do abrigo de astracán. Máis de medio cento de persoas ateigaron a libraría lucense para recibir o que Coira definiu como “unha novela maior”, “unha novela realista que ofrece un cadro moi fiel dun momento da nosa historia, mais que tamén visita o territorio dos faiados da memoria e do fantástico, sen menoscabo de constituír unha grande homenaxe ao cinema contanto sete películas clásicas, todas proxectadas en Lugo durante os anos 47 e 48, os mesmos nos que se desenvolve a historia, ademais d´ A noite do cazador, que se cita na dedicatoria”.

Foi, Pepe Coira, tamén, quen desvelou a orixe da novela en 2002, cando DoCampo fora pregoeiro das festas de Rábade, o concello onde naceu: “Agasalláronlle cun libro de fotografías antigas onde aparecía unha nena pequena sentada que vestía un abrigo de astracán, a mesma foto que Xabier escolleu agora para ilustrar a cuberta do libro”. “Aquel día falamos da retratada, que resultou ser Susa, unha muller moi amiga da nosa casa, que para min sempre me parecera que era a quinta esencia do amor polo cine, xa que ninguén contaba as películas mellor ca ela. A historia de Susa prendeu en Xabier que comezou unha investigación asombrosa sobre o cinema en Lugo de finais dos corenta”. Rematou Coira definindo a DoCampo como “un mestre do contar en todas as súas expresións, dende a oral a teatral e radiofónica, dende a escrita a todas as manifestacións do relato”, “nesta novela maior conseguiu a partir de apenas unha anécdota mover e crear un mundo”.

Nas súas intervencións, Xabier confesou que “nunca vira unha nena tan triste como a daquela fotografía que coñeceu en Rábade”: “Pepe Coira contoume quen era e en febreiro de 2002 abrín a libreta desta novela. Despois coñecín a Amparo, a nai dos Coira, e a Susa, a súa amiga, a quen gravei moitas horas coa súa historia. De aí naceu a novela que me levou quince anos de redacción nos que traballei sobre máis de cen películas de época, nos que consultei moitas veces a colección de El Progreso daqueles anos. Finalmente quedei con sete films. Non podía faltar unha película de John Ford nin unha infantil, O mago de Oz. Quixen abrir a novela cunha comedia, Historias de Filadelfia. Como tiña que estar A ponte de Waterloo, a preferida de Susa. Outras viñeron ao fío da trama da novela como Rebeca, A luz que agoniza ou A loba, que escollín para pechar a novela e abordar o tema do mal. Non creo na banalidade do mal, que me perdoe Hannah Arendt, como sinalei en Cando petan na porta pola noite, o tipo máis malo do mundo ten remorso”.

Referiuse Xabier aos personaxes, sobre todo aos femininos, como Paulina, Antonina, Engracia, Xaquina ou a propia Susana, “capaces de romper aquel tinglado de silencio, que constitúe outro dos temas principais da novela”, así como a outros como Isidoro, o alfaiate que preparaba os ollais, ou O Estorniño, que encarnan a bondade”. Falou DoCampo da memoria, “xa que nos faiados gardábase o oculto, aquilo que non se podía amosar, o que molesta. Subir aos faios da memoria é sempre encontrarse co oculto, como a voz do Estorniño”. Xustificou que a propia vila de Ribadaínsua encarnase a voz narradora para salientar o carácter coral da novela. Rematou as súas intervencións Xabier lembrando ao seu amigo Agustín Fernández Paz: “aínda que el dícía que todas as novelas están escritas cos fíos da vida, eu engadiría que a literatura, as novelas nacen desfiañando a vida, que é o que facemos a posteriori de ter vivido”.

Onte 1767: “De paraugas”, presentación en Lugo

Presentamos no serán de onte na Libraría Trama de Lugo De paraugas, os relatos que escribu Paco Martín a partir das fotografías de Daniel Puente Bello. Foi Xabier DoCampo, autor do epílogo da obra, quen chufou aos autores e salientou a súa singularidade. Comezou DoCampo confesando que o libro lle fixera moita graza: “Comprobei que tiña razón miña nai cando dicía que os de Lugo tiñan unha forma distinta de levar os paraugas, debaixo do brazo e co picho cara arriba”. Sinalou a seguir Xabier que “o libro era moi cunqueirán” e “que non puidera evitar lembrar na lectura “os quitasoles de Merlín e familia, branco, marelo e colorado, baixo os que sucedían grandes prodixios, quitaban o sol e as tebras, xa que pola noite deitaban luz”. “De paraugas é un libro que escribiría Cunqueiro, se hoxe vivise. Cunqueiro estaría presente nestas páxinas polo feito de entender a existencia dunha relación entre galegos e galegas que teñen un xeito de ser e as literaturas que nos contan. Se as nosas vidas non se fan relato, é coma se non existisen. Se Cunqueiro ten hoxe un continuador, ese é Paco Martín, sobre todo nesa medida tan difícil que é a narración breve, a que está máis próxima á poesia”.

XG00259401Sinalou Xabier que no libro había “un humor manifesto e declarado que vai máis alá do sorriso, xa que provoca as gargalladas”. “Un libro nacido das fotografías de Daniel e que Paco conectou cada unha delas cunha súa imaxe mental que axiña lle disparaba unha historia, algunhas vividas por el, outras relacionadas con ese mundo que lle apasiona que é o dos paraugas”. Rematou DoCampo referíndose ao “paraugas comunal”, “aquel que é de todos cando chove a cachón”. “Neste libro os paraugas dan para moitas anécdotas, pero se converten en literatura”. “De paraugas é un libro que se desfruta en cada parágrafo, que emociona cada páxina, é unha auténtica delicia”. Pola súa banda, Daniel Puente relatou como xurxiron as fotografías, “froito dun camiño de observación do xeito que a xente leva os paraugas, sobre todos nas feiras, como as de Parga e Guitiriz”. Mentres que Paco Martín advertiu que “este era un libro de paraugas no que non chove, que é cando o paraugas ten personalidade propia, o que permitiu que o libro tivese certa graza”.

Onte 1190: Premio Brétemas ao escaparatismo do libro galego

Libreria_Miranda_Bueu_23-07-2014

Cronopios_Santiago_24-06-2014

Chegado o derradeiro día do ano cómpre outorgar o premio Brétemas ao escaparatismo do libro galego co que pretendemos recoñecer o esforzo de visibilización  e o exercicio de creatividade das librarías que agariman as publicacións na nosa lingua.

Entre as fotos publicadas no blog e as librarías visitadas dende comezos do mes de abril outorgamos este premio 2014 á Librería Miranda de Bueu e a Librería Cronopios de Santiago pola creatividade e composicion dos seus escaparates, pola orixinalidade das súas lecturas icónicas, como pola continuidade da súa montaxe, converténdose xa en referencias do escaparatismo para o sector do libro galego.

É de xustiza recoñecer tamén o valor esencial que para a visibilidade do libro galego teñen os escaparates e os mostradores nas feiras do libro de todas e cada unha das librarías participantes nesta edición: Aldova de Ourense, Andel de Vigo, Azeta da Coruña, Biblos de Betanzos, Cartabón de Vigo, Couceiro de Santiago, Cronopios de Pontevedra, A lus do candil de Arteixo,  Librouro de Vigo, Mendinho de Vigo, Pedreira de Santiago, A tenda dos libros de Ponteceso, Trama de Lugo, O trasno viaxeiro de Cacheiras e Suévia da Coruña. A todas elas os meus parabéns e gratitude polos seus escaparates e polos centos de actos de presentación e promoción que organizan.

Agardo que esta primeira iniciativa de recoñecemento do escaparatismo libreiro galego poida ser arroupada, apoiada ou mesmo emulada (como mellor consideren) polas entidades gremiais do libro, a Federación de Libreiros de Galicia, a Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube, Galix, a Asociación de Tardutores Galegos ou a Asociación de Ilustradores de Galicia.

As nosas beizóns para os profesionais das librarías gañadoras e os novos votos de esperanza para todas as persoas que conforman o sector do libro e da lectura na nosa lingua.

Onte 428: O futuro da libraría

Quedamos satisfeitos do desenvolvemento do simposio sobre o futuro da libraría. Dúas conferencias, un debate e dous paneis de experiencias abordaron dende diversos enfoques a actual situación crítica da libraría e do conxunto do sector do libro e da lectura. Tras un debate moi rico en matices, quedeime con dúas conclusións moi relevantes. A primeira, a necesidade de deseñar neste período de tránsito, que tamén debería ser aproveitado como de oportunidade, un desenvolvemento estratéxico para o conxunto do sector do libro, onde participen os subsectores da edición, distribución e libraría. A reinvención do modelo de negocio e a creación dun novo modelo de relación coas administracións públicas deberían constituír os eixos deste novo programa. Segunda, a necesidade de afortalar neste período de mudanza da industria do libro o seu tecido sectorial e intersectorial, na perspectiva de constituír un único gremio profesional, o gremio do libro, no que se integrasen editores, distribuídores e libreiros.

No acto de inauguración do Simposio, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, ofreceu a súa dispoñibilidade para chegar a solucións consensuadas co conxunto do sector do libro e da lectura, solicitando reflexión sobre o que debe ser o futuro das feiras do libro de Galicia, «que queremos se convertan nunha festa para o libro galego e para posicionar o libro no mercado». Pola súa banda, Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, identificou o futuro do libro co futuro da libraría, apelando á necesidade de formación do sector libreiro.

A memorable conferencia de apertura Manuel Gil foi un dos momentos máis intensos do simposio. Comezou Gil propoñendo que o sector abandonase a súa autocompracencia e recoñecese que dende 2005, antes da chegada da crise e das políticas de austeridade, o libro decrece, perdeu un volume canto menos do 18 %. Mais este ano 2011 pode caer entre un 20 e un 25 %, perda que será compensada pola internacionalización das súas redes comerciais. Cifras que amosan que o sector do libro está en decadencia, «somos unha industria en reconversión, que precisa un decrecemento ordenado do sector». Gil atribuíu esta crise a perda de valor que o libro está tendo para o consumidor final, como a sobreprodución (91.000 títulos comerciais anuais), un fenómeno que «converte a edición en casino», xa que as canles son incapaces de levar todo ao mercado. Tamén citou o tsunami editorial xerado pola autopublicación dixital, que aínda que non supón negocio capta a atención. Gil presentou, despois, unha visión desoladora das librarías españolas, cuxas ratios económicas as sitúan ao bordo da quebra. Criticou aos editores tanto pola sobreprodución, polo feito de que o 44 % das súas vendas non pasen pola canle libreira, como polo feito de convertir ás librarías, mesmo aás chamadas independentes, en franquicias dos grandes grupos. Gil apelou á responsabilidade do sector libreiro, que debe abandonar a súa opacidade, compartindo a información e fortalecendo o seu soporte gremial. Para o desenvolvemento dun plan de defensa da libraría, Gil propuxo tres liñas de traballo tomadas da edición francesa: a posibilidade de que os editores interveñan financeiramente sobre as librarías en crise; a creación de selos de calidade de librarías de referencia (como no caso francés «Lire») ou a creación de librarías por parte dos propios editores.

Na parte final da súa conferencia, Manuel Gil propuxo diversas liñas de traballo: a creación dunha mesa en defensa da libraría entre CEGAL e FGEE;  flexibilizar o prezo fixo, coa intención de xerar máis tráfico por impulso; estender o IVE do libro para o conxunto do sector cultural; promover un plan de dotación bibliotecaria desenvolto polas librarías culturais en funcionamento; pular por un novo plan de fomento do libro, sobre todo, entre a poboación máis nova; manter un selo de calidade e un acordo de boas prácticas cos editores; establecer unha nova distribución das porcentaxes de loxística e comercialización, que permita á libraría recuperar entre o 5 e o 7 %. No que atinxe a cuestión dixital, Manuel Gil foi pesimista. Estimou que o mercado actual do libro dixital en España está entre os 15 e os 17 millóns de euros, dos 86 % está en mans de tres empresas estadounidenses que empregan entornos pechados. Para el «semella que non hai espazos para as pequenas librarías, xa que en internet se premia a agregación de contidos».No entanto, para el a solución estaría na creación dunha plataforma dixital de editores e libreiros, que establecese algún tipo de compensación ás librarías de proximidade por medios dun algoritmo. Confesou que non cre nos prezos baixos no entorno dixital. Insistíu na necesidade de artellar un novo modelo de negocio dixital, así como a necesidade de que editores e libreiros promovesen unha liña educativa arredor da defensa da propiedade intelectual. Para Gil a crise retarda o principio de Arquímedes do sector editorial (cando emerxe o dixital, vai afundíndose o papel). Para rematar, Gil propuxo a refundación do sectores, creando un auténtico lobby do libro, formado por editores, distribuidores e libreiros. «Ou agrupámonos ou a situación levaronos por diante. Cómpre integrarse nunha única estrutura. Non hai solucións individuais. Confluír ou converxer pra sobrevivir», foron as súas últimas palabras.

No panel de experiencias sobre a utilización das redes sociais nas librarías, Damiá Gallardo presentou a experiencia como comunity manager da Librería Laie CCCB, Lois Rodríguez a de Redelibros e Carlos Airas a da Libraría Aira das Letras de Allariz.

Pechou as sesións da mañá Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, abordando o futuro das feiras do libro en Galicia. Pedreira realizou un percorrido pola súa historia ao longo de de catro décadas. Afirmou que contribuíron a comunicación e integración social arredor do libro, así como á formación dos libreiros participantes como a do desenvolvemento comercial do propio sector. Para Pedreira, as feiras comezaron a minguar hai unha década precisando na actualidade dunha «voltiña» para que recuperasen o seu pulo. Propuxo unha reflexión sobre tres modelos posibles de feiras: temáticas (como os salóns do libro galego), especializadas (como as de literatura infantil e xuvenil) e sectoriais (coa presenza de libreiros, distribuidores e editores). Anunciou a intención da nova xunta directiva da Federación de Libreiros de Galicia de introducir en 2013 unha serie de melloras relacionadas coa utilización de novos recursos (wifi, paneis dixitais, presenza en redes sociais, cafetaría…). Ademais, convidou ás editoras galegas a que volvesen participar como expositoras, así como convocou aos responsables da Asociación Galega de Editores e da Administración autonómica a participar nunha mesa para debater estas mudanzas.

Comezou a sesión da tarde cun panel de experiencias no que se presentaron diversos modelos de libraría. Enric Faura, distribuidor, responsable de Xarxa de Llibres e Edi.cat, analizou a situación actual do sector do libro, caracterizada por unha baixada de vendas do 20 % ao 25 % neste ano 2012, niveis de facturación de hai dez anos. Para Faura «o libro vese afectado pola crise económica, mais tamén hai indicios que hai indicios dun cambio de hábitos sociais, onde o libro ten unha valoración inferior a que tiña». Defendeu que «era necesario facerse máis visible como sector da libraría diante das administracións, mais sendo consciente que é imprescindible a profesionalización do sector».

Carlos Blanco presentou a experiencia das Librarías Nobel do Grupo Arnoia. Definíunas como «tendas comoditio onde se poden comprar libros e produtos complementarios (papelaría, prensa, xogos educativos, audiovisuais e artigos complementarios da lectura)». Afirmou que «somos comerciantes de libros, non libreiros», razón pola que «procuramos a xestión de stocks» facendo fincapé na rotación constante e no posicionamento do libro dentro da tenda.

Carlos Coira, responsable da Libraría Trama de Lugo, presentou o seu modelo de libraría cultural. Coira defendeu que «a libraría ten que converterse nunha auténtica rede social, onde hai sitio para eses libros que agardan ser atopados un día por un lector».

Juan Carlos Febrero, director da Casa del Libro de Vigo, presentou o seu modelo de cadea de libraría. Febrero insistíu na importancia de realización de moitas actividades culturais, como da oferta de libros dixitais cun lector propio. «O noso papel é darlle razóns á xente para que acuda á libraría, asumindo a importancia de participar nas redes sociais, xa que o 60 % das vendas veñen recomendadas dende internet».

A conferencia de peche do simposio de Marià Marín i Torné, secretario técnico do Gremi de Llibreters de Catalunya, foi interesantísima e moi novidosa. Comezou confensando que para el «o futuro da libraría será a corrección dos males presentes, das actuais ineficiencias». A clave da situación actual do sector do libro está en que se foi creando un novo tipo de lectura, unha modificación profunda do comportamento lector, ao tempo que vivimos unha devaluación e unha frivolización da cultura. «Entre nós ler non é unha necesidade vital, é un luxo. A lectura está mudando máis que os negocios editoriais, os editores e libreiros deberiamos estudar os informes PISA para comprobalo». A pesar de que o libro non está moda e do actual proceso dixital, afirmou a súa crenza na continuidade dun tecido industrial e cultural do libro, así como a súa convicción de que o proceso de dixitalización non é un fenómeno característico da edición, xa que xa afectou con anterioridade a todos os sectores da cultura. «A crise actual proporciónanos a vantaxe da ralentización do proceso, o que nos achega tempo para a reflexión. Se editores e libreiros non pensamos, con seguridade que nos imos esnafrar». Para Marín non hai un futuro da libraría desvencellado do futuro do conxunto do sector, razón pola que defendeu a creación dun so gremio do libro, que traballe cunha actitude proactiva na observación dos cambios que permita «unha reubicación permanente» do sector. «Todos os que reman a prol do libro deben traballar xuntos», «Non podemos actuar sós, senón gremial e sectorialmente», «Non existe o consumidor cultural dun único produto» foron algunhas das súas afirmacións. Rematou a súa intervención presentando os proxectos nos que traballa o Gremi de Llibreters, a creación dun posgrao de libro e libraría, da plataforma dixital Liberdrac e de Libredata.