Artigos

Onte 609: Retrocesos

Anóxanme as «reformas» que o goberno Rayoy pretende aprobar estes días. Semella que en todas elas atrasamos as agullas do reloxo tres ou catro décadas. Coa «reforma» da Lei de Costas, que reduce a 20 metros o espazo de costa protexido, retrocédese a 1969, cando se aprobou aquela primeira «Lei de costas» tardofranquista coa que se iniciaron os recheos e as barbaridades na nosa beiramar. Coa LOMCE, rexeitada onte por milleiros de persoas na rúa, recupérase a segregación temperá e por sexos da LXE de 1970, os trinta e cinco alumnos por aula e as reválidas no noso bacharelato elemental, a pretensión do currículum único dos »Programas renovados» do primeiro goberno de UCD ou o carácter non troncal do galego, catalán e éuscaro (denominados na LOMCE como «lingua cooficial», coma se non o fose tamén o español), anteriores á aprobación da LOXSE. Medidas que moi pouco teñen que ver coa necesidade de reducir o elevadísimo fracaso escolar do noso sistema, que duplica a media europea, e atacar os vergonzosos niveis de paro xuvenil. Se os retrocesos educativos de Wert non abondasen, o ministro Gallardón coa súa lei do aborto pretende retroceder máis alá da lei de supostos de aborto de 1985, o que supón un ataque brutal á liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo. O máis paradóxico de ambas as tres reformas lexislativas é que ningunha delas responde a demandas dunha maioría social, a propostas de modernización do sistema produtivo ou sequera a intencións de mellorar a convivencia ou procurar maiores cotas de igualdade na sociedade. Tres »reformas» que só se poden comprender pola presión de lobbies que representan a intereses inmobiliarios ou da influencia pura e dura da igrexa católica, que con Rajoy no poder pretenden recuperar o terreo perdido. Imos mal.